Menu Xerais

«Escapado», a novela en palabras de Luís Lamela, o seu autor

Escapado. Do monte do Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón é unha novela que camiña entre dúas voces, dúas miradas, a do protagonista ao que a memoria achégalle aos días dunha amarga experiencia, e a investigador ou narrador que manipula os elementos históricos achegando entre outros factores, criaturas de ficción con nomes reais. Con seguridade, non hai un personaxe na novela que non puidese existir. Todos eles existiron na historia desta terra galega, todos…

Este libro, pois, é unha obra miscelánea, que ten moito de biografía, bastante de novela, algo de ensaio e moito de aventura e investigación. Un texto mestizo onde os recursos literarios e ensaísticos amplíanse e entrecrúzanse sen problemas para reflexionar en forma narrativa. A relación entre a historia que se conta e os feitos realmente acontecidos, forman, sen ningunha dúbida, unha relación literaria. E, é que, a vida en si é unha narración, reducíndose a historia a unha especie de milagre que ninguén pode garantir que puidese ocorrer. É como porlle rostro a unha metáfora.

Para escribir este relato, Escapado, utilicei material histórico, nun traballo de arqueoloxía tamén histórica, aínda que non quixen escribir un libro fiel a historia. Fantaseei a partir dunha realidade, respectando feitos capitais, aínda que dándolle un tratamento novelesco a moitos dos personaxes que nel aparecen.

E é que, a historia que aquí cóntase, a estas alturas do século XXI poucos xa sabían dela. Estaba tragado polo esquecemento. Con todo, todas foron vidas que se diluíron coa guerra civil, os exilios en Francia, en Chile ou en Estados Unidos e nos campos de exterminio nazis alemáns. Homes, todos eles veciños dos pobos e aldeas, neste caso da Costa da Morte, extensibles a toda Galicia, que tiñan soños de liberdade republicana, exterminados na guerra, derrubados na guerra coa razón dos vencidos.

Todos sabemos que a realidade supera con moito a ficción. Teófilo Caamaño, o personaxe central do libro, ou calquera outro nome que salfire estas 262 páxinas, foron homes de carne e óso, aínda que algúns feitos teñan indubidablemente un aspecto novelado. Repetimos, mestúrase, inequivocamente, a ficción coa realidade, pero é a historia duns desventurados que desapareceron da súa terra coa sublevación franquista. Con todos eles quero encher de nomes de obreiros, de mariñeiros, de empregados ou de campesiños, a historia desta terra, a historia de Galicia, nunha época aos que lle caeron todas as certezas nas que foran educados…

Unha novela con aspectos de crónica e con moita descrición da paisaxe da Costa da Morte, con vontade de ficción, e con decorado montado na época dramática dunha guerra civil. Unha novela que é á vez conto e profunda verdade. Unha biografía histórica bordada no invisible lenzo da ficción, da confusión da ficción e a biografía. Volvo repetir, que o imaxinario do autor non creou personaxes nin situacións. Aos personaxes reais, creóuselles situacións reais, aínda que quizais non todas elas vividas polos personaxes que se citan. Son todas historias particulares que se saldan entre si con preferencia por referir a historia das xentes sen historia –por razón de clase, os pobres, ou de ideoloxía, os perseguidos-. Confeso que deformei dalguhna forma a literatura dos informes militares, xudiciais ou policiais, para facela máis novelesca, aínda que sexa novelesco simplemente lelos, deixando entrever o desenlace desde as primeiras páxinas para permitir que a historia creza cos personaxes, sen as constricións dunha trama demasiado ríxida.

Definitivamente, a novela Escapado é precisamente unha historia que trata do esquecemento e da memoria dos “escapados” do monte de Pindo no verán de 1936 e de varios mozos de Fisterra e da Costa da Morte, que, alistados forzosamente no exército franquista, desertaron e pasaron ás filas do exército republicano, así como episodios importantes acontecidos no penal da illa de San Simón a personaxes desta terra, todos eles vinculados por relacións de amizade, ou pola súa orixe xeográfica, caídos nunha insoportable trampa da historia española do século XX, unha historia pefectamente extrapolable aos demais fuxidos da xeografía galega de 1936. Por todo iso, coa súa lectura coñecerán, polo menos, de onde vimos e por que somos como somos….

