Menu Xerais

Intriga, achádegos, misterio: «Os fillos do mar», de Pedro Feijoo. Artigo de Xavier Castro Rodríguez

Xavier Castro Rodríguez publica en Galicia Hoxe un artigo sobre Os fillos do mar de Pedro Feijoo.

 

As xeografías do mar e dos seus fillos

Hai nesta novela de Pedro Feijoo, -que abre unha dimensión de entusiasmo no autor (finalista do Premio Xerais e esgotada a primeira edición) e nos lectores, unha sorte de débeda coa memoria, persoal (da que o novelista extrae e fusiona lembranzas dun pasado familiar e íntimo) e colectiva, onde a urbe, Vigo como motivo recorrente e base poderosa, claro está, mantén a pulsión do acontecido no discurso narrativo ofrecendo unha singular visión de verosimilitude e unha perspectiva novidosa que agradecemos en cada capítulo.

Os fillos do mar’ (Editorial Xerais), unha novela de máis de catrocentas páxinas nas que o lector observa, debruzado na varanda dun tempo e nos balaústres dunha realidade social ben identificada, espazos e personaxes que van cicelando a historia, mellor as historias, cosidas e enleadas: guerra civil, narcos, nazismo, Rande, o galeón Santo Cristo de Maracaibo… As partes, coma elos con nomes propios (Simón, Mariña, Daniel, Eneas e Troia), marcan tempos e limitan narracións que van do presente ao pretérito en constantes reviravoltas coa historia onde Simón (con trazos de antiheroe e marcas na epiderme do que somos todos) entra no protagonismo logo de recibir un traballo, un proxecto de reforma arquitectónica: “Resucítanos, amigo Simón. Baixa até as orixes, e fai que o son das augas rideiras nos traia novas músicas de vida a esta familia…”.

Intriga, achádegos, misterio… na procura das chaves agochadas que abran silencios e paixóns (co mar como pano de fondo) desde a xeografía olívica que configura unha proxección cinematográfica diante da nosa lectura.

E sempre o tempo á espreita e o mar golpeando cada recanto da narración: “E eu teño os mapas destas augas, as vías que levan ao tesouro /…/ Escoitade agora, e habedes comprender por que estades aquí…”.

Comentarios pechados