Menu Xerais

Fallado o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que Xerais publicará en maio

As obras gañadoras do V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico fállonse onte en Santiago de Compostela e, como en anos anteriores, serán editadas por Xerais e presentadas o día 3 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O escritor Xosé Manuel Pacho Blanco gañou o V Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico nas súas dúas categorías, a do Xurado e a da Audiencia, coa obra titulada Paraísos.

O xurado estivo composto por Ana Vallés, dramaturga e directora de teatro; Vanesa Martínez Sotelo, dramaturga e gañadora do premio do xurado do IV Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico; Camilo Franco, crítico teatral; Ana Rosales, responsable de comunicación da Agadic; e Ana Romaní e Anxo Quintela, directora e redactor respectivamente do Diario Cultural.

Segundo o xurado, a obra gañandora destaca polo «carácter aberto do texto da obra gañadora, así como a mestura e dominio de rexistros e modalidades, tanto da lingua oral como da escrita, e o intelixente uso da tradición radiofónica de programas dramáticos», así como polo «axeitado aproveitamento dos recursos do medio radiofónico e o uso do fragmento, da cita e a suxestión como elementos dramáticos».

Como en anos anteriores, o texto e a dramatización da obra gañadora editarémolos nun libro CD, acompañdo das tres obras finalistas: Como eliminar as manchas de vómito, de Eva Freixeira, Carne de canón, de Rebeca Montero, e Señora Carme, de Manuel Román.

No acto de entrega do vindeiro 3 de maio, convocado pola Radio Galega co patrocinio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), colabora tamén o Centro Dramático Galego (CDG).

Comentarios pechados