Menu Xerais

«Herta Muüller, a linguaxe e o perigo da verdade»

Recollemos os primeiros parágrafos da anotación de Xosé Manuel Eyré sobre a concesión do premio Nobel 2009 a Herta Müller e a edición en galego da súa novela O home é unha grande faisán no mundo:

Anda a xente aínda coa sorpresa. Ninguén contaba con ela, e velaí está. Ando lendo a novela que traduciu Frank Meyer ao galego, unha preciosa tradución, por certo. Xerais leva uns aniños ben afortunados, tanto con Pinter, como LeClezio, e agora chega Herta e tamén a teñen en catálogo. O traballo ben feito sempre ten recompensa; apostar pola Literatura con maiúscula, tamén. Velaí.

O que xa me gusta menos é a edición, o deseño editorial. Imaxino que Xerais querería tela, agora, noutra colección. Non me gusta porque desfigura. Semella unha noveliña (diminutivo afectuoso, polo tamaño) o que en realidade é unha grande novela. Levo a metade lida e, a verdade, agrádame moito.

Cando digo que desfigura, refírome ao amoreamento. Os capítulos sucédense sen espazo a repousar a lectura; obrigan a unha lectura moi mecánica, en exceso. De se fuxir dese exceso, a novela tería outra presentación, e unha lectura máis acorde ao tipo de escrita da autora. Unha escrita que valora moito a densidade semántica da palabra, a densidade e a precisión. Como tamén valora moito a capacidade expansiva do lector e a lectura, por iso mesmo semella dun certo minimalismo, se se quere camuflado de detallismo.

Lidas as primeiras referencias,  e lido o lido, comezo a ter a mosca detrás da orella. A dúbida. Ou temor. A que tanto se fale da súa linguaxe que iso leve a esquecer a inescusábel finalidade denunciadora da súa obra. Así, por exemplo, non será raro que a prensa de dereitas use iso para calar o outro. Perversión como esta son pan de cada día. Perversións que moi malintencionadamente pretenden condicionar a lectura… Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados