Menu Xerais

Historia belida e fonda: «O gato fantasma», de Xelís de Toro. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou no seu blog Criticalia unha recensión crítica sobre O gato fantasma, de Xelís de Toro.

 

 

Soños gatunos

O gato fantasma é a última achega do santiagués Xelís de Toro á narrativa de noso, unha novela curta infantoxuvenil que publica Edicións Xerais.

É esta unha historia de trasfondo simbólico e trama amatoria na que o mundo dos felinos que anuncia o propio título ten evidente protagonismo. Agora ben, lonxe de se esgotar nun simple entretemento detectivesco xuvenil, o relato ábrese a consideracións transversais máis fondas, que poden lerse en distintos niveis de complexidade segundo a idade madurativa do lectorado.

A capacidade que os soños teñen para transformar o mundo, a materialización dos nosos temores, o valor da amizade, a vontade de superación e o sentido da responsabilidade, o poder da imaxinación, a necesidade de integración e aceptación social son temas que, dun xeito máis que ameno, percorren esta narración de Xelís de Toro, escrita cunha prosa transparente, moi traballada para que nada faga empecer a súa lectura, nin sequera aos/ás máis nov@s.

Paga a pena deixarse ir na maxia espectral deste O gato fantasma, historia belida e fonda coa que Xelís de Toro confirma a súa habelencia para entusiasmar sen límites de idade.

Armando Requeixo

Comentarios pechados