Menu Xerais

Falcatruadas e fedellos do Conde de Waldemar: de Portomarín ao mundo. Crítica de Vicente Araguas sobre «O misterioso Dr. Saa»

O crítico Vicente Araguas  publicou unha recensión crítica sobre O misterioso Dr. Saa, libro subtitulado A historia do Conde de Waldemar, ilusionista, prestidixitador e telépata, de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños.

 

 

De Portomarín ao mundo

Manuel Rodríguez Saa, “Conde de Waldemar” (título nobiliario certamente exótico, se non bizarro, cando non directamente “friqui”), é o protagonista dun libro delicioso (dígase xa, por se as dúbidas) titulado “O misterioso Dr. Saa” (Edicións Xerais, Vigo, 2011) autoría de Xosé Díaz Díaz e Belén Fernández Guzmán. Donos, por certo, dun galego moi gustoso, opíparo diríase, onde “las cosas como son”, permitáseme o exemplo, non é “as cousas como son”, senón “cousas son cousas”. Quero dicir que o galego ten que procurarse (e salvarse) nel mesmo, e non calcando doutros idiomas, por próximos ou veciños que sexan (ou que parezan).

O Dr, Saa de marras foi un home nado en Portomarín (en 1885), que veu morrer ao lugar de partida, en 1984, tocando xa que logo coas pontas dos dedos a centuria de vida. O Dr. Saa, en fin, andivo polo mundo adiante, poñendo este por monteira, como tantos galegos do seu tempo (e posteriores) e condición, coa cousa de quen non quixo limitarse a traballos convencioais, cal o de camareiro co que encetara a boroa profesional en Lugo, para exercer toda a vida como mago, nigromante, prestidixitador, hipnotizador ou mentalista como din hoxe aos que se adican a tan fascinante choio.

E non o debía de facer mal o bo do “Conde Waldemar”, fachendoso de que o seu título chegara a el da Casa Real española, que tan ben o acollera nos anos vinte.

Cando o Dr. Saa xa era un mago coñecido e recoñecible, intérprete das súas falcatruadas e fedellos en moitos países, europeos e americanos.

Logo a fama de Rodríguez Saa pasaría a Asia, onde chegaría actuar diante do emperador xaponés, Hiro Hito.

O que lle valería, a foto que con este conservaba, salvar a vida cando os nipóns invadirán Filipinas, onde o “Conde de Waldemar” casara con terratenenta, tan gustosa ou opípara como as citadas artes do home de Bagude (Portomarín).

Logo da Guerra Mundial viría unha segunda etapa para o Dr. Saa, ocupado en actividades teosóficas espiritistas e cuhistas en diferentes países que vían ao galego como un home con talentos especiais.

Rodríguez Saa, sempre en contacto con Trapero Fardo, o seu “cónsul” en Galicia volveu a Lugo, definitivamente, en 1980. Se cadra un chisco esquecido de máis, se cadra porque aquel mundo de magos, nigromantes e demais viñera abaixo. Ao menos na atención masiva de teatros que acolleran ao “Conde Waldemar” nas súas xiras trunfais. Como a que dera por Galicia no verán de 1925, incluíndo Ferrol (Teatro Jofre).

Moi ilustrativo o apéndice do libro chamado “Documentación gráfica”, no que vemos en acción ao bo de Rodríguez Saa, todo un “craque” da maxia e mestre de exotismos e, mesmo, bizarrías.

Vicente Araguas

 

 

 

 

Deixa un comentario!