Menu Xerais

Indispensable: «Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento», de Xosé Ramón Pena. Crítica de Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publicou en Galicia Confidencial unha recensión crítica sobre Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento, de Xosé Ramón Pena.

 

Indispensable historia da literatura galega

“Historia da Literatura Galega II. De 1853 a 1916. O Rexurdimento”, é unha obra indispensable para os profesionais da lingua, mais tamén para todos os que queiran coñecer ben que é Galicia e de onde vimos. Tamén o seu complicado futuro. Artigo do tradutor Manuel Rodríguez Alonso.

Sae no remate do 2014 esta obra que resulta indispensable, xa non só para os profesionais da lingua e mais da literatura, senón para calquera persoa que aspire a coñecer de verdade a realidade galega e como se formou iso que chamamos galeguidade ou galeguismo. Pena estuda, en principio, a literatura galega do Rexurdimento, mais tamén o rexurdir da lingua, da cultura ou mesmo da identidade de noso nesa etapa crucial que foron os anos do Rexurdimento, que Pena data entre 1853 e 1916.
Pena sitúa o comezo do Rexurdimento na publicación de A Gaita Gallega (1853) e a súa finalización en 1916 (fundación das Irmandades da Fala). O catedrático do Santa Irene vigués analiza, e faino moi ben, a literatura do Rexurdimento. A propósito das tres grandes figuras, por exemplo, peneira toda a bibliografía existente e, despois desta escolma, dá opinións e interpretacións de seu. Non obvia a discusión de temas conflitivos ou de actualidade como, por exemplo, o da misoxinia de Pondal. Non se deixa impresionar polos criterios de autoridade e cómpre ler, neste sentido a referencia crítica que fai á caracterización física de Rosalía debida ao, por outra parte, gran figura da filoloxía galega Carballo Calero na súa, aínda hoxe, imprescindible Historia da literatura galega contemporánea.
Pero, o que atrae desta historia da literatura é que vemos a literatura incardinada na evolución da lingua, da cultura e mais da política-economía-sociedade da época. Paradoxalmente, o Rexurdimento prodúcese durante a Restauración, que supón un devalo no galego e un aflorar vizoso do españolismo, lingüístico e mais político. Neste sentido cómpre ler o estudo de O Divino Sainete que realiza Pena, en clara relación co españolismo da Pardo Bazán.
Por outra banda, Pena preséntanos o Rexurdimento como un movemento de noso, mais que é tamén universalista, pois, especialmente as grandes figuras do Rexurdimento, aparecen situadas no desenvolvemento e progreso da literatura universal. Os nosos Curros, Pondal ou Rosalía son figuras de noso e crean literatura de noso, mais tamén participan na renovación da literatura universal que se está a producir naqueles tempos. Fixa, ademais, de forma indiscutible o carácter progresista do noso Rexurdimento considerado no seu conxunto.
Pena escribe para o profesional da lingua e da literatura (xa digo é obra inescusable para todos aqueles que nós temos denominado profesionais da lingua ou da palabra, que non son só profesores e escritores, senón tamén xornalistas ou políticos), mais tamén para o público en xeral. A información e ata a erudición non lle impiden ser ameno e vese ben que sabe botar man dos recursos do xornalista e novelista que tamén é ou mesmo das habelencias pedagóxico-lingüísticas do profesor que leva anos e anos loitando cos rapaces e rapazas do Ensino Medio.
Xa digo, obra indispensable para os profesionais da lingua, mais tamén para todos os que queiran coñecer ben que é Galicia e de onde vimos. Segundo se di que hai unha tríade no Rexurdimento (Rosalía-Pondal-Curros), no eido da investigación da literatura galega hai así mesmo unha tríade que é a formada por Carballo Calero (Historia da literatura galega contemporánea), Méndez Ferrín (De Pondal a Novoneyra) e agora X.R. Pena con esta súa Historia da Literatura Galega.
Como estamos no Nadal e esta é unha época de mercar regalos para amigos e familiares, un bo galano é regalarlles aos nosos familiares ou amigos este tomo II da Historia da Literatura Galega. Poucas veces se deu tanto por tan poucos euros.

Comentarios pechados