Menu Xerais

«Fantasmas de luz», de Agustín Fernández Paz: unha novela cargada de paixón. Crítica de Isabel Soto

Isabel Soto publicou en LG3 unha recensión crítica sobre Fantasmas de luz, de Agustín Fernández Paz.

 

Literatura para cambiar o mundo ou o orgullo da nosa LIX

Unha novela cargada de homenaxes ao cine, tanto ás vellas salas que foron esmorecendo como ás grandes películas que, sen ser a vida mesma, «axudan a entendela e enchen de esperanza o corazón»: unha novela cargada de paixón, de sentimentos, de reflexións sobre a contemporánea exclusión social, unha novela fantástica lonxe dos amores románticos de vampiros e anxos, ateigada de luz literaria e de mensaxes de esperanza por un futuro mellor no que todos temos un papel. De novo unha novela que podemos ler todos e todas, “tamén” a mocidade.

Un novo libro de Agustín Fernández Paz sempre é noticia. É o que ten gozar do recoñecemento da crítica e da comunidade lectora e do respecto e admiración de boa parte da sociedade e dos colegas de profesión, ademais de ser un dos escritores máis “visibles” para o público infantil e xuvenil grazas ao seu contacto directo con el e a unha obra ampla, sempre interesante en canto a técnicas e temáticas e de múltiples lecturas. Intertextualidade, compromiso, fíos da realidade na que se introduce un elemento fantástico son algunhas das claves ben coñecidas neste autor imprescindible no sistema literario galego.

Fantasmas de luz, a súa máis recente achega, é unha obra agardada cuxa publicación se anunciou mesmo antes que a de Non hai noite tan longa e que, en contra do que se podería pensar, non naceu inspirada na realidade social inmediata, marcada polos desmesurados datos do paro ou os movementos de reivindicación que tomaron as rúas, aínda que polas reviravoltas do sorprendente azar cadre con feitos recoñecibles, talvez intuídos polo autor na súa intelixente ollada sobre o mundo.

Apoian este feito, en primeiro termo, que Miguelanxo Prado, encargado das ilustracións deste coidado volume, indique na súa web que o autor lle enviou o texto hai máis dun ano. Á vista do resultado final pagou a pega esperar por esta nova e feliz colaboración entre ambos os creadores. A lectura de Prado ilumina acaidamente o texto, hiperboliza o seu potencial simbólico e ofrece unha brillante resolución técnica. Outrosí, cómpre reparar na ambientación temporal da historia, en 2007, e tamén na distancia entre a escrita e a súa publicación. Como adoita acontecer na produción de Fernández Paz, a novela conta cunha formulación inicial que permite rastrexar a súa xénese. Neste caso o punto de partida remóntase ao relato “Invisibles” (2000), no que atopamos o esquema previo que adquire agora un cumprido desenvolvemento da trama argumental e doutros elementos narrativos, entre eles a definición do protagonista. Pero é que, ademais, no eido da continuidade e coherencia textual interna da obra do vilalbés, Fantasmas de luz situaríase pola súa condición de homenaxe ao cinema no ronsel de Amor dos quince anos, Marilyn (1995, 2001) entre outros títulos, e mesmo no de O único que queda é o amor (2007) –co que se percibe ademais a conexión estilística–; e continuaría as reflexións arredor da invisibilidade social presentes en O meu nome é Skywalker (2003) e, sobre todo, en Cos pés no aire (1999, 2002).

