Menu Xerais

«Florentino, o príncipe Quino», de Gloria Sánchez, na sección Un libro para cada día

Florentino, o príncipe Quino, de Gloria Sánchez, aparece  hoxe sección «Un libro para cada día», de A Nosa Terra. Reproducímolo integramente:

Gloria Sánchez e o príncipe marrau

Redacción .  ‘Florentino, o príncipe Quino’, de Gloria Sánchez, con ilustracións de Xan López Domínguez, é un conto moi porco con algunhas moscas convidadas. Edita Xerais.

A colección ‘Merlín’ presenta o novo libro de Gloria Sánchez, Florentino, o príncipe Quino, un conto para cativos que nos leva a un vello reino, hoxe esquecido porque hai moitos séculos que os animais non falan, no que gobernaban os porcos. Todo se lles ía na bosteira. Adoraban a merda, o fedor, a roña e as paisaxes ben ateigadas de moscas verdes, desas que nacen no purín.

Mais nese reino vai nacer un pequeno, o príncipe Quino, que desde ben cativo se sente a disgusto entre tanta zorropia. Incomprendido polos seus, vai ter que loitar por impoñer a súa vontade de lavarse e ulir ben nun mundo tan corricheiro. Polo seu gusto pola limpeza vanlle chamar Florentino e acabará exiliado.

Pero nesa fuxida atopará o amor e darase conta de que na vida nin todo é branco nin todo é negro, que aínda que a limpeza estea ben, algunha debilidade tamén lle senta ben ao corpo.

Comentarios pechados