Menu Xerais

Francisco X. Fernández Naval: «A miña novela procura un diálogo entre o íntimo e local e o universal». Entrevista de Raquel Feijóo sobre «A noite branca»

A revista Tempo de Lecer Ourense publicou unha entrevista de Raquel Feijóo a Francisco X. Fernández Naval sobre a súa novela A noite branca.

 

Titúlase: A noite branca e o seu autor é o escritor ourensán Francisco X. Fernández Naval

Unha lata de marmelo que agochaba os fíos argumentais dunha novela histórica cosida con retazos de ficción

Todo comezou cando o escritor ourensán Francisco X Fernández Naval atopou unha lata de marmelo na que a súa tía María Luísa gardaba un puñado de fotos e de cartas escritas por un voluntario da División Azul dende o frente do Este. O autor confesa que aquela información deixouno impresionado, “pero non me chamou a escribir, porque nunca pensara en escribir unha historia de guerra e menos da División Azul”. Aquela caixa coas cartas permaneceu varios meses arrombada no seu estudio, “pero tamén gardaba a foto dunha muller, a nai do divisionario autor das cartas e foi ela a que se me revelou e medrou coma o xenio da lámpada”. Aquel material serviulle ao escritor para facer “unha reconstrucción dende a memoria e o esquecemento dos que trataron ao protagonista e a súa nai”, traballo para o que consultou tamén outros fondos bibliográficos. O resultado é a novela A noite branca, un libro editado por Xerais que se presentou este venres no Liceo, nun acto no que o seu autor estivo acompañado por Luís García Mañá, Xosé Manuel Núñez Seixas -que intervíu a través de skype- e Fran Alonso. Esta presentación foi a primeira dun total de 18 que fará o autor por distintos espazos culturais do noso país. Segundo explica, “paréceme que o meu compromiso co libro debe ser total e, ademais, considero que é o que procede nos tempos de crise que vivimos. Hai que ser dinámicos, sacar o libro á rúa e poñelo en contacto directo co lector”, asegura.

A súa última novela titúlase A noite branca. Que nos pode contar deste libro?

Conta unha historia que sucede ao longo de case un século, entre a ribeira do Miño, Ponte Canedo, a Habana da emigración e a fronte do leste durante a II Guerra Mundial. É un texto que procura unha sorte de diálogo entre o íntimo e local e o universal, sabendo que a fronteira entre estes termos é difusa, de maneira que o local case sempre e universal e viceversa.

Por que este título, A noite branca?

As noites brancas é o título dunha das novelas de Dostoievski, pero o título non vén determinado por iso. Parte importante da historia sucede no Báltico, onde viven as noites brancas en tempo de verán, pero o tempo da novela é o durísimo inverno de 1941-42, ou sexa que tampouco. Pero tanto alá, como aquí, hai xente que non durme, soldados da fronte que pasan as noites en branco e nais de soldados que aquí padecen o insomnio, entre elas a do protagonista. Por aí vén o título.

Seica hai unha lata de marmelo que tivo moito que ver na escrita desta historia…

Si, a caixa de marmelo é a orixe da historia. No meu blog hai unha entrada titulada: A caixa marabillosa, porque é así como a vexo. Refreguei nela e actuou como as lámpadas dos xenios nas Mil e unha noites.

Nesa lata agochábase un puñado de fotos e de cartas escritas por un voluntario da División Azul dende o frente do Este. Que impresión lle causou esa información cando caeu nas súas mans? Soubo entón que estaba ante o comezo dunha nova historia?

A información impresionoume, pero non me chamou a escribir. Nunca pensara en escribir unha historia de guerra, e menos da División Azul. A caixa coas cartas permaneceu varios meses arrombada no meu estudio, pero ela tamén gardaba a foto dunha muller, a nai do divisionario autor das cartas e foi ela a que se me revelou e medrou coma o xenio da lámpada. Polo demais, as cartas son un documento bélico por omisión, xa que nada se podía contar da fronte, do frío, da fame, do inimigo… O exército alemán censuraba a correspondencia. Aínda así, o que contan é curioso e singular, sobre todo dende o punto de vista humano.

O libro conta a historia dun voluntario da División Azul do barrio da Ponte que recorre Europa entre xullo e outubro do ano 1941, viaxando en tren e ás veces camiñando. O protagonista da novela é, xa que logo, un personaxe real? Canto hai de ficción e canto de realidade neste libro?

Hai un soporte certo para a ficción, tanto dende o punto de vista dos personaxes, coma histórico. O protagonista existiu, pero eu non o coñecín, polo tanto o que se conta é unha reconstrución feita dende a memoria e o esquecemento dos que o trataron. O mesmo sucede con María Luísa, súa nai, para min o personaxe principal da novela.

Que outras fontes consultou para a súa escrita?

Foi fundamental a axuda do historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, un dos grandes especialistas da División Azul en España. A el débolle documentación e material gráfico. Consultei moitos fondos bibliográficos e lin boa parte dos libros escritos ao regreso de Rusia polos divisionarios. Ademais, coa fotógrafa Maribel Longueira fixen unha viaxe en autocaravana durante os meses de marzo e abril de 2011 que nos levou dende Galicia a Novgorod, seguindo exactamente o percorrido da primeira quenda da División, entre xullo e outubro de 1941, cruzando Europa. Visitamos o río Volchov, os lugares das batallas, así como o que foi hospital español en Riga.

Como definiría esta novela?

Pois supoño que é unha novela histórica-contemporánea, xa que un dos fíos chega ata o ano 2007. Penso tamén que conta unha historia nunca antes abordada pola literatura galega, malia que na fronte do leste loitaron do lado alemán arredor de 3.000 galegos. Tamén me ilusionou a posibilidade de recuperar espazo e personaxes da miña primeira novela, O bosque das Antas.

A que tipo de público vai destinada?

A todo público lector. Aínda que a estrutura poida parecer complexa, axiña se lle pilla o truco e, para min, todo sucede de maneira natural, mantendo varias liñas de tensión que manteñen atento ao lector ata o final. Unha amiga francesa, escritora, Manon Moureau, di que ten souffle, que debe significar ter sopro ou alento.

Que importancia ou que peso ten esta nova obra na súa biografía?

Para ben ou para mal é o proxecto máis importante ao que me enfrontei nunca e iso o digo dende varios puntos de vista: literario, investigador, vital, de esforzo e horas de traballo, pero tamén por ter que escribir, sen xulgar, nunha linguaxe que me é allea, como é o discurso máis duro de falanxe ou do nazismo Prepareime e adestrei antes, xa que algunhas cousas que están na novela foron probadas no último libro de relatos Para seguir bailando.

Raquel Feijóo

Deixa un comentario!