Menu Xerais

Hixinio Puentes: «A miña vila está case rodeada de mar e o vento que zoa faime pensar que vivo nun barco en alta mar». Entrevista de Montse Dopico

Magazine Cultural Galego, a nova plataforma de comunicación persoal da xornalista Montse Dopico, publica unha entrevista con Hixinio Puentes sobre a súa novela Winnipeg, que conta a historia dunha familia de Cariño e a viaxe no barco fretado polo escritor chileno Pablo Neruda.

 

 

«A ‘ditabranda franquista’ é un termo hipócrita. Franco e Mola sabían o que ían facer co pobo»

Hixinio Puentes tennos afeitas ás novelas de aventuras. Mais con Winnipeg, editada por Xerais, introdúcese no espiñento tema da represión, dándolle outra focaxe ao seu interese sobre a historia. Cóntao el mesmo nesta entrevista.

A nova novela de Hixinio Puentes, Winnipeg, é unha historia de represión franquista. Ou, máis ben, o relato, focalizado nunha familia de Cariño, da loita dos mariñeiros por unhas condicións de traballo dignas. Nun tempo no que agromaba un pensamento novo que cuestionaba os abusos dos vellos caciques. E, como toda novela histórica, aínda mesmo sen pretendelo, non deixa de falar, tamén, do presente. De conflito de clases. De quen quere calar aos que defenden os seus dereitos. E de quen non está disposto a permitilo.

O libro conta a historia da familia Pita, unha das moitas represaliadas no golpe do 36. Como foi o proceso de documentación e como deches coa historia?

Buscando no Arquivo Xudicial da Zona Marítima do Cantábrico materiais para outros traballos din casualmente coa causa do Arkale, recollina e gardeina. Pasado un tempo chegou ás miñas mans un libro autobiográfico titulado Historia de amor y tragedia, de José Pita Armada, que fixo de fío condutor. Ao ler en La Voz de Galicia un artigo de Ramón Chao Rego, -xornalista residente en París que escribiu L’Odyssée du Winnipeg, posiblemente logo de remexer nos Archives Nationales de París onde hai uns documentos cos títulos ‘2000 del Winnipeg’, ‘Diario de a bordo. Agosto de 1939’- sobre o barco dos exiliados republicanos, vin que aí estaba a historia dos irmáns Pita Armada e din por tirar dela.

Ao mesmo tempo, a novela relata a evolución do movemento obreiro en Cariño (dos mariñeiros), co especial protagonismo que nel tivo a CNT. Historiadores como Dionisio Pereira teñen estudado esta cuestión. Puideches completar as investigacións de historiadores con fontes locais?

Certamente o tema aínda ten algo de tabú. Abertamente non se falou de todo canto aconteceu, nin en Cariño nin na miña vila, o Porto do Barqueiro. Entre a bibliografía visitada por min está: Carlos Fernández Santander (‘Exilio Gallego de la Guerra civil’), Martínez     Bande (‘La intervención comunista en la guerra de España’), Herrera Alonso (‘Los mil días del Tercio Navarra’), Bernardo Máiz (‘Galicia na II República e baixo o franquismo’), Carlos Fonseca (‘Trece rosas rojas’) ou Silvio Santiago (‘O silencio redimido’).

E moitísimos outros entre os que lembro a Daniel Sueiro, Rafael Torres (‘La flota es roja’), Francisco Caudet (‘El exilio republicano’), Pío Moa (‘Federica Montseny’), Valentín González “El Campesino” (biografía- ’Yo escogí la esclavitud’), Blanco Paredes (‘Os sucesos de outubro de 1934 en Ferrol’), Luis Romero (‘Tres días de Julio’), Muñoz de Lara, Ramón de Valenzuela, Velasco Souto, Santiago Álvarez, Benavides, Pablo Porta Martínez (‘1937, Castelao e Souto en Valencia’), Carlos Rojas (‘Muera la inteligencia! Viva la muerte!’), Fernández Ferreiro,   Sancho Flórez…

