Menu Xerais

Galicia a debate: «A derrota de Galicia», de Antón Baamonde. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica de A derrota de Galicia, de Antón Baamonde.

Para debatermos

Manuel Rodríguez analiza esta semana o libro de Antón Baamonde ‘A derrota de Galicia’, editado por Xerais, e no que critica certas afirmacións recollidas nesta obra que reúne moitos dos artigos ensaísticos do autor publicados en El País.

Antón Baamonde reúne neste libro un feixe de artigos ensaísticos, algúns deles publicados antes en El País, que, como acontece cando o ensaio é verdadeiro ensaio, non só serven para expresar a opinión persoal e subxectiva do autor sobre temas de actualidade, senón tamén para provocar a discusión e o debate. Xa o mesmo título busca este debate pois derrota pode entenderse como ´perda nun enfrontamento´ ou ben ´itinerario ou dirección que se segue´.
No limiar o autor sustenta a tese que a derrota ou dirección que levou Galicia nos trinta anos de autonomía conducen á súa morte como feito diferencial (páx. 9). O autor apónlles esta derrota, é dicir, ´perda´, dun xeito orteguiano de máis a unhas elites galegas pouco preparadas ou mesmo inexistentes, incapaces de xeraren un proxecto para Galicia e mesmo á tendencia ao atraso e á rutina da sociedade galega.
O artigo que abre o libro e que dá título a todo o volume profunda neste idea do limiar. Analiza a evolución de Galicia, que nos últimos corenta anos pasou de ter un 60% da poboación ocupado no sector agrícola para agora telo no sector servizos. Tamén nestes anos deuse o fenómeno de que a poboación galega deixou de ser rural para habitar en medios urbanos ou periurbanos nunha porcentaxe do 70%. Engade que, non obstante, nos nosos medios urbanos seguen a perdurar moitos hábitos mentais propios do rural e ata se xera unha anomia ou falta de normas por este paso, tan súpeto, dunha sociedade tradicional agraria a outra urbana. Pon a orixe deste cambio, cremos que de xeito acertado, no Plan de Estabilización de 1959 dos tecnócratas do franquismo.
A seguir analiza os tempos da Transición e dos trinta anos de autonomía en Galicia, facendo un balance positivo. Chega a dicir que mesmo estaba en transo de solución o problema da diglosia castelán-galego: As divisorias do país, en particular a divisoria lingüística, parecía encamiñarse cara a unha etapa de resolución (páx. 24). Gaba que a Transición trouxo a Galicia un benestar e un desenvolvemento que non se produciría sen ela.
Eu non estou de acordo con esta valoración que da Transición e da autonomía fai o autor, na liña dos pensadores oficiais de El País. A Transición e o posterior goberno de Felipe González durante catorce anos supuxo a desactivación das propostas dos antifranquistas dos sesenta e comezos dos setenta. A república federal, o laicismo do Estado, o Ensino obrigatorio e laico, a creación dunha sociedade no eido económico máis xusta e igualitaria, a oficialidade plena do galego… todo iso caeu no esquecemento co pacto pola Constitución do 78, os Pactos da Moncloa e outros acordos similares. Este consenso non era desexado polo pobo, senón que era imposto por determinada clase política, porque na Transición había temas que non podían tocarse (a monarquía, a economía ultraliberal de mercado, a memoria histórica…) porque se irritaban os daquela chamados poderes fácticos. Despois, durante o longo goberno de Felipe González, porque había que progresar e integrarse en Europa. Agora porque non o permiten os mercados, pois, de o facermos, acabariamos na ruína máis absoluta. O gran defensor deses pactos foi El País e o grupo Prisa, que tanto gaba o autor destes ensaios. Non esquezamos que os dous grandes persoeiros de El País e mais de Prisa, son dous antigos franquistas, Polanco e Juan Luis Cebrián. En fin, quen queira máis información sobre o que supuxo este proceso pode ler un libriño que só custa cinco euros, mais que o explica moi ben: CT o la Cultura de la Transición. Crítica a 35 años de cultura española.
Cando o autor fala do esmorecemento do galego ou mesmo de Galicia non se debe só á dereita tradicional, senón tamén, aínda que Baamonde non o sinale, a que suposta esquerda tipo PSOE ou Prisa aposta no fondo por un Estado centralizado, co castelán como lingua predominante e por unha economía liberal, onde importa, cando veñen mál dadas, máis a empresa ca o chamado Estado do benestar. De aí que nestes trinta e cinco anos esmorecesen o galego e mais a conciencia galega e non é isto debido á falta de elites, á miopía dos partidos políticos ou ata á secular mentalidade de atraso que pervive nos galegos. Bo exemplo do que dicimos é a política lingüística de El Pais na edición de Galicia, que ao xeito dos españolistas Faro de Vigo, La Voz de Galicia ou ABC, reserva o galego só para as noticias e temas considerados culturais. O resto vai en castelán. O galego está ben para a cultura, mais que non saia de aí. É de novo iso do regionalismo ben entendido.
Por outra banda, o fracaso das ideas galeguistas débese non a eses motivos que aduce Baamonde de preguiza mental do pobo, pechazón e egoísmo das elites e outros atrancos similanes, senón a que o que os medios que galeguistas e progresistas teñen en fronte é moi poderoso, e iso desde os tempos da Restauración. Malia o que digan algúns estudosos de ideoloxía nacionalista, a mensaxe dos nacionalistas e progresistas nunca puido na propia Galicia co que lanzaban os defensores do Estado centralizado e conservador. Tiñan máis audiencia na sociedade galega da primeira Restauración (a de Cánovas) a Pardo Bazán ou Jaime Solá que Murguía ou a propia Rosalía de Castro. Nos tempos da República, a editorial Nós foi un tremendo fracaso de público e pasaba por serios problemas económicos, como ben sinalou Antón Capelán nun célebre estudo de hai anos.
Por outra banda, e iso tampouco o sinala o autor, o galeguismo tradicional nunca chegou a calar nos movementos sindicais ou agrarios anteriores á Guerra Civil. Tampouco se debe atribuír, como fai o autor, todo o impulso anovador ao nacionalismo. Na Galicia do XIX e do XX, forzas esquecidas polo ensaísta, como os agraristas ou movemento obreiro e campesiño de anarquistas e socialistas, tiveron unha importancia primordial, como ben teñen demostrado historiadores como Gonzalo Amoedo ou Dionisio Pereira. Os movementos obreiros e progresistas, como socialistas ou anarquistas, antes dos sesenta sempre desconfiaron do galeguismo, que no social, económico e ata relixioso era unha forza manifestamente reaccionaria. Aí están no Congreso da República os discursos de Otero Pedrayo en que se opón ao ensino laico ou a escisión de Risco e Filgueira cando no 36 o Partido Galeguista pacta coa Fronte Popular. De aí que o Fraga autonómico asumise o legado galeguista dos Risco ou Lousada Diéguez, que no fondo eran tan conservadores coma el.
Esquece o autor que o galego está nunha situación de minorización e ata de ameaza de desaparición, non polo desleixamento dos galegos nin por unha vontade suicida do pobo galego, senón porque a propia Constitución de 1978 o minoriza, cando declara que só existe o deber de coñecer o castelán, mais non o de coñecer o galego. Na discusión do proxecto de Estatuto de Autonomía o da obrigatoriedade de coñecer o galego foi un tema que non se puido tocar (os célebres poderes fácticos). O PSOE de Felipe González recorreu perante o Constitucional o artigo da obrigatoriedade de coñecer o galego. Lembremos que con ese PSOE colaboraban como parlamentarios ou ata cargos públicos preminentes personalidades de Galaxia, que tanto gaba acriticamente o autor, como García-Sabell, Casares ou o propio Ramón Piñeiro.
