Menu Xerais

Espléndido este «Caderno do Nilo», de Cesáreo Sánchez Iglesias. Crítica de Miguel Sande

Miguel Sande publicou no Culturas de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre o poemario Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias.

EMOTIVO REGRESO AO DESERTO

CESÁREO SÁNCHEZ IGLESIAS VÉN DE PUBLICAR EN XERAIS ESTE NOVO POEMARIO, UNHA DEMORADA VIAXE POLO NILO QUE É EN REALIDADE UN PERIPLO VITAL

Abrir este poemario ­–hei confesalo– foi para min algo moi especial porque tiven a sensación de volver a pisar de novo o deserto. Ese deserto entre Túnez e Alxeria onde deixei soterradas palabras para sempre, ollares e tamén silencios.

Viñéronme moitas sensacións agochadas porque o deserto marca, deixa pegada nun para sempre e, sobre todo, deixa palabras: as palabras do deserto.

Esa súa infinitude éo porque se proxecta sempre cara o interior pero iso sábeo un despois, moito tempo despois. O vento que vén na noite fría do deserto e te atravesa; primeiro traspasa o mirar grande e despois a ti para que non esquezas e non has esquecer, de certo, xamáis.

Teño escrito máis dunha vez que no deserto non se sente a soidade; que onde en realidade máis se nota é despois, na cidade, mesmo nos centros comerciais.

Non sei se a Cesáreo lle sucedeu o mesmo. Teño que lle agradecer a Cesáreo Sánchez Iglesias que me levara da súa man ao deserto neste seu novo e magnífico poemario, Caderno do Nilo. Tamén el di que volveu do deserto exípcio sendo outro.

É o que ten o deserto, que te transforma, a ti, os conceptos, as túas percepcións… Por iso digo que regresas co deserto dentro xa para sempre. Cesáreo ofrécenos o diario dun poeta navegando o Nilo, unha crónica demorada, detallista, desta súa viaxe polo tempo cara ao centro, ao cabo, de si mesmo. Faino cunha escrita poética moi propia; o do Nilo vén ser un periplo vital, unha transformación como toda verdadeira viaxe. E esa sensación que se experimenta como lector de baleiro grato, fondo, verdadeiro, é só iso: deserto e nudez.

O poemario vai gañando con cada lectura, sen présa, como se anda o deserto, buscando as mesmas sombras que acobillaron xa a Herodoto e mesmo a Flaubert, sombras polas que tamén andou o noso poeta e presidente da AELG. Espléndido este seu Caderno do Nilo.

Miguel Sande

Comentarios pechados