Menu Xerais

Historias crúas e acedas, nas que agroman a denuncia, o compromiso e o humor: «Liquidación de existencias», de Ramón Caride. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre  Liquidación de existencias, de Ramón Caride.

 

 

Oito liquidacións e un secuestro exprés

Volve Ramón Caride a practicar ese subxénero que, na miña estima, mellor lle acae, e que mellor nos presta aos lectores. O escritor nado en Cea é un todoterreo da literatura que se defende con igual eficacia en todos os rexistros. Sobrancea, porén nesa caste de narrativa na que, con Ollos da noite, debutara en 1990: o relato curto ou de mediana extensión, no que sabe tecer historias condensadas, case que sempre negras historias que reflicten moitos dos espantos do noso mundo. Historias crúas e accedas, salferidas dun certo saibo fatalista, nas que agroman a denuncia e o compromiso, entreveradas coa ollada humorística, irónica, corrosiva, e con eses finais case que sempre sorpresivos, marca da casa dun escritor que domina a arquitectura do relato curto.

Liquidación de existencias é unha escolma de varios relatos que confirman que Ramón Caride non perdeu o olfacto  narrativo, e segue a ser un dos narradores capaces de argallar historias ateigadas de trama, e ancoradas no noso tempo e nos seus aconteceres e realidades máis cotiáns, as que fan dos seres humanos mercadores, escravos extasiados nese gran Polígono Outlet que e o mundo. Con todo, a arquitectura do libro non deixa de ser novidosa, xa que o que realmente atopamos nesta entrega é unha novela curta, “Dous de copas”, fragmentada desde o punto de vista editorial en catro entregas, e no seu desenvolvemento, o autor vai intercalando outras historias.

Esa novela curta ocupa a centralidade do libro, é a febra deste manxar literario. Andrés e o Cesariño son dous estudantes composteláns, máis vividores e falangueiros que dados ao estudo. Fodedores polivalentes de caixeiras de super, porque para facelo coas compañeiras universitarias cumpría ter teses de doutoramento en feminismo. E sobre todo, aprendices incautos de malandros. Argallan un secuestro exprés: o do promotor inmobiliario Tomás Monte ou don Tomás del Monte desde que se fixo rico, que é ademais un cagado. Todo sae perfecto, máis doado que de película. A celebración non se queda atrás. Unha enchente de marisco e unha visita ao putiferio de última xeración. O desenlace é tan tráxico como cómico, porén a cordura lectora / recensionadora impídeme desvelalo. Unha novela curta que abala entre o relato realista e o rexistro picaresco. Unha das pezas de Ramón Caride escrita con máis humor, ironía, desenfado e retranca, ateigada de sentenzas merecentes de seres antologadas . (“Isto de ser fillo serodio, como se dicía antes do empobrecemento léxico”, páxina 21). Mesmo as aparentes semi cacofonías (“Lembro que me pareceu normal ir rápido pola vía rápida, páxina 100) semellan eufonías nun rexistro léxico áxil, directo e, sobre todo, congruente cunha trama tan inverosímil como garuleira e un chisco carnavalesca.

¿Novela fragmentaria? É un dicir, porque aquí non existe dislocacións, secuencias desconxuntadas que o lector terá que mexer e enlear para que a narración teña sentido. Soamente una disposición editorial en catro capítulos entre os que o autor coloca oito relatos, verdadeiras liquidacións nun mundo oulet, restos de naufraxios, aduanadas, esbullos, aldraxes, podremias, abusos, traizóns, vinganzas, precariedade laboral, seres humanos convertidos en mercadorías de troque, que non contextualizan nin lle fan coro á principal, senón que teñen identidade de seu.

Relatos moi heteroxéneos, de feitura minimalista, que remiten a esa negrura, ás pequenas ou grandes traxedias do noso presente, e nos que chouta ese carimbo abraiante e inesperado, e mesmo paradoxal, do desenlace. No relato que inaugura o libro, “Terapia ocupacional”, unha romanesa pide case que rezando na porta dun hiper. Do macarra do seu chulo que lle esixe máis diñeiro, deféndea e deféndese un policía xenófobo, que logo enfila cara a un puticlub para se desafogar cunha romanesa do carallo, como rosma na súa mentalidade racista. “Ou de pé ou de xeoncllos” espella as escravitudes laborais de hoxe en día. Toca calar e apandar con horas extra no remuneradas para que non che digan onde está a porta. Mais o aguante infinito no terreo laboral non lle impide á camareira de piso -expresión fina da posmodernidade- a sanguenta vinganza co home puteiro co que acaba de casar. “Un ten aguantado abondo, pero  é que hoxe vou chea”, conclúe sen remorsos.

“Marca España” reflicte, con crueza e verosemellanza, a verdadeira marca do que hoxe é este país: unha corrupción tan xeneralizada que ata corrompe aos que teñen que investigala para facerlle ver a Bruselas, que é de onde veñen os cartos, que aquí se investiga a fondo. Ou os intres melancólicos do vello comunista que se ve na obriga de se adaptar, aínda que con gusto, á posmodernidade capitalista, aos seus homenaxes e mesmo ao seu viagra (“Chámalle XY”). En “A incerteza dos mariscos” atópase o lector co tema da violencia de xénero: o cocainómano de boa familia que maltrata a súa moza e que, por medo á denuncia, sérvese do seu abastecedor para que  a retire da circulación e a faga puta. O tráfico e mercado negro dos seres humanos e os seus órganos vitais lévanos, en “A consolidación do sector terciario nas repúblicas emerxentes”, á fronteira albano-kosovar para que os ricos deste mundo non perdan o tempo na espera da súa quenda nos seus países de orixe. Tamén as incompatibilidades entre un profe de instituto e un brutamontes  fraguista, con liortas e vinganzas aparecen nun dos relatos da colectánea, tinguido certamente de moito humor (“Veteranos das guerras psíquicas”). Ponlle o ramo ao volume unha trama moi ben construída en dous tempos, e moi actual (“Barra libre”): a muller desafiuzada tras o engano do seu home -“con tantos detalles amorosos como tiña”-, do notario e do director do banco, e a seguir pagando a hipoteca, porque “Á parte de burra, oito albardas”. Pasará fame pero aforrará para gozar do saibo emocional dunha arteira vinganza.

Ventamos nestes relatos, todos eles moi narrativos e nos que a evocación volve xogar un papel importante, fortes núcleos diexéticos, historias que, á vez nos estarrecen ou arrancan o noso riso, pero que dá xenio ler. Relatos de perdedores case que sempre, pero iluminados polo humor, a retranca; escritos con linguaxe áxil, “coidadosamente dura” propia do negro mundo dos abusadores, dos delincuentes, dos baixos fondos, acaroado con frecuencia con enxeñosos achados ben sentenciosos: “O soño da razón produce apnea”, é unha mostra.

Francisco Martínez Bouzas

Comentarios pechados