Menu Xerais

Héctor Cajaraville: «Bieito Sanmarful, o xornalista que protagoniza a miña novela, sempre escribe con retranca»

Praza Pública publica unha entrevista de Alberto Ramos a Héctor Cajaraville, autor de De remate, obra gañadora do Premio Xerais de Novela 2015.

 

 

«’De remate’ é unha novela pouco convencional, anárquica, na que o lector vai construíndo a historia»

Héctor Cajaraville (Santiago, 1975) vén de gañar o XXXII Premio Xerais coa novela De remate. Trátase dun libro pouco convencional, no que se recompilan os artigos de Bieito Sanmarful, xornalista ficticio que durante anos publicou unha columna de opinión no tamén ficticio xornal Loaira. O director desa cabeceira encárgase de escolmar os artigos nun libro no que tamén se recollen fragmentos dun diario persoal, así como outros tipos de textos. O conxunto das pezas conforman un collage a través do cal o lector traza a historia vital e profesional de Bieito Sanmarful. Segundo o xurado, os textos asinados polo xornalista inventado “retratan con humor e moita chispa a Galicia actual, afondando nela con ironía e orixinais xogos de palabras”. Co Premio Xerais, Cajaraville estréase na literatura. Ademais, quedou de finalista do Premio Merlín desta mesma edición co título Quen dá a quenda?

Primeira novela e leva o Xerais. Foi chegar e encher?

Esa probablemente é a frase que máis escoitei durante o sábado pasado, na propia Illa de San Simón cando se declarou o veredicto do xurado. Saíu alguén coma min, unha persoa totalmente descoñecida para case todos os que estaban alí. Esa era a frase, porque é así. Eu fixen unha novela, que ademais é moi recente, eu escribina de finais do ano pasado a comezos deste ano. E abriu o prazo do Xerais, enviei a novela e case que apurando para presentala ao primeiro certame no que participaba. Fai un par de semanas saíron os finalistas e vexo que estaba entre eles.

E chega a semana horrible da esperar o resultado final…

Si, foi unha longa semana. Porque eu ademais, nese tempo tamén escribira unha novela máis, que foi tamén de finalista no Premio Merlín. Así que vivín bastante inquietude e, a verdade, tiña bastantes esperanzas, xa que ao chegar a estar entre os finalistas destes premios, pois creas unhas expectativas. E a verdade, é que non podo pedir máis. Dous libros que mando a dous premios e nun gaño e noutro quedo de finalista.

Non é mal balance para comezar.

Dende logo que non. E a verdade, mellor así. Mellor para min, sería un exceso e unha sobreexposición gañar os dous. Para unha persoa que comeza coma min, sería unha tolemia. Seguramente ese libro que quedou de finalista acabe por publicalo, porque os finalistas do Merlín adoitan seren publicados. En calquera caso, para min, este resultado é o máximo que podería esperar cando me presentei a estes dous premios.

Tras recibir o premio, segundo se recollía na nota de prensa, vostede declarou: “De remate é calquera cousa menos unha novela convencional. De feito, haberá mesmo quen dubide da súa condición de novela”

A ver, para min si é unha novela… Tamén me criticaron que puxera unha venda antes da ferida ao dicir que se cadra habería xente que non a consideraría unha novela. Para min é unha novela, pero sei que cando saia haberá quen o dubide. Porque ten unha estrutura que dista moito do que moitos consideran que debe ser unha novela canónica ou convencional ou que responda aos criterios de toda a vida do que é unha novela. Aquí non hai narrador que presente unha situación, que despois se desenvolve para chegar a un final. Aquí hai máis de cen textos de todo tipo, comezando por artigos dun xornalista, que é o protagonista, que colabora cun diario que se chama Loaira, un xornal ideado para a novela. Entón, temos uns vinte artigos que lle dan un pouco a estrutura á obra, ao redor dos cales se articula o resto de textos, que van dende anotacións no seu diario persoal, correos electrónicos que intercambia coa xente da súa contorna e tamén con lectores. Tamén hai poemas, hai un testamento, hai denuncias… Incorporei todo tipo de xéneros e subxéneros.

Na novela sae Ana Romaní nalgún deses textos, non?