En fin, os males de Galicia, en canto á perda do idioma ou das características nacionais, mesmo o sometemento económico, non veñen motivadas por ese ente abstracto, misterioso e cruel que o autor denomina Madrid. Ese ente non é máis que a representación dos poderes económicos capitalistas e ideolóxicos que dominan todo o Estado español, que foron franquistas e que, coa Restauración de 1975 e coa Constitución de 1978, cambiaron aparentemente para que todo seguise igual, como na célebre novela de Lampedusa.
Por outra banda, a Galicia da Primeira Restauración (a de Cánovas, de 1875),  como ben sinala Manuel Veiga, no seu estudo O pacto galego na construción de España, preferiu aceptar o Estado central porque coidaba que iso lle ía achegar máis beneficios que a defensa da autonomía ou da independencia. Esa foi a mensaxe de Vida Gallega de Solá, o Faro ou La Voz de Galicia. Esa mensaxe calou tamén no pobo. Aínda hoxe segue a ser proverbial a angueira de ser funcionario… Fronte a isto, fracasaron ás mensaxes galeguistas, que, ademais, ata os sesenta non chegaron ao mundo campesiño e obreiro.
A segunda Restauración, a da Transición de 1975, reproduce este esquema. De aí o éxito popular de Fraga, que era visto como a persoa ideal para conseguir cousas de Madrid.
Mais esta Segunda Transición, para facer vir ao rego aos federalistas, pacifistas, nacionalistas, anticapistas ou antisistema xa non precisa do poder duro da primeira. Os medios de comunicación e ocio (entre os que se atopa en lugar destacado El País e o grupo Prisa ou a música cos Cuarenta Principales, as series e programas de televisión) ou o Ensino (non esqueza o autor que os libros de texto están na súa maioría nas mans de editoriais centralistas como as do grupo Prisa ou as das ordes relixiosas ou a influencia do ensino privado concertado, que tanto protexeu o PSOE de Felipe González) transmiten ideas a prol do Estado unitario, antiseparatistas ou defensoras do liberalismo económico, aínda que sexa malo, pero non hai outra cousa, segundo eles. Esa é a súa mensaxe.
Fronte a estes poderes moito é o que fan os galeguistas, que se teñen influencia na sociedade actual, é porque nos sesenta, xubilaron o culturalismo da xeración Galaxia, e dirixiron a súa actividade cara ao mundo sindical, obreiro e popular. O autor esquece neste sentido a profunda modernización de Galicia que supuxeron as folgas de Ferrol e mais de Vigo nos setenta, especialmente no 72. Nin se citan neste ensaio e, para min, foron ben máis importantes ca as estudiantís. Non resulta estraño que se conmemore tanto o 68 estudiantil mais ninguén lembre o 72 ferrolán e vigués?
En fin, como non quero alongarme de máis, en canto ao futuro do galego o autor lígao a unha suposta permanencia nas clases medias cultas. Eu coido, que desde o sesenta, o galego vai unido a unha concepción progresista do mundo. De aí que desde esas datas todos os movementos progresistas como o feminismo, a defensa do laicismo, o ecoloxismo, a crítica ao liberalismo neocon, a república federal, a recuperación da memoria histórica… se expresen sempre en galego. Por iso hoxe o galego, digan o que digan os sociolingüistas oficiais, non se identifica co rural e o atraso, senón con este progresismo. Se o PP e mesmo o PSOE dos Felipe González e compañía acertaron certas cotas para o galego é por este aroma democrático da lingua, que os lexitimaba na Transición. Pasados eses tempos, impúxose a realidade da defensa pura e dura de centralismo, castelán e neoliberalismo, con diversos matices, mais no fondo é o mesmo. Nesta unión engre galego e progresismo está o seu futuro.
(…)

Comentarios pechados