Menu Xerais

Federico Cocho: «A sátira, a burla e a invasión da rúa e moi típica de carnaval»

O xornal La Voz de Galicia publicou unha entrevista a Federico Cocho sobre o seu libro O carnaval en Galicia.

 

 

«Choqueiro ven das chocas que levaban as vacas»

O xornalista é autor de tres libros sobre o entroido galego

Xinzo é un dos vértices do chamado triángulo máxico do entroido galego. Alí naceu Federico Cocho, xornalista e autor de tres libros sobre esta festa central das celebracións galegas. O último que publicou foi A festa do Entroido (Nigratrea), un volume no que actualiza O carnaval en Galicia (Xerais, 2008), que foi o primeiro. Tamén é autor de O Entroido de Xinzo no século XXI (A Nosa Terra).

-¿Entroido ou antroido?

-Entroido, é a palabra acreditada polo menos desde o século trece.

-¿Que salientaría do carnaval da Coruña?

-É un carnaval do século XXI, un carnaval urbano, como é a sociedade. Nun tempo nas cidades había dous carnavais: o dos señoritos, de casino, de batalla de flores, e o dos barrios que era máis transgresor, máis popular en tódalas expresións e, como non había medios, as bromas eran máis duras e as sátiras máis ácidas.

-¿Mudou esa diferenza?

-Hoxe o carnaval é interclasista. Revitalizouse porque A Coruña non é allea ao que pasa no mundo e hai unha corrente de revitalización de tradicións, como reacción á globalización. No caso de España coincidiu coa fin da ditadura e a recuperación das liberdades, porque antes o carnaval estaba prohibido e volveuse a celebrar. A nova cultura popular urbana incorporou o entroido con toda a enerxía. Na Coruña hai un bo carnaval.

-E Galicia non foi allea a este fenómeno…

-En Galicia é unha festa moito más ampla que as máscaras: a sátira, a burla, a invasión da rúa e moi típica de carnaval; se o clima o permite esa forma expansiva de divertirse, disfrazados, da opción de creatividade, de humor, lúdica… A Coruña tiña a súa tradición que reverdeceu, na zona da Torre cos choqueiros.

-¿De onde ven o nome dos choqueiros?

-Pois de algo que hoxe en día non hai na Coruña: choqueiro ven das chocas que levaban as vacas ao pescozo, das campanillas. Os choqueiros non son exclusivos da Coruña, chámanse así: un choqueiro, un vello, un entroido, un fargalleiro… Depende do sitio. É unha vella tradición antiga como as que máis.

-¿Estase perdendo esa costume do choqueiro de disfrazarse con calquera cousa?

-A industria comercial pon accesibles os disfraces e en lugar de facelos na casa, da inventiva, hoxe podes mercalos nos chinos.

-¿Cal é o maior risco para manter os carnavais?

-O risco é a botellización. Xa pasou con moitas romarías que tiñan esas dúas compoñentes: a relixiosa e lúdica, a profana; a primeira cústalle manterse no sentido que tiña e na profana moitas romarías son xa botellóns con raíces… No entroido está pasando tamén un pouco isto.

Comentarios pechados