Menu Xerais

«George Steiner en The New Yorker», crítica de Estro Montaña

NA CIMA DO CANON

Estímulo intelectual

Edicións Xerais vén de publicar os artigos que durante case trinta anos George Steiner publicara en The New Yorker, un semanario modélico onde a cultura disfruita dun trato privilexiado. Nesa publicación participaran tamén John Updike e Edmund Wilson, e pode ser considerada a máis importante, no seu estilo, dos Estados Unidos.

Steiner é, dentro da crítica literaria e o ensaio, un moralista que está na cima do canon. Como nos sucede con Saint-Beuve, Dámaso Alonso ou o propio Edmund Wilson, estamos ante un analista con dotes superiores, e dentro da vivisección do cadáver literario un pode observar nel unhas facultades que son propias do xenio adiviñatorio dos grandes creadores.

Fillo da cultura centroeuropea, extraterritorial, políglota –deu clases en grandes universidades de Europa e América, en inglés, francés e alemán–, aprendeu grego co seu pai lendo a Ilíada. O seu centro de interese é ilimitado: matemáticas, música, xadrez, literatura, lingü.stica, filosofía, política, historia… Irónico, mordaz, cun gran bagaxe cultural, Steiner é sempre un estímulo intelectual; unha frecha que trata de abrir o corazón do home ás grandes emocións da arte; un facho que ilumina a intelixencia dos lectores coas armas irrenunciables da alta cultura.

A primeira vez que en España se publicou a súa obra foi grazas a unha tradución do galego Javier Alfaya e da súa dona, Barbara McShane. Desde entón non pararon de publicarse libros da súa autoría, de entrevistas e mesmo a súa autobiografía. En todos eles hai que salientar o afán por contextualizar a obra literaria, e a capacidade para cambiar a opinión dos receptores sobre os grandes monumentos literarios. Títulos como A morte da traxedia, Linguaxe e silencio ( “sobre a linguaxe e a política”), Despois de Babel –obra que tamén vai publicar Xerais–, Antígonas: unha poética da filosofía da lectura ou Gramáticas da creación –que explora as relacións da creación coa relixión, a literatura e a historia occidentais– dannos un retrato deste xudeu apaixonado que nos últimos tempos amosa unha gran preocupación pola transcendencia.

Os artigos publicados por Xerais amosan a súa intelixencia e a súa esixencia persoal. O libro ábrese co brillantísimo ensaio sobre Anthony Blunt, o sir profesor denunciado por Margaret Tacther no Parlamento como espía soviético. Pertence á sección “Historia e política”. Despois veñen os dedicados aos escritores, aos pensadores e os “Estudos de vidas.” Hainos dunha gran lucidez sobre Borges, Kafka, Orwell, sobre as consecuencias da caída do muro de Berlín, o que fai de menos a Cioran… Pero, cos tempos que corren, resulta de máxima actualidade o dedicado a Bertolt Brecht. Os comentarios sobre a cobiza non teñen desperdicio. Estro Montaña

Crítica de Estro Montaña publicada en «Faro da Cultura», suplemento de Faro de Vigo o 27 de maio de 2010. A páxina completa onde aparece o texto pode baixarse en pdf aquí.

Comentarios pechados