Menu Xerais

Ficcion e historia no galeguismo: «Como en Alxeria», de Xosé Ramón Pena. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia unha recensión crítica sobre Como en Alxeria, de Xosé Ramón Pena.

Ficcion e historia no galeguismo

Se Xosé Ramón Pena, hai catro anos en A batalla do  paraíso triste, se deixaba arrolar polos fados lisboetas nunha intriga envolvente con espías ao fondo no período de entreguerras, segue agora a tripar o camiño que semella ir converténdose nun elemento axial da súa produción  narrativa como é o de procurar unha intersección entre acontementos de xinea máis ou menos histórica coa fabulación, que tamiza, distancia ou filtra sucesos que ben puideron ser verdade, ou non.

          Coido que foi Méndez Ferrín, hai algúns meses, quen se refería á apreciable cantidade de ensaios ou libros de ficción que dun tempo para acó reformulaban ou recreaban, desde o punto de vista temático, capítulos relacionados coa historia do galeguismo resistente nos tempos da ditadura. Este é, sen dúbida, o espazo que lle corresponde a Como en Alxeria, no que Xosé R. Pena incorpora, e coido que con bos resultados, desenvolver un argumento que, baixo  unha estrutura circular, alterna o relato dunha serie de preocupacións de xorne político da man dun grupo de estudantes, con certo grao de compromiso na Galicia de finais dos anos cincuenta,  coa reprodución dunha longa entrevista –ficcional, claro é- na que un dos protagonistas daquel grupo ofrece unha visión alternativa ou complementaria ás angueiras perseguidas, sempre baixo o contexto dos levantamentos armados de Alxeria, a chegada de Fidel Castro ao poder ou a presenza de Nasser en Exipto, sen esquecer esa enorme tutela que proxecta ese sedutor intelectual que é Vicente de Santiago, de quen non é difícil sospeitar, malia todos os recursos que o autor da novela vai exhibindo aquí e acolá, a personalidade dunha coñecida figura da resistencia cultural galega da posguerra.

         Con estes vimbios formúlase unha hipótese de actuación, pragada de sospeitas, dialécticas políticas, encontros e desencontros… que se converten en eixe nuclear do relato que dá vida a este libro: nese desexo de realizar algunha acción reivindicativa, allea ás directrices do galeguismo daquela altura, inflúe dun xeito determinante unha misteriosa personaxe feminina que se involucra nese mundo, un non sabe até que medida ou cando menos con que intencións, e que se achega, nunha relación igualmente enigmática e mesmo por veces folletinesca nalgún sentido, con Viana, xustamente o personaxe que emite unha voz documentada sobre o que ocorreu e que revela a razón de que todo se precipite: unha carga policial contra uns veciños que protestaban pola decisión de asolagar un val antes dos sucesos de Castrelo de Miño e que, ao meu ver, supoñen  parte do mellor desta novela pola súa plasticidade.

         Alén dese vector temático recreado, até o de agora nunca asumido fóra dalgunhas distopías narrativas ben coñecidas, e que se resolve  dun xeito que se sospeita desde o comezo, o interese da proposta talvez radique, alén dun labor de documentación excelente
reflectido en todos eses elementos que contribúen a facer verosímil a proposta –o ambiente social da época, os modos de relación, a música, a cinematografía…- na recreación dun capítulo do noso pasado que pretendeu cambiar o estado “natural” das cousas e que, abofé, se non è vero, è ben trovato.

Ramón Nicolás

Deixa un comentario!