Fantasmas afonda pois en temas e intereses xa tratados outorgándolles unha nova formulación. A narración en terceira persoa focalizada no personaxe principal acada o obxectivo de percorrer polo miúdo o seu interior e os acontecementos que lle atinxen desde que a súa rutineira vida se ve trastocada pola recepción dunha carta da empresa na que traballa, a cal provoca un extraordinario cambio tras o seu inminente despedimento e dá pé a un demorado balance do pasado. Acompañamos deste xeito o personaxe nunha liña de tensión in crescendo, seguindo os parámetros da novela fantástica, que contaxia no lector o desconcerto, a incomodidade, o susto, a inquietude, a angustia, a desesperación, a intensa soidade ou o desacougo, sensacións que se ven contrarrestadas en momentos concretos con pinceladas de humor –como a entrevista na Oficina de Emprego, se cadra por resultar tan recoñecible e absurda, ou nesas pequenas vinganzas dun Damián invisible que deambula pola cidade–, ata chegarmos ao final, cando case semellaba imposible a saída. A unión dos diferentes, dos excluídos, dos invisibles aos ollos do resto da atarefada marea de xente resolverá o conflito e farao a través da rede “Rosa Parks”, unha proposta de intervención social e unha mensaxe cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor e máis xusto no que ninguén estea condenado á indiferenza.
A presenza do cine na novela maniféstase primeiramente no discurso, no propio deseño de Damián e o significado que adquire no seu percorrido vital. O cine é unha sorte de vida paralela que permite ampliar os restrinxidos límites do cotián, a expresión cabal dos sentimentos, é unha universidade íntima e incluso alicerza a crónica do pasado individual e social. Damián vive con tal intensidade a súa obsesión cinematográfica que só perante os fantasmas de luz e a maxia das imaxes en movemento activa a súa mente. Pola contra, na súa existencia real actúa como un espectador ensimesmado, pasivo, sobre todo en relación coa súa historia de parella. Será a insólita mutación de estado a que provoque a reacción, a que o faga reparar nos erros cometidos: a cómoda rutina pola que se deixou levar, a incomunicación que enchoupa o seu matrimonio, as necesidades de Marga e a súa soidade a carón dun Damián sempre alleo aos problemas máis próximos, sempre coa cabeza no cine. A progresiva invisibilidade outórgalle a clarividencia precisa para se decatar da súa permanente actitude de fuxida.

O cinema tamén está presente no nivel estrutural, nunha historia concibida ao xeito dun DVD con “Tomas extra”, un menú conformado por seis breves relatos analépticos nos que a cámara individualiza personaxes e feitos esgazados do corpo do relato principal. Completamos así os comezos de Damián na profesión, en diálogo con Cinema Paradiso, e coñecemos a súa fascinación pola actriz Julianne Moore; descubrimos as escuras intencións de Don Carlos e o segredo de Marisa –unha historia de amor imposible digna de figurar en O único que queda é o amor–, e afondamos no fillo ausente e ignorante do drama familiar e na amargura que rodea os soños frustrados de Marga.

Os paratextos arroupan tamén o cine, desde a simbólica frase elixida como título, pasando pola dedicatoria a un apaixonado e verdadeiro sabio na materia como Martin Pawley, e por suposto nas citas iniciais. A homenaxe esténdese coa introdución do catálogo de 62 filmes comentados en “As películas da novela”; nos agradecementos, que engaden información sobre a escrita deste libro e sobre a presenza do cine como parte da biografía dunha xeración ávida de historias na que o autor se encadra; e coa selecta antoloxía de citas textuais adaptadas ás necesidades da trama e ao carácter do personaxe, sen esquecer o magnífico extracto escollido para engalanar o lombo do libro cunha mensaxe que afonda nun dos intereses da trama: “Non esquezan que, a pesar de todo o que lles digan, as palabras e as ideas poden cambiar o mundo”.

De novo unha novela de prosa limpa e coidada estrutura, cun ritmo que canxa coa progresión narrativa e que transita pola denominada narrativa de fronteiras tan defendida polo autor. De novo unha novela cargada de intertextualidades, de homenaxes, de paixón, de sentimentos, de reflexións sobre a contemporánea exclusión social, unha novela fantástica lonxe dos amores románticos de vampiros e anxos, ateigada de luz literaria e de mensaxes de esperanza por un futuro mellor no que todos temos un papel. De novo unha novela que podemos ler todos e todas, “tamén” a mocidade. Non cabe outra valoración que a do orgullo por termos un escritor como Agustín Fernández Paz, por dispoñer da súa obra e porque historias coma esta estean presentes nas aulas e en calquera outro espazo.

Isabel Soto

 

 

 

Comentarios pechados