Sae Ana Romaní, porque hai unha suposta entrevista que se lle fai ao protagonista no Diario Cultural, si. O director do xornal no que Bieito Sanmarful traballaba, que é quen se encarga de compilar e estruturar ese libro de supostos textos amalgamados do protagonista, decide incorporar a transcrición desa entrevista porque a considera de interese para completar o perfil do protagonista, que nunca se ofrece de forma directa, senón que ti coma lector tes que ir compoñendo a través desas pinceladiñas ou desas píldoras de información que se van recibindo en cada un dos textos. Esa é a orixinalidade desta proposta que eu fago.

O lector chega a un libro prologado polo director dese xornal ficticio e asinado en 2025. Que buscaba con ese xogo temporal?

Si, fixen ese xogo.  Realmente, non ten ningún peso na trama. É unha chiscadela máis que nada. No limiar que incorpora o director do xornal, debúxase un pouco o panorama que podería haber daquela. Un panorama pesimista, que implica que as cousas a mellor non van. Iso si, tampouco se debuxa un panorama apocalíptico, malia as dificultades ou limitacións que se poden vivir.

E como é exactamente ese panorama recreado no limiar?

Está todo mal. A nivel xornalístico, moitas cabeceiras desapareceren, a prensa en galego que no seu momento viviu unha boa época e tivo o seu espazo, pois vai esmorecendo aínda máis… O propio xornal, que se chama Loaira, no que Bieito Sanmarful sacou os artigos que se incorporan na novela, xa non existe. Fálase entón dende un diario desaparecido. É un pouco ese panorama pouco propicio para os medios e para a edición en galego, pero non se vive unha sensación definitiva de causa perdida.

A sintomatoloxía actual é semellante daquela.

Si, é darlle continuidade ao que estamos vivindo dende fai uns anos. Eu mesmo traballei nun xornal que xa non existe, de Luns a Venres, que ademais irrompeu con gran forza nun momento en que os xornais gratuítos tiñan o seu esplendor, parecía que ían asentarse e que podían competir cos de pagamento. Ao final non foi así. Ademais, este tiña unha dupla dificultade: que era gratuíto e que era en galego. Pagou talvez polos dous lados. Foi un proxecto bonito que durou uns anos e que aí quedará como pioneiro, pero que xa non está. E outros xornais en papel e outros dixitais quedaron polo camiño. Eu estendín a situación uns cantos anos máis, porque entendo que a tendencia é esa. Non quería nin pasarme de apocalíptico nin dar a entender que todo vai mudar. Porque non o creo. E preferín poñer esa marxe temporal, porque outorga maior liberdade para falar do presente dende unha perspectiva de futuro.

Que podemos contar de Bieito Sanmarful?

É un tipo normal, produto destes tempos. É unha persoa que rolda a corentena, sen chegar a ela. É un tipo de trinta e tanto. Os cinco anos que abrangue a novela se corresponden cos seus 35-40 anos. É unha persoa cunha inestabilidade laboral permanente, que lle obriga a vivir con certas estreiteces. Tamén é unha persoa inestable dende a perspectiva emocional, como tamén se corresponde cos signos destes tempos e con ese período da vida, que eu tamén estou atravesar. É un dos poucos elementos que temos en común, malia que o personaxe poida parecer autobiográfico. Non o é para nada, non teño nada que ver co protagonista, só que estou a roldar tamén esa idade de últimos refachos de xuventude máis ou menos dilatada e esa transición cara á idade madura xa definitiva. Tanto o personaxe coma min vivimos nesa franxa de idade que, talvez, che fai reflexionar, méteche nunha análise máis profunda do que está a ser a túa vida. Iso forma parte da intrahistoria da novela, sobre todo neses apuntamentos no diario persoal no que reflexiona sobre a súa situación no mundo e sobre todo a partir do momento en que lle detectan unha enfermidade terminal que o levará a morrer con 39 anos. Iso condiciónao profesional, social e persoalmente. Todo está tinguido desa sensación de que o que parecía un momento de transición na súa vida é, realmente, o treito final.

Sobre que escribe Bieito Sanmarful nos seus artigos?

