Menu Xerais

Herta Müller en galego

O poeta e editor Miguel Anxo Fernán Vello fala hoxe da obra literaria de Herta Müller, traducida ao galego por Xerais, con motivo da aparición nas librarías da última novela da Premio Nobel alemana, Randea do alento. No seu artigo do xornal Galicia Hoxe, titulado «Herta Müller en galego», Fernán Vello sinala a calidade da súa obra literaria.

Cando Herta Müller foi galardoada o pasado ano co Premio Nobel de Literatura, as librarías de Madrid e de media España ficaron fóra de xogo, pois non tiñan entre os seus fondos ningunha obra á venda da gran escritora rumano-alemana; con catro títulos nesa altura, iso si, traducidos ao castelán. E entre nós, en cambio, soubemos celebrar tan alto premio levando ás nosas mans a novela titulada O home é un grande faisán no mundo, publicada por Edicións Xerais dentro da colección As Literatas no ano 2001 e traducida directamente do alemán por Franck Meyer. Pois ben, Edicións Xerais de Galicia -editora especializada en editar na nosa lingua Premios Nobel antes de selo, e van catro: Elfriede Jelinek, Harold Pinter, Le Clézio e Herta Müller- acaba de pór nas librarías do país, en tradución do alemán de Marga do Val, unha nova obra da escritora de Nitzkydorf (unha pequena aldea romanesa emprazada no distrito alemánparlante de Timisoara), e velaquí que tamén celebramos agora, e aínda máis se cabe, termos un novo libro da Premio Nobel 2009 –Randea do alento (en alemán Atemschaukel) é o título da novela- no noso idioma. Trescentas páxinas máis de Herta Müller no noso idioma, e dentro dunha colección, As Literatas, creada e dirixida por María Xosé Queizán, que conta tamén coa creación literaria -eis unha política de traducións intelixente- de autoras como Jean Rhys, Carson McCullers, Slavenka Drakulic, Marguerite Yourcenar, Agota Kristof e Katherine Mansfield, entre outras, incluíndo tamén -e é outro acerto- Emilia Pardo Bazán. A obra literaria de Herta Müller, sinalou a Academia Sueca, “debuxa a paisaxe dos desposuídos coa intensidade da poesía e a sinceridade da prosa”, e eu estou de acordo co crítico alemán Friedrich Christian Delius cando fala, referíndose á obra narrativa de Herta Müller, dun procedemento poético que consiste en romper e mesturar feitos e fantasía, unha sorte de imprimación literaria que tamén dominaba Juan Rulfo. Entre Nitzkydorf e Comala. Sempre a boa literatura.

Miguel Anxo Fernán Vello

Comentarios pechados