Menu Xerais

Esta tarde celébrase unha homenaxe da ATG a Valentín Arias

A Asociación de Tradutores Galegos celebra esta tarde en Vigo unha homenaxe a Valentín Arias que terá lugar ás 20 horas no Salón de Actos do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia (Rúa Concepción Arenal 8).

O acto será presentado por Rexina Vega e nel intervendrán Xosé María Gómez Clemente, Antía Cal, Avelino Pousa Antelo, Lois Arias Castaño, Xosé Manuel Beiras, Víctor F. Freixanes, Manuel Bragado, Ana Iglesias, Camiño Noia e Mini e Mero (de A Quenlla).

Valentín Arias, falecido en Sarria en 2011, foi membro fundador en 1984 da Asociación de Tradutores Galegos, da que ocupou a presidencia. A súa figura revalorizou coma ninguén o papel da tradución no ámbito editorial en Galicia. O seu labor como tradutor recibiu numerosos recoñecementos como o premio Ramón Cabanillas de Tradución, o Premio de Tradución Xuvenil do Ministerio de Cultura e o Premio de Tradución Plácido Castro. Ao seu criterio rigoroso debemos a revisión de boa parte dos cen primeiros títulos publicados por Xerais, a redacción dalgúns dos primeiros libros de texto para o ensino do Coñecemento do Medio en Educación Primaria e a tradución de moitos dos títulos das primeiras coleccións infantís da editorial, Arroás, Xabarín e O rato Pérez . Traduciu a autores como Verne (“A volta ao mundo en 80 días”, “Viaxe ao centro da Terra”) , Le Clézio (“Mondo e outras historias”), Saint-Exupéry (“Voo de noite”), Duras (“O xardín), Ricardo Mella (“Lombroso e os anarquistas”). Preparou as versións galegas de libros de investigación como “A guerrilla antifranquista en Galicia” de Heine, “Diego Xelmírez” de Biggs ou “Os galeóns de Rande” de Stenuit.

 

Deixa un comentario!