A obra de Neruda e todos os historiadores ferroláns que xa tiñan recollido os sucesos habidos en Cariño, Ferrol Terra e Ortegal. Pero tamén falei cos vellos mariñeiros para coñecer o mundo da pesca, aspectos laborais nos tempos da república e en especial con Francisco Pita Barge (Pancho de Pita), fillo do protagonista Vicente Pita e que eu incluín na obra sendo unha criatura de brazos. El explicoume particularidades de todos os compoñentes da familia Pita Armada. Acabou a ler o borrador da obra, pero finou cinco meses antes de que saíse do prelo. Os pescadores estaban obrigados a sindicarse para poder ir ao mar. Por iso todos foron multados polo réxime Nacional con diferentes cantidades.

O narrador-protagonista non só conta, senón que xulga o que ocorre. E resalta, por exemplo, o paralelismo entre a ditadura franquista e a chilena. Semella que, na liña do proxecto ‘Nomes e Voces’, quixeches contestar as teses sobre a “ditabranda” franquista, que minimizan ou negan o que foi o franquismo. É así?

A represión franquista en Cariño e Porto do Barqueiro foi terríbel como en tantas outras vilas e cidades de toda España. Tanto en Cariño como o Porto do Barqueiro, para ser ben pequenos, fusilaron 11 homes. Basta ver ‘O alzamento de 1936 no Norte da Coruña’, de Xosé Manuel Suárez para facerse unha idea das dimensións que acadou a represión ou desartellamento da sociedade no noso país. O golpe de estado chileno tamén ten moitas coincidencias co alzamento español que, por fracasado, se converteu nunha guerra.

Franco e Mola sabían o que ían facer co pobo. A ditabranda franquista é un termo hipócrita. Eu vivín a metade da miña vida baixo o réxime de Franco. Con todo, xa non era o que foi nos anos corenta, o que significou a Garda civil nas vilas logo de rematar o maquis, a Igrexa, a fame e o medo, a propaganda do NO-DO, as fronteiras pechadas para non poder saír ao estranxeiro, o repartimento das parcelas de poder e corrupción, o boicot económico até a axuda ianqui pola sinatura das bases, os estados de excepción…

Mais tamén salientas, a través do narrador, a represión do movemento obreiro na segunda etapa da República, sobre todo tras a revolución de Asturias do 34. A novela adopta unha postura un pouco distanciada das organizacións políticas da época, tanto de esquerdas como de dereitas. Por que?

O narrador Manuel Pita fala do seu mundo perdido, a España anterior á guerra. Na bisbarra do Ortegal (estamos afastados de canto acontece no mundo, todo está demasiado lonxe. O Ortegal é o verdadeiro Finisterre, sobre todo Cariño ou o Porto de Bares, pola distancia a todas partes) a política ía da man de Pita Romero, xefe do partido Agrario axudado polo voto monárquico, Vázquez Gundín da CEDA, Casariego que será do partido republicano Radical, etc. Nos comicios de maio de 1936 no distrito ortegano o 87% son agrarios, o 7 radicais e o 2 radicais socialistas. Tan só en Ferrol houbo e hai conciencia obreira e sindical.

O libro, que podería considerarse unha novela histórica, detense bastante no relato das condicións de vida dos obreiros: a miseria, a explotación. E, como toda novela histórica, ás veces semella estar a falar do presente: as ameazas dos patróns coa escusa da crise, o intento de criminalizar os sindicatos. Quixeches subliñar ese paralelismo?

Certamente é unha novela histórica. Nela pinto un tempo ben pasado, xa pretérito: pensamento, moral, intereses, costumes, forma de vida, etc. Interesoume o tema para poder achegarme ao mundo da pesca no Ortegal. Pola prensa da época (La Voz de Ortigueira) puiden ver como era o día a día nos asuntos laborais pero a miña intención non foi facer un parangón coas condicións do mundo actual, senón reflectir o mundo que había, pintar a realidade cotiá. Non quero dicir agora unha cousa por outra, falsear os motivos. É o lector     quen pode tirar conclusións, reflexionar sobre o mundo que le e o que el mesmo coñece.