Este libro que hoxe presentamos nesta festa de recuperación da memoria histórica dos “escapados” e tamén de homenaxe a todos eles, que hoxe reaparecen no tecido narrativo do texto como personaxes vivos, ao retratalos con sentimento, tamén narrativo, conta a traxedia dun puñado de homes reunidos por distintos azares no monte ou nas frontes de batalla, sufrindo o drama dunha terrible e inevitable guerra civil na que non quixeron participar e durante a cal perdérono todo, desde a Patria e a familia ata os desexos, aprendendo enseguida que ata os soños máis modestos e mediocres arruínanse e malógranse…

As primeiras páxinas do libro comezan co regreso ao Pindo de Teófilo Caamaño Formoso, alcumado “O Cantolo” na súa mocidade, un ancián de 83 anos de idade e máis de 60 no exilio, un home sen acougo, perdido entre o pasado que xa non existe e o presente no que non acaba de atopar o seu lugar. Cheo de vellas cicatrices, volve aos albores do seu mundo nunha peregrinación aos lugares sacros, a aqueles días de incerteza e soños, e nunha mestura de desilusión e desesperación histórica conta golpe a golpe a súa vida, recordando o camiño percorrido e evocando e traendo ao presente en 32 capítulos a aventura sufrida por decenas de mozos a partir do mes de xullo de 1936, naquela agreste paisaxe de “escapados”, choupando nas augas procelosas da memoria, intentando completar, tesela a tesela, ese mosaico da súa propia historia e a dos seus compañeiros de fuxida…

E a través desta galería de personaxes, tamén aparecen varios dos que lles perseguiron e que conseguiron converter a súa vida nun inferno, describindo as torturas practicadas polas novas autoridades franquistas en Corcubión; a liturxia dos consellos de guerra aos que algúns foron sometidos; o aparato represivo franquista utilizado nas “sacas” e os “paseos”; as peripecias e as penurias e as condicións de vida inhumanas durante a estancia nos penais do castelo de San Felipe de Ferrol e na illa de San Simón; as extorsións económicas aos detidos; a corrupción dos funcionarios de Prisións; a tortura física e psicolóxica, as inxusticias diarias, o medo e a impotencia dos presos como pano de fondo nun escenario convulso, a inclemencia de certos sacerdotes abrazados á causa franquista; o secuestro e fuxida do pesqueiro muradán “AS”, así como o encontro cos desertores fisterráns; a traxedia dos campos de batalla nas frontes do Ebro; a derrota final da II República, o exilio e o campo de refuxiados francés de Septfonds; o Winninpeg e o exilio americano; o campo de exterminio nazi de Mauthausen, e a invasión do Val de Arán; todo iso realidades irrefutables, un puñado de historias entrelazadas para vencer o esquecemento, retratando as sombras dos mortos ao borde do axuste de contas, e, finalmente, a sorpresa dun desenlace que non podemos desvelar…

Se cadra, este libro, Escapado, que representa unha caixa negra que rexistra as causas do desastre, pode non resultar para algúns interesante, pero sei que lle resultará importante, porque con el irrompe outro deus: a Historia, recuperando defuntos esquecidos que agora pasarán a formar parte das nosas pantasmas, confirmando a realidade de que a miúdo somos o resultado dos esforzos que outros fixeron por nós. Rógolles, pois, que fagan caso a Teófilo Caamaño, que, desde a súa atalaia da Pedra Cabalgada, no alto do monte do Pindo, grita nestas páxinas: ¡Escoitádeme con atención, porque cando eu morra non quedará ninguén que vos poida contar isto!… Luís Lamela

Comentarios pechados