Menu Xerais

Inseguridade e medos: «Augusta e os seus medos», de Sabela Fernández Trelles e Alicia Suárez. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en Caderno da Crítica unha recensión sobre o álbum ilustrado Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles, ilustrado por Alicia Suárez Otero.

 

 

Augusta e os seus medos, de Sabela Fernández Trelles

Alén da elaboración de diverso material didáctico e mais da peza de literatura infantil titulada  As aventuras de Mariña e Lucas (2012), Sabela Fernández Trelles realiza agora a súa segunda incursión neste ámbito con Augusta e os seus medos, e faino acompañándose na lectura gráfica polo traballo de Alicia Súarez.

     Editado en gran formato, este álbum ilustrado perfila, a través do personaxe de Augusta, un trastorno do comportamento vinculado coa inseguridade e algúns problemas derivados del como son os da socialización. Eses “medos” que atenazan a Augusta e que imposibilitan gozar dalgunhas das cousas boa que pode traer a vida, esa dificultade que ela mesma advirte para poder ulir, viaxar, falar ou soñar vai ser solventada a través do cotián, de mans dadas coa imaxinación, algo que contribuirá a quebrar esa barreira, en aparencia infranqueable, que a soidade e a introspección van construíndo.

    A autora ofrece, así pois, un suxestivo relato inspirado nun proceso de (auto)descubertas, alicerzadas en pequenos, sinxelos pero ao tempo efectivos e enxeñosos estímulos, que a propia Augusta debe ir por ela soa experimentando para, en definitiva, enfrontarse, con afouteza, aos seus propios medos.

Ramón Nicolás

Comentarios pechados