Menu Xerais

Feitos que desafían a razón: «A neve interminable» de Agustín Fernández Paz. Anotación en Trafegando ronseis

O blog Trafegando ronseis publicou unha recensión crítica sobre A neve interminable, a nova novela de Agustín Fernández Paz.

 

A neve interminable

Volve o prezado mestre Agustín Fernández Paz a darlle unha volta a esa vida de misterio da que tanto goza con este novo libro A neve interminable que publica Xerais, un libro que contrúe unha ponte co famosísimo e súper-lido Cartas de inverno, publicado en 1995. Unha ponte de feitos que desafían a razón, xa que logo, de medo; porque o medo é iso: o produto de encararnos cun mundo  que non ten explicación, que racha coa convención do noso mundo racional. Podemos imaxinalo, pero aí está. Esta é a ponte que vén de rematar Agustín, paseemos por ela ben agarrados para non caer: hai trampas no camiño, buracos sen fondo, agarradeiras falsas, estradas incertas.
O mellor desta obra que vimos de ler, ademais de conter o bo facer de Agustín, é a variedade de historias que nos propón a trama principal, ese xogo de escritos e argumentos para escollermos cal nos gusta máis, unha historia de historias de diferentes voces narrativas que intercalan o que acontece cos contos que escriben @s protagonistas, esa mestura de pantasmas que foxen da soidade, vampiros moi familiares, monstros que ninguén ve e vinganzas eternas. Arredor destas, a tormenta perfecta, a que non ten fin e que sacode a relación cunha natureza que esquecemos respectar pero que sabe -tamén ela- vingar a súa autoridade.

De fondo, unha homenaxe permanente e típica do autor, ao mundo do cine e a autores de referencia como  Howard Phillips LovecraftMary ShelleyLord Byron. Deste último mesmo poderemos ler na nosa lingua o seu poema apocalíptico “Darkness”.
E todo isto xorde do interese de Agustín polas lecturas arredor do “Ano sen verán” en 1816, cunha translación semellante para pór nun lugar illado a un equipo de guionistas en circunstancias climáticas extremas.
Que lles acontecerá?

Comentarios pechados