Menu Xerais

Imprescindible para coñecer a situación das linguas minoritarias e minorizadas no Estado español, «O valego», de Xosé Henrique Costas. Crítica de Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre O valego. As falas de orixe galega do Val do Ellas (Cáceres-Estremadura), de Xosé Henrique Costas.

 

 

Moito máis ca un estudo dialectal

Quen non sexa lingüista ou filólogo profesional, ao ver o título deste libro, coidará que está perante un estudo máis dunha fala local ou dunha rareza lingüística que só pode interesar ao círculo sempre reducido dos eruditos. Este libro é, evidentemente, un estudo sobre unha fala ou dialecto, realizada por un dialectólogo profesional, mais resulta tamén un libro imprescindible, entre outras cousas, para comprender dunha vez por todas cal é a situación lingüística real que se vive no Estado español. Deste xeito, o seu primeiro capítulo, Contexto lexislativo e político das linguas minorizadas, debía de ser de estudo obrigado en todas as facultades de filoloxía de España e considerado como guía en todos os textos escolares, desde Primaria a Segundo de Bacharelato, que tratan o tema da realidade lingüística de España.

Como xa digo, o primeiro capítulo do libro analiza o contexto legal e político das linguas minoritarias e minorizadas en España. Este capítulo é do mellor que se ten escrito sobre o tema e, como digo, debía ser guía para a explicación deste asunto en todos os programas de Primaria, ESO e Bacharelato, xa non só de Galicia, senón de España. Tamén debería ser asumido polos libros de texto destes niveis ao trataren este tema. Xa que logo, este capítulo é para min de lectura e estudo obrigados para todo o profesorado. E non digo máis, para non destripar o que expón Costas.

O capítulo II analiza polo miúdo a lexislación da UE sobre as linguas minoritarias e minorizadas. Pode resultar tedioso o tránsito por tanta disposición legal, mais tamén resulta esclarecedor para entender a consideración que á UE lle merecen as linguas minoritarias e minorizadas e as políticas que propón en relación con elas. Así mesmo é imprescindible para ver como o Estado español incumpre moitas das disposicións neste sentido da UE.

Na parte máis estritamente dialectal, formada polos capítulos dedicados ao estudio das falas de orixe galega do Val do Ellas en Estremadura, o autor amósase como o filólogo e dialectólogo competente que é. Esta parte é a que, en principio, lle pode resultar máis prescindible ao lector ou mesmo ao profesor. Mais as atinadas informacións que nos dá sobre a historia medieval de Galicia e do galego ou os cadros en que compara características lingüísticas dos diferentes romances do contorno do galego, así como as nocións xerais que manexa sobre sociolingüística ou lingüística en sentido estrito fana máis que útil, especialmente para o profesorado de lingua e literatura.

Un apartado que me gustou moito foi o da incidencia do castelanismo nestas falas galegas de Estremadura. Cita o profesor Costas na fala dos máis novos a pronominalización verbal á castelá de moitísimos verbos (morrerse, quérse, montarse, subirse…)… e as estrañas contraccións de pronomes a que iso dá lugar: non me comí a sopa… (páx. 198). Nós, aquí neste blog, sinalamos o mesmo castelanismo en moitas das obras literarias que comentamos. Xa ven, o que parece que nos queda tan lonxe, unha fala galega en Estremadura, que próxima está a nós, sobre todo no que se refire á presión abafante do castelán.

En fin, libro que, xa digo, ten que ser de consulta e estudo indispensable non só para o profesorado de galego, senón tamén de español, sobre todo, como afirmei enriba, para tratar da situación das distintas linguas faladas en España. Cumpriría que estes capítulos os lesen os membros da chamada Escola Lingüística Española, os académicos da RAE e todo o profesorado de Lingua e literatura castelá do Estado español, así como os autores e autoras de libros de texto. Así non seguirían a propagar as deformacións que sobre o asunto transmiten estes textos. Non lles viría mal tamén a súa lecturiña aos Pedro J., Cebrián, Savater e demais progres que pontifican sobre eses inventos da lingua común, imposición lingüística… Non cito o tuzarismo político e cultural galego, porque eses son irrecuperables. Eu só digo que estou a redactar nestes momentos uns libros de texto para Lingua e literatura galega e seguirei ao pé da letra o que di Costas nestes dous primeiros capítulos do libro, como xa fixen hai anos cun pequeno gran libro deste profesor, Guía das linguas de Europa (edicións Positivas).

Para rematar, e para que vexan que o profesor Costas non esaxera cando ao longo deste libro fala da tremenda influencia e poder abafante do castelán sobre o galego e as outras linguas de España, nin el mesmo, tan afouto batallador contra o castelanismo e mais o españolismo, se libra de caer no devandito castelanismo. Así na páx. 14 usa o castelanismo profundización no canto dos estándar afondamento, profundamento. Ná páxina 52 incorre no castelanismo ortográfico con extendidas. Mesmo se lle coa un xerundio de BOE no canto da oración de relativo ou especificativa en este autor escríbelle unha carta ao conselleiro estremeño de Educación denunciando o proxecto…

Volvendo ao rego, non se deixen enganar polo título. Non estamos perante unha monografía erudita, senón perante un libro de lingüística imprescindible para o profesorado ou para calquera persoa que queira coñecer de verdade a situación das linguas minoritarias e minorizadas no Estado español, pasando dos tópicos oficiais e do que adoita lerse nos medios, mesmo nos galegos do tipo La Voz de Galicia ou Faro de Vigo.

Manuel Rodríguez Alonso

Comentarios pechados