Menu Xerais

Horizonte de mestizaxe cultural. Máis que recomendable: «A estrela de oriente», de Pemón Bouzas. Crítica de Armando Requeixo

Armando Requeixo publicou unha recensión crítica sobre o libro A estrela de oriente, de Pemón Bouzas nos xornais El Ideal GallegoDiario de FerrolDiario de Arousa e Diario de Bergantiños.

 

A Epifanía literaria de Pemón Bouzas

Case parece milagroso que, na avoltura na que vivimos inmersos, aínda se atupen razóns para a ilusión e a esperanza. A lectura de bos textos literarios que consigan devolvernos a fe nun mundo mellor e máis alegre convértense, neste sentido, en pequenas alfaias que cómpre apreciar no que merecen.

Entendo que unha obra como A Estrela de Oriente, do narrador e xornalista Pemón Bouzas, é un excelente exemplo deste tipo de creacións nas que a calidade literaria e a capacidade para xerar espirais de positividade van da man.

Narrado con admirable pulso e calculada depuración, este conto longo revisita o ben coñecido relato da viaxe que os Reis Magos de Oriente levaron a cabo para a Adoración do Señor ante a súa Epifanía. Sérvese Bouzas, por tanto, de todo ese imaxinario tecido durante séculos que, parrindo de relatos prebl”blicos, evanxélicos e tamén da tradición católica tardía, acabaron por configurar unha historia na que a maxia das revelacións inesperadas, a confianza nun futuro bondadoso e esperanzado e a alegría de compartir son as tinturas coas que se minia tan delicado e fermoso retablo de sentimentos nobres.

Hai, amais, un feito que fai deste A Estela de Oriente un volume singular: foi escrito con deliberada ambivalencia, na procura de facilitar unha lectura proveitosa a aquelas e aqueles aínda en idade de soñar coa cheguda dos Señores Reis Magos, mais de xeito tal que tamén se abrise a unha outra comprensión alegórica dende os supostos decodificadores de adultos máis formados, que non deixarán de apreciar nesta obra a habelencia no retrato do diálogo intercivilizacional, a súa aposta pola mestizaxe de horizontes culturais e a súa firme reivindicación da parte máis nobre e espiritual dese errático animal que os humanos somos.

Por tanto, pensando naquelas e naqueles que, ante a proximidade do vindeiro día de Reis, anden na procura de proveitosos gulanos cos que iluminar o rostro dos seus seres queridos -especialmente se estes son ’esos locos bajitos’ da canción-, saiban que teñen neste A Estrela de Oriente de Pemón Bouzas unha máis que recomendable suxestión, pois non só a presteza coa que os sucesos se desencadean fai desta narración un relato de acción enguiolante, senón que as atmosferas que a través das pertinentes descricións e os acaídos diálogos consegue tracexar nos transportan con inusitada vividez a un tempo e un lugar que simboliza moito do mellor que entre nós habita aínda.

As máis novas e novos han agradecer tamén as ilustracións cheas de forza e colorido coas que Marcos Calo puxo luz a este emotivo relato de PemónB ouzas, e tamén lles prestará alegrar a vista con elas aos non tan mozos, pois se algo hai que define esta A Estrela de Oriente é xustamente ese abrirse an territorio da xenuína inocencia natural, para recuperar así esa confianza nos nosos semellantes e na ledicia do gozo e a celebración comunais que tantas veces semellamos ir perdendo cos anos e as arestadas vivencias deste esgrevio camiñar que en ocasións nos toca en sorte. Aprender -tamén aprehender, claro é-, a historia máxiea dos Reis Magos é regresar (ou ingresar, segundo as idades) ao mundo do posible, dos anhelos e os soños que poden ser, do que nos une e nos impulsa, con nobre sentimento, a un porvir menos escuro.

¿E el non son razóns abondas estas para regalar(se) A Estrela de Oriente?

Armando Requeixo

Comentarios pechados