Escribe de todo e dun xeito un tanto utópico. Eu decidín que no seu diario Loaira lle deixaron escribir sobre o que el queira. Tiña unha columna diaria, que pechaba o xornal na ultima páxina. Por iso o libro chámase De remate, que é como se titula esa columna diaria. Nos seus textos, toma posicións con total liberdade e supoño que é algo utópico na medida en que non se dá con frecuencia esa autonomía, sobre todo nun contexto como o galego. El aproveitaba esa liberdade, de feito deses vinte artigos que aparecen incorporados á novela, hai de todo. Hai dende carretaxe de votos na época electoral até o entroido, pasando polo narcotráfico, crimes da Galicia profunda… Bieito é un observador do seu tempo e de todo o que vai detectando ao seu redor. E despois si que hai unha serie de artigos que poden ser centrais que tratan sobre a lingua. El é unha apaixonado da lingua, dos xogos léxicos, da toponimia e da onomástica. En todos os artigos aparece sempre algún trazo nese sentido, pero hai algúns textos que se centran nesa temática lingüística, dende a normativa até a un apelido que lle chama a atención.

Xa o seu propio apelido é curioso.

Si. Nalgunha anotación persoal aparece a historia do seu apelido ou sobre o que el puido indagar sobre o seu apelido, que en realidade podemos dicir que foi un punto de partido para a propia novela. Eu quería un personaxe que se chamase así, despois fun construíndo a novela a partir diso. Foi o inicio do asunto. O do apelido tíñao clarísimo. Eu fixen un máster de Lingüística Galega na USC e tocoume facer un traballo sobre apelidos na comarca do Ribeiro. E alí atopei este Sanmarful, que só se dá aí e en Vigo, pero o motivo de que se dea en Vigo é basicamente porque a xente do Ribeiro marchou emigrada á zona de Vigo cando se produciu ese éxodo cando media provincia de Ourense se trasladou para alá. É un apelido do que non hai constancia sobre cal pode ser a súa procedencia e por algún motivo quedou fixado aí na miña cabeza.

Como xornalista, como é Bieito Sanmarful? Cando falamos de xornalistas nas novelas ou no cine, sempre temos prototipos: o desencantado, o cínico, o utópico defensor das esencias…

O seu perfil varía segundo o artigo. Ás veces si agroma ese desencanto, sobre todo nos artigos finais porque tamén quixen que a súa dimensión pública como articulista fose evolucionando a medida que se vai vendo que a súa situación persoal é irreversible. Esa repercusión da vida persoal no escrito é inevitable. Se el está nunha situación de duelo case consigo mesmo, iso ten que reflectirse no que escribe. Nos últimos artigos é moito máis irónico e máis desencantado, pero tamén hai outros que son moi diferentes. Supoño que lle pasa un pouco como a calquera, o ánimo flutúa segundo o día. Hai uns primeiros artigos case de risa, moi humorísticos. Loxicamente, despois os artigos cambian de ton porque falamos dun tipo cunhas circunstancias vitais complicadas. Pero en calquera caso sempre hai retranca, ese toque sempre está presente. Unha retranca que se manifesta, tanto cando escribe dende o optimismo coma cando escribe dende o pesimismo.

A cuestión da enfermidade nótase só na escrita ou explicítase na trama?

El fala moi pouco diso, trátao máis o director do xornal no limiar. El non fala diso nos artigos e parécelle mal que, a partir dun determinado momento, haxa un ruxerruxe sobre a súa enfermidade, porque se lle nota fisicamente. El sempre evita falar dese tema. Non quere darlle importancia, ademais el non quere acabar de convencerse de que iso vai ser o final. El fai plans, segue cos seus artigos, tendo novas ideas para escribir un libro que non se publica, pero tampouco sabes se chegou a escribilo ou non. Non quere que a enfermidade sexa un elemento central da súa vida, por moito que o condicione a todos os niveis. Intenta actuar coma se iso non estivese alí. A enfermidade ten peso porque se nota en como escribe e na relación cos demais, pero nunca fala do asunto directamente. Ademais na parte final, a novela xa non se constitúe con textos seus, senón con textos que xorden cando el desaparece. Hai un obituario, hai correos que recibe que un xa non sabe se os chegou a ler ou non. Un pouco a última parte xa non é el quen a xera, senón os textos que falan del.

Podemos tirar algunha idea de como ve este xornalista Galicia a través destes artigos? Hai unha radiografía de Galicia?