O protagonista, e os seus 10 irmáns, son fillos dun empresario fomentador. Hai un choque de mentalidades entre eles e o seu pai: eles defenden os dereitos dos traballadores, seu pai asume a ideoloxía do sacrificio e o aforro para ascender socialmente e prosperar economicamente. De que xeito quixeches resaltar esa evolución das actitudes dos propios obreiros?

O pai é un prototipo do galego individualista, emprendedor, esforzado, que se fai a si mesmo. Un home de honor. O seu sistema para medrar consiste en maior dedicación de tempo. Pola contra, o seu pillo Pepe trae ideas novas aprendidas polo mundo, os adiantos mecánicos, a fabricación en cadea. Os fillos son froito doutra xeración, por ter pais ben situados economicamente dispoñen de certo tempo de vagar e poden ler e filosofar.

Os vellos mariñeiros dende a súa vida de escasezas, instalados na ignorancia servida polos poderosos ou a Igrexa e adoutrinados no temor polas     institucións, están afeitos a obedecer, a respectar os armadores e propietarios. Pero a prensa republicana, formadora dun pensamento novo, tamén chega a Cariño traendo novos aires. Galicia toda está mudando. Dentro do ámbito mariñeiro, nacen os pósitos de pescadores e confrarías para facer fronte ás desgracias do mar, tanta viúva e orfo sen medios para sustentarse.

Aínda en 1928 a traxedia do vapor de pesca cedeirense Goiceko-Izarra, onde estaban enrolados 15 homes, deixou 7 viúvas, 35 orfos, e unha nai velliña e pobre. Para remediar as necesidades derivadas desta traxedia recolleron donativos La Voz de Galicia, El Orzán e El Correo Gallego, de Ferrol; o gobernador civil repartiu 2000 pesetas; constituíronse comisións en Cariño, Ortigueira, Ferrol e outras vilas; recolléronse donativos particulares, de equipos de fútbol, xefatura de Obras Públicas, Banco Pastor, Sociedade de augas da Coruña, empregados de diversas empresas, etc.

Outras veces organizábase un tránsito de carrozas nas cidades exhibindo aos orfos para que lles botasen moedas. Esta era a España que había: despois da desgracia, a miseria. En Cambados creárase a primeira confraría de pescadores de Galicia bastantes anos antes. Os mariñeiros xubilados normalmente ían -aínda o seguen a facer nestes tempos- ás luras e á pesca de cordel para poder malvivir. Pero nos tempos de antes, como os que se describen na novela, nestas vilas había máis humanitarismo, convivencia familiar e os que malamente podían algo, miraban polos que non tiñan, comportábanse como unha grande familia. Algo queda disto. Pouco. Os homes do mar todos os días xogan coa morte e por iso se valen mutuamente.

Chegado o 36, o narrador amósase crítico coa falta de reacción das autoridades republicanas, toma distancia respecto dos revolucionarios e lembra como Negrín persegue cenetistas…  O libro deixa unha sensación de que os obreiros foron traizoados, ou esquecidos, por todos.

Sabemos que o golpe militar estaba máis que anunciado, o presidente Casares non foi quen de apartar os nomes dos militares que se barallaban, deixou lonxe dos controis ou en relativa liberdade ao xenerais sinalados como posíbeis insurxentes. Os partidos políticos defendían aos seus, a República non soubo sumar forzas. Os presidente do goberno non se fiaba de Largo Caballero e a súa xente do PSOE. Prieto fora un dos que propiciara o levantamento do 34 en Asturias.

Falanxe e Garda Civil comezan coa represión en Cariño desde o primeiro momento. Houbo moita en Cariño?
A garda civil era quen daba a cara na represión do 34; no momento do alzamento serán os falanxistas os responsables das matanzas, os “paseos”. Dimas -nome que agocha o verdadeiro nome do encargado da orde pública de tan funesta memoria- institúese extra oficialmente ou co consentimento do gobernador civil na máxima autoridade en colaboración cos insurxentes, manda deter e é o responsábel das mortes habidas en Ferrol.

Os protagonistas conseguen fuxir (os irmáns que quedan son asasinados), e fano en barco. Logo terán que volver fuxir, desde Chile, cando chega Pinochet. Nos teus relatos das fuxidas detéctase o teu enorme interese polo mundo do mar. Nun contexto, o galego, no que ás veces se esquece a tradición da loita mariñeira, fronte á agraria por exemplo.

Debo dicir en primeiro lugar que a novela tamén e un relato de fugas, catro fugas. O mar vai ser sempre a salvación dos protagonistas. No presente da novela, o tempo do golpe de Pinochet só vai fuxir un dos irmán, Pepe, para o Canadá. Non quere revivir certas historias que xa sufrira outras veces. No tocante á miña teima polo mundo do mar é bastante natural, vivindo a carón del, mirándoo todos os días. Mesmo o clima no que vivo non reza co resto de Galicia. A miña vila está case que rodeada polo mar, a arca e a couso, e pola proa a Estaca de Bares. O vento que decote zoa en nós, faime pensar que vivo a bordo dun barco en alta mar, e xa se fai dabondo molesto, non temos froiteiras e a agricultura de subsistencia desapareceu practicamente. Os meus veciños son xente mariñeira ou que viviron do mar, patróns de pataches na mercante da cabotaxe ou enrolados cos vascos e estranxeiros, tamén moitos amigos e parentes viviron ou aínda viven nel. O mar é o meu mundo. Tamén naveguei algo en mercantes.

Os exiliados republicanos son maltratados en Francia. Reino Unido mira tamén para outro lado. Mentres diversos países de América acollen a exiliados. Quixeches resaltar a actitude dunha Europa que ollou para outro lado e permitiu o franquismo?
Certamente así é. Lembro que algún francés, moi republicano e liberal e que escoitaba en París as cancións de Paco Ibáñez ou asistía a recitais poéticos da obra de Lorca, me preguntaba como é que aínda estabamos a soportar ao ditador Franco. Pero non sei se sabería a parte de culpa que tiñan eles nesa cuestión, o mal que nos trataron nos campos de internamento ou como mudaran nas fotografías que se ofreceron ao mundo enteiro os nomes pintados nos vehículos half-tracs dos republicanos españois que liberaron París, terxiversando a historia.

Pouco despois de lembrar o asasinato de Salvador Allende, sabemos que é Arxentina o país que está a tentar xulgar a torturadores españois. Que reflexión podes facer sobre isto?

Os criminais de guerra deben responder polo que fixeron. Se hoxe é tarde para esixir responsabilidades ás persoas, nunca é tarde para contar a verdade e facer que tales feitos queden presentes para sempre na memoria, como paradigma do que non debe volver a acontecer. Se existen entre as sombras poderes fácticos e misteriosos que impiden facer xustiza, iso lévame a pensar na acción directa do anarquismo, a non crer nas institucións, a dubidar do home.

Afeitos como nos tiñas aos teus libros de aventuras (aínda que tiñan tanta reflexión e historia do pensamento polo medio como ‘Monbars’), xa agardamos máis. Tes algún outro proxecto neste sentido?

Sempre gustei do relato de aventuras. Agora estou movéndome nun par de proxectos pola “materia de Bretaña” e a miña teima pola temática do mar e dos barcos estará sempre na miña proa. Deste xeito me teñen desexado boa sorte algúns homes de mar dicíndome: Que teñas boa proa!

Montse Dopico

Deixa un comentario!