Menu Xerais

Gocei coa lectura deste libro: «O Castañeiro de Abril», de Antonio Manuel Fraga. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da crítica unha recensión crítica sobre O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga, Premio Merlín de Literatura Infantil 2013, ilustrado por Antonio Seijas.

 

 

O Castañeiro de Abril, de Antonio Manuel Fraga

Conclúo a derradeira páxina do libro e sei que este Premio Merlín 2013 acada, logo de pouco máis de un mes da súa distribución, a segunda edición. Apoio do lectorado parece, en primeira instancia, que o conseguiu e estou certo que o da crítica irá chegando pois ben o merece.

        O Castañeiro de Abril posúe unha virtude extraordinaria que o fai moi valioso pois un decátase que Antonio Manuel Fraga o construíu, en efecto, sen ter unha exacta  consideración do seu posterior receptor ou receptora, isto é, teño para min que foi ideado á marxe de segmentos de idades pois está escrito e concibido de xeito que  goza dunha capacidade admirable de chegar con efectividade a quen se achegue a el, teña a idade que for.

        A novela eríxese, ao meu ver,  como unha proposta lectora que proxecta innumerables atractivos e un deles repousa nesa tonalidade dickensoniana que se aprecia desde as primeiras páxinas, e que logo se reformula cara a outra cousa, como subvertendo o modelo, pero moi  evidente cando se deseña inicialmente o espazo, a atmosfera e os trazos que perfilan tanto o protagonista -Baltasar, un neno cego, obstinado nas súas determinacións e que vive pobremente ao abeiro de dúas tías que o desprezan- e mais de quen exerce o papel de voz narrativa: Buto, ese vello zapateiro, túzaro pero enxeñoso, e equilibrado contrapunto que nos vai informando dos acontecementos que se amorean, moitos deles, por certo, dotados dunha ironía sutil e heterodoxa.

        Alén da solvencia e singularidade con que se tratan os personaxes, e non só os devanditos, a presenza dese ser marabilloso e fantástico ao que se alude desde o título supón todo un acerto pois o autor sabe introducilo acaída, cómplice e naturalmente para nos convencer de que cousas como as que conta poden ás veces pasar e o seu discurso, que teima unha e outra vez na validez que os pequenos detalles e actitudes teñen,  antóllanseme alén de acertadas, expostas con convicción e fluidez.

      Eu gocei coa lectura deste libro e non quero desvelar máis claves argumentais, antes ben convidar á súa lectura: é quen de manter a intriga, posúe forza descritiva e esparexe  chiscadelas suxestivas como son, para min, o case esquecido oficio de canteiro que detenta con orgullo un personaxe; por riba afonda nas razón da ruindade e o engano ao que se someten algunas persoas, denuncia das malas artes empregadas pola prensa sensacionalista ou defende o  valor da propia dignidade como elementos que, por xunto, alimentan con fortuna un espléndido Merlín. Todo fai pensar nun futuro moi prometedor do autor e tampouco teño dúbida de cualificar como magnífica a lectura visual que Antonio Seijas nos agasalla nesta ocasión. Que o protagonista, e isto é moi subxectivo, teña como unha das lecturas favoritas Cairo Branco é algo que, claro, me gañou de vez.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados