Menu Xerais

Humor e lectura agradable con carga social: «As sete mortes de Leopoldo Pardo», de Jorge Emilio Bóveda. Crítica de Xosé Manuel Eyré

O crítico Xosé Manuel Eyré publicou no seu blog Ferradura en tránsito unha recensión sobre a novela As sete mortes de Leopoldo Pardo, de Jorge Emilio Bóveda.

 

Outro caso de Leopardo

A literatura posúe múltiples camiños para facernos repensar a sociedade na que vivimos, un deles é o humor, que é o que emprega Jorge Emilio Bóveda nesta ocasión, rescatando unhapersonaxe de anteriores entregas, Leopoldo Pardo, Leopardo, axente 007 da compañía Nationale Switzerland de seguros, ex-presidiario e antigo vixilante xurado. A el lle encargan que asegure sete pezas, sete obxectos emblemáticos da cultura galega, un exemplar da primeira edición do Sempre ne Galiza de Castelao, a máquina de escribir de Blanco-Amor, un cadro do pintor ourensán Tomás Bóveda, a caveira de Breogán, os lentes de Currros Enríquez, un exemplar do Estatuto de Autonomía de 1936 e as cordas vocais do señor Sieiro, que é quen contrata os seguros. Cada destes obxectos leva aparellado un valor: o libro, a verdade; o cadro, a bondade; a máquina de escribir, a integridade; os lentes, a vida; o Estatuto, a paz; a caveira, a honestidade e as cordas vocais o coñecemento. E para lograr que o señor Sieiro asegure eses obxectos, Leopardo ten que demostrar un contravalor de cadanseu valor, así que terá que demostrar a existencia na sociedade de mentira (contraria á verdade), manipulación (oposta á bondade), corrupción (antónima da integridade), a morte (oposta á vida) a agresión (contraria á paz), a envexa (oposta á honestidade) e a ignorancia ( contraria ao coñecemento). Para iso entrégalle ao axente 007, a Leopardo, uns lentes cos que gravar documentos que demostren eses contravalores, a cambio dunha suculenta compensación económica nun paraíso fiscal.

            E a novela consite niso, na demostración de que esta é unha sociedade baseada na mentira, na manipulación, na corrupción, na morte, na envexa e na ignorancia. Cos seus lentes, Leopoldo Pardo vai gravando sucesivos acontecementos que demostran eses sete contravalores. O propio Leopardo xa encarna eses sete contravalores en moi boa parte, por iso o señor Sieiro lle recrimina varias veces que se inmisce pouco. É dicir, estamos ante un antiheroe, non ten os stributos do heroe aínda que teña que facer de tal, que nos ofrecerá un espello da sociedade. O espello dunha sociedade para quen Blanco-Amor é o nome dun centro de ensino, o mesmo que Curros Enríquez. Unha sociedade abrazada aos realitys, aos contidos audiovisuais, que non se importa pola ignorancia, que tolera a envexa e fai da corrupción, a manipulación e a mentira os seus motores sociais.

            Contada con desenfado, fai da ironía e o esperpento dúas maquinarias que espellen a realidade sen ambaxes, sen manipulación, esa sociedade que está aí aínda que non a queremos ver. Ben é certo que ás veces beirea o xoguete cómico mais non está concebida para iso senón para proporcionar unha lectura divertida á vez que intelixente, pois ambos conceptos non se opoñen senón que o autor logra que se complementen. Un achado que cómpre celebrar como se merece, pois fai que  a lectura sexa descontraída á vez que proporciona as suficientes ancoraxes para reflexionar sobre o que non queremos ver malia estar aí, ante nós, unha sociedade despreocupada dos axentes morais, que vive de costas a si mesma facendo dos contravalores éticos o soporte que  a erga. Para espellar esa sociedade, Leopardo non precisa espectaculares gravacións, a contorna en que vive proporciónalle os elementos necesarios en Auria, a cidade na que mora. Nin o autor necesita espellos deformantes á hora de darnos unha imaxe irónica, mesmo esperpéntica, de tal sociedade, abóndalle con escravar un chisco no realismo que temos diante dos ollos e non queremos ver.

            Eis unha concepción da lectura, e da literatura, como un exercicio agradábel, mesmo  divertido, que contrasta con esa idea segundo a cal lectura e literatura son dous sesudos conceptos que hai que enfrontar con gravidade. Pola contra, o lector d´As sete mortes de Leopoldo Pardo non perde o sorriso, sen que o  humor faga diminuír a carga social reflexiva que a novela leva incorporada. Porque o autor soubo moi ben escapar do caricaturesco, da carnavalada sen máis, do sorriso baladí. Lamentablemente non todo é positivo, o autor non demostra moito apego pola onomástica galega (Maricarmen) aínda que esta sexa divina (Dios), caendo nun exercicio de hiperrealidade quen ben era escusábel. Mais o que, porén, temos que agradecer que non caia no chiste fácil, afortunadamente nunca é así.

Xosé Manuel Eyré

Comentarios pechados