Menu Xerais

Fran P. Lorenzo: «Quixen abordar a cuestión de como habitamos a cidade e como a cidade nos habita a nós»

Manuel Bragado, director de Xerais, publicou unha anotación sobre a presentación en Compostela da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, gañadora do Premio Blanco Amor de Novela 2014, así como outra anotación da presentación en Redondela, concello que xestionou a convocatoria do Premio Blanco Amor 2015.

 

 

«Cabalos e lobos» en Compostela

FoiXG00070101 unha beizón comprobar coma máis dun cento de persoas participaron onte en Compostela na presentación de Cabalos e lobos, a novela de Fran P. Lorenzo. Unha comunidade de lectores e lectoras que seguiu o fío da moi interesante conversa literaria que mantiveron a xornalista Belén Regueira e o autor sobre a novela gañadora do premio Blanco Amor de 2014.

Comezou a conversa arredor da portada do libro, que para o autor «cifra todo o que está novela». «O edificio Albo do arquitecto Francisco Castro Represas, situado entre Urzáiz e Gran Vía, proporciona a estructura, é o epicentro sobre o que fun engadindo historias nas que pretendín facer un resume do século XX en Vigo. Dende que unha familia chega no ano 14 até o estourido urbano, demográfico e industrial posterior. Na novela quixen vencellar o plano histórico co íntimo.» «Co protagonismo do edificio de Gran Vía número 2 pretendín reivindicar a figura do arquitecto racionalista Castro Represas, unha figura hoxe esquecida que deixou a súa pegada tamén en edificacións industriais como a fábrica de Álvarez, hoxe desparecida. A miña novela é un relato arquitectónico, razón pola que incluín un mapa da cidade de Vigo que pode servir de guía para seguir o relato, mais que tamén entendo lle enfade outro valor.»

«A miña intención foi abordar a relación dunha cidade cos seus habitantes. É Vigo, mais podería ser calquera outra cidade. Quixen abordar a cuestión de como habitamos a cidade e como a cidade habítanos a nós.» «No caso de Vigo, nas dúas primeiras décadas do século pasado había unha expectativa sobre o que podería ser a cidade con case un millón de habitantes, que se truncou coa Guerra Civil. Con todo, hai unha renuncia explícita a ser nostálxico.» «Pretendín conectar Vigo con Europa a través dunha familia estranxeira, neste caso unha familia alemá que tiña o seu orixe en Lübeck.»

Regueira interpelou ao autor sobre o título da novela. «Fálase moito da guerra. Creo que non hai nada máis desmoralizante que perder a propia casa, queda un se nada.« «As datas marcan o tapiz da historia relatada. Todo o que acontece está contrastado, como o concerto da Filharmónica de Viena no ano 44 no García Barbón ou o desembarco do fotógrafo Erich Andres ou como na ría fondeou o Cap Arcona. Pretendín exhumar moita memoria que estaba perdida.»

Na última fase da conversa, Belén e Fran abordaron a caracterización da obra como novela rosa e melodrama, así como os referentes musicais e literarios utilizados polo autor. «Quixen colocar todas as formas de amor no mesmo plano. Na novela fálase do básico, que é o amor. Reivíndicase o melodrama, a novela rosa, como xéneros da literatura popular. Sei que o sistema literario galego ofrece xeralmente cousas moi pudorosas. Aquí fun a tumba aberta, non me gardei nada.» «Entre todas as historias de amor da novela a miña preferida é a de tío Álvaro e Bruno, creo que é unha historia que non estaba narrada.» Rematou Fran confesando que o libro de Luís Pimental Sombra de aire na herba, publicado en Vigo en 1959, tivera un peso simbólico moi importante na novela.

Manuel Bragado

 

 

Premio Blanco Amor en Redondela

Presentamos onte en Redondela Cabalos e lobos, a novela de Fran P. Lorenzo gañadora da XXXII edición do Premio Blanco Amor. Nesta ocasión Fran utilizou os catro booktrailers que preparou Mónica Ares para enfiar a súa intervención sobre unha novela na que confesou pretendeu mesturar tres planos, «o histórico, o íntimo e o espacial.» Xustificou o título como «metáfora  do comportamento das persoas en tempos de conflito» e reivindicou a arquitectura de Francisco Castro Represas como «arquitectura patrimonial racionalista.» Nunha das súas referencias a Vigo utilizou unha frase que me pareceu memorable. «Vigo é unha cidade onde todo o mundo garda memoria das súas ofensas.» Na presentación participou tamén Javier Bas, alcalde de Redondela, que insistiu na importancia da iniciativa municipalista do premio Blanco Amor, rescatado polo seu concello o pasado ano 2014, que no actual será convocado pola Deputación de Ourense.

Manuel Bragado

Deixa un comentario!