Menu Xerais

Entrevista en Radiofusión: Fran Alonso retrata en «Ninguén» como nos transforman as novas tecnoloxías

Radiofusión, a programación das Radios Municipais Galegas, emitiu unha entrevista a Fran Alonso a raíz da publicación do seu libro Ninguén.

A entrevista pode escoitarse aquí en mp3. aquí


Fran Alonso retrata en «Ninguén» como nos transforman as novas tecnoloxías

“Hoxe non hai certezas” asegura o escritor Fran Alonso, quen reflectiu esa idea na temática e estrutura do seu último libro. A través de diferentes personaxes o autor reflexiona en Ninguén sobre como, impulsadas polas novas tecnoloxías, están a mudar as formas de relacionarse entre as persoas. Ao igual que pasa moitas veces coas historias que circulan pola rede, nesta obra resulta difusa a fronteira entre a realidade e a ficción. Tampouco están claramente marcados os límites entre os xéneros nunha novela que é asemade un conxunto de relatos.

Como, sentados diante do ordenador, contactamos con persoas doutra parte do planeta ou como, só a través dos ruídos que traspasan paredes, coñecemos aos nosos veciños. Alonso retrata distintos xeitos de comunicación no eido urbano fuxindo do “adoutrinamento”. “É imposible non ter unha mirada política sobre as cousas, pero intento non ser moralista nin didáctico”, explicou nos micrófonos de Radiofusión.

En Ninguén, obra que Xerais vén de achegar aos andeis das librarías, comparten protagonismo unha muller que concerta unha cita a través de Internet, un mozo obsesionado polas voces dos seus veciños ou un escritor que recibe correos dunha lista na que nunca se deu de alta, entre outros.

Comentarios pechados