Menu Xerais

«Episodios galegos» de Manuel Rivas, presentación en AchegArte

A sala Bitácora de Palexco quedou moi pequena para acoller a todas as persoas que quixeron asistir á primeira presentación de Episodios galegos. Tempos de esperpento, o novo libro de Manuel Rivas na colección Xerais Crónica. O acto, que formaba parte do apretadísimo programa de AchegArte, contou coa participación do editor Manuel Bragado e de Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio de Xornalistas de Galicia. Ao remate das intervencións Manuel Rivas recitou unha ducia de poemas, escollidos entre os de toda a súa traxectoria, acompañado á guitarra por César Morán.

Recollemos os parágrafos que Iago Martínez dedicou á presentación na súa crónica da primeira xornada de AchegArte:

Era o sitio. Presentábase o libro número vinte de Rivas na editorial Xerais, unha colección dos artigos que o escritor coruñés publica habitualmente en El País e que vén a ser, tamén, unha crónica dos primeiros oito meses de Núñez Feijóo como presidente da Xunta. Un inventario de ataques á lingua galega e unha fotografía da reacción, inédita, da cidadanía. Un catálogo de pancadas ao medio ambiente e ás industrias culturais, pero tamén un sarillo de homenaxes a Ferrín, Líster, Taxes, Berger ou Pombal. “O relato do proceso de substitución daquel esforzo compartido de facer país que caracterizou, con todos os matices que se queiran, o bipartito”, por dicilo con Manuel Bragado, o seu editor. Son, co permiso de Galdós, os episodios galegos dun deses periodos históricos “que non se sabe se van ou se rachan”, explicou Xosé Manuel Pereiro, o decano dos xornalistas, “pero que en todo caso deben ser contados”. Son, coa complicidade de Cantinflas, chanceou Rivas, ensaios xornalísticos sobre “un deses momentos moi momentáneos” da historia nos que o poder fura no miolo do asunto. Nos que se decide a andamiaxe financeira dun país ou o futuro dunha lingua. “Empezan pola palabra e logo van polo demais”, advertiu o escritor, que dentro de dúas semanas lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega. “Os obxectivos son sempre os mesmos: o territorio e os seus froitos”.

Pola súa banda, Ian fixo no seu blog unha anotación sobre o acto e recollou un anaco da gravación do recital.

Hoxe fun ben lonxe mercar o pan. Até A Coruña. No vello solar de Cultur.gal, na zona cero da súa desfeita, unha resistencia voluntariosa montou unha nova panificadora. Alí, entre mil moletes diferentes, estaba o último que Manuel Rivas deitou no acolledor forno de Xerais: Episodios galegos. Tempos de esperpento. Bragado e Pereiro gabaron o seu arrecendo e quentura. E Rivas lembrou que o pan das nosas liberdades está feito de palabras levedadas pola imaxinación. Pan para rematar coa fame negra deixada por tanta deconstrución e subtraccionismo. Non agardei a chegar a casa, na escuridade do Castromil enceitei a bóla. Pero antes de retornar á chuvia de Compostela, houbo tempo para a música de César Morán e os poemas de Rivas.

Pola súa banda, Calidonia gravou un vídeo sobre o recital:

[kml_flashembed movie="https://www.youtube.com/v/x0fPfM2mc-s" width="425" height="350" wmode="transparent" /]

Episodios galegos. Tempos de esperpento será presentado nunha roda de prensa o luns, 30 de novembro, ás 17:00 horas, na Libraría Couceiro de Santiago.

Comentarios pechados