Menu Xerais

«Episodios galegos», novo libro de xornalismo literario de Manuel Rivas

Baixo o título Episodios galegos, e o subtítulo «Tempos de esperpento», Manuel O’ Rivas ofrece o seu novo libro de xornalismo literario. Un volume no que se recollen boa parte dos seus textos xornalísticos publicados dende o pasado mes de marzo a comezos deste outono.

En Episodios galegos, o novo libro de xornalismo literario de Manuel Rivas, irrompe Gustave Flaubert con poderosa metáfora: «Sempre intentei vivir nunha torre de marfil, mais unha marea de merda non deixa de golpear os muros, e ameaza con tirala abaixo.» Na ollada tópica sobre Galicia, esa torre de marfil sería unha escaleira na que os protagonistas permanecerían suspensos na dúbida ontolóxica de ser ou non ser. Até que todo se abanea pola súbita marea dun novo esperpento. Chanzo a chanzo, cun punzante humorismo, Manuel Rivas constrúe o relato da Neogalicia neoconservadora, dominada por un neocaciquismo posh, e onde a idea motriz de «facer país» foi substituída por un «proceso de deconstrución nacional». Rivas critica unha «política de motoserra» que demouca os propios recursos, comezando pola lingua e a diversidade cultural. En Episodios galegos, a boca do xornalismo e da literatura fúndense nunha colleita que intenta, ao xeito requirido por Walter Benjamin, abastecerse da memoria «cando esta refulxe nun momento de perigo».

Episodios galegos será presentado na Coruña o vindeiro sábado, 28 de novembro, ás 19:30 horas na sala Bitácora de Palexo, dentro das actividades de AchegArte, a Feira da Industria Cultural da Coruña.

Comentarios pechados