Esa foi unha lectura atinada que achegou ao xurado na acta. Eu, en realidade, pensaba máis os artigos un a un. Porque dese xeito fun escribindo a novela. Facía primeiro un artigo, despois redactaba os textos que o acompañaban e así, máis ou menos, digamos que se ían configurando unha sorte de capítulos. Pero si, é verdade que se xuntas eses vinte artigos sobre Galicia, sobre a Galicia de hoxe en día, de entre 2012 e 2015, pintas un panorama de Galicia, cunha visión moi particular.

Cal é esa visión?

A que ten calquera persoa da súa terra. Que é un sitio marabilloso, que non a cambiaría por nada, que tivo a sorte de nacer aquí… Ademais, el confesa que non lle pesa nada o de non ter viaxado máis por fóra. El viaxou moito por Galicia, pero non moito polo estranxeiro. E nesa parte de reflexión final, di que prefire mil veces empregar o tempo da súa vida en coñecer a súa contorna antes que dispersarse en coñecer outros sitios do mundo. E que esas viaxes ao exterior seguro que non lle ían achegar a riqueza que si descubriu ao estar nos 315 concellos de Galicia…

314 agora…

Si, pero aínda eran 315 daquela [Risos] Pero vaia, digamos, que coñeceu moi afondo Galicia e é un namorado, nótase nos artigos. Pero logo está a dualidade de que é unha terra onde pasan cousas que non deberían pasar e que se está autodestruíndo.

O libro parece un pouco un quebracabezas de textos, mais entendo que se estruturará dalgún xeito, non?

Os artigos son os elementos centrais e era o primeiro que eu escribía dos capítulos, imos chamalos capítulos para entendernos, porque marcan a continuidade da trama. E despois sempre hai unha correlación entre o artigo e os apuntamentos persoais.

Daquela podemos dicir que hai como dúas capas. Os artigos serven para amosar a dimensión pública do personaxe e os apuntamentos persoais definen máis a vida íntima, non?

Si, pero sempre coinciden no tempo. De feito, é un traballo que se explica no limiar. El busca aqueles artigos que teñen unha relación co diario persoal. Suponse que o director leu todo ese diario que a nai de Bieito Sanmarful leva ao xornal cando el morre porque o propio fillo quixo que se fixese así. Dille que llo leve ao seu antigo director, para que o lea e que, se lle ve algunha utilidade, que teña liberdade total para publicalo como queira. Dese xeito, o director le o diario e repasa no xornal os artigos publicados por Bieito. E realiza a escolma escollendo aqueles artigos que teñan unha correlación con asuntos que escribía no seu diario. É dicir, establécese ese xogo de ver o que el escribía para fóra e o que escribía para el sobre os mesmos asuntos. Despois incorpóranse algún elemento textual que xa non é nin artigos nin do diario persoal, como correos persoais ou poemas, porque tamén completan a temática que se vai desenvolvendo no diario e nos artigos. Esa é un pouco a columna vertebral dunha novela pouco convencional, anárquica, na que ao lector non se lle dá nada pechado, pero que recibe todas as pezas: ten todo o que precisa para construír a historia.

Bragado no seu discurso en San Simón enmarcouno a vostede e tamén as gañadoras do Merlín [Érica Esmorís] e do Jules Verne [Andrea Maceiras] na Xeración da Esperanza. Que opina desa etiqueta?

Se nalgunha ocasión da historia houbo posibilidade de falar de xeración… Esta non é. Primeiro, pola cantidade de xente e as diferentes temáticas que se tratan na literatura actual, son tan dispares… Despois, o día que recollemos o premio estabamos tres persoas. Eu teño corenta anos e a gañadora do Jules Verne, ten 27. Non creo que por xeración e referencias se nos poida asociar nun mesmo colectivo. A verdade, sentíndoo moito por Bragado, que é unha persoa á quen lle teño moito afecto, non creo que se poida falar de xeración. O único que talvez podemos ter en común é a sorte de que nos formamos en galego. É que… Xeración da Esperanza, ademais… En fin, non sei. Entendo que sempre intentamos categorizalo todo. Ademais, a min cústame moito pensar como escritor. Fai unha semana non era escritor… E agora tampouco o son moito máis e pensar en cuestións de xeracións… É que non me vexo.

Alberto Ramos

Comentarios pechados