Menu Xerais

Fran Alonso: «O dominio da linguaxe é unha forma de poder»

La Voz de Galicia publica hoxe unha entrevista de Cándida Andaluz a Fran Alonso, autor de Poemas birollos para ler cos ollos, sobre a transmisión da poesía ao público infantil.

 

«O dominio da linguaxe é unha forma de poder»

O escritor participa hoxe nunha nova charla do Ciclo de Literatura Infantil «Música e Poesía dende a primeira infancia»

Prosegue no campus o Ciclo de Literatura Infantil «Música e Poesía dende a primeira infancia». Hoxe, o escritor Fran Alonso presenta a charla titulada «Poesía, a música da vida».

-De qué falará aos futuros mestres?

-Máis que unha charla clásica o que farei é un espectáculo para explicar como transmitir a poesía aos rapaces. De que forma, con que palabras, enfoque… De como facela próxima. Desmitificando o concepto da poesía como algo afastado, ás veces sentimental, romántico ou difícil. Neste tema hai moitos tópicos.

-Como se achega a poesía aos nenos?

-O primeiro é mostrala como algo moi próximo, moitas veces máis do que lles parece. A poesía está na vida. Acompáñanos dende que nacemos, dende as nanas e arrolos, nas letras dos xogos e cancións infantís. Tanto a infancia como a adolescencia son dous momentos fundamentais para conectar coa poesía. Pero moitas veces os propios adultos somos os que lle temos medo. Parece que nos afastamos dela porque lle temos respecto.

-Por que hai tantos tópicos coa poesía?

-En parte hai unha visión acorada no pasado. Vén dende o romanticismo. Ás veces os propios poetas provocámolas e facemos que perduren. Que se vexa ao poeta como un ser superior que está conectado con deuses de todo tipo [ri], cun perfil elitista. E é todo o contrario. Dicía Celso Emilio Ferreiro: «A poesía está nas cousas que nos acompañan a diario».

-Que ofrece este estilo literario ao rapaces?

-Moitas cousas. A poesía está no xogo, mesmo na publicidade que usa as súas formas para impactar no espectador. Os nenos debe ser conscientes de que xogando coa palabra se domina. E o dominio da linguaxe é unha forma de poder á que pode acceder calquera. Nada nos fai máis poderosos que dominar a linguaxe, poder dicir exactamente o que queremos dicir. E cando o neno é consciente disto refórzao en todos os sentidos. Os lemas políticos tamén o fan. No libro «O meu gato é un poeta», falo un pouco disto. Hai pouco estaba fascinado cunha pancarta que vía cando ía ao traballo que dicía: ‘Eles prometen a lúa, nós defendemos á terra’. Paréceme excepcional como unha protesta social, tan crúa, utilizaba a poesía para mostrarse. Vese que serve para falar de todo e que pode utilizar todo tipo de palabras. Incluso ‘Merda’, que foi utilizada para un poema de Celso Emilio Ferreiro.

-Cal é o papel dos mestres?

-É fundamental que os futuros mestres transmitan o amor pola poesía, sen ter tan en conta o contido.

Cándida Andaluz

Comentarios pechados