Menu Xerais

Iolanda Zúñiga: «A relixión, o fútbol, o Carnaval, son en Brasil para moita xente unha maneira de ter esperanza»

Montse Dopico publicou no Magazine Cultural Galego unha entrevista  a Iolanda Zúñiga sobre a súa novela Periferia.

 

«A relixión, o fútbol, o Carnaval, son en Brasil para moita xente unha maneira de ter esperanza»

As favelas estaban aí antes do Mundial. E seguirán cando se apague o debate mediático xerado arredor deste macroespectáculo. Tamén a desigualdade. O racismo. O patriarcado. A intemperie. Iolanda Zúñiga escribira sobre isto en ‘Periferia’. Unha obra á que volver sempre.

O Mundial de fútbol acabou por fin. E serviu para que se falase máis de cuestións que a escritora Iolanda Zúñiga tratara na que, na miña opinión, é unha das mellores novelas galegas publicadas nos últimos anos, ‘Periferia’. Recupero a conversa que tivera con esta autora no 2010, no Galicia Hoxe. Un convite a reler este libro.

Crúa, como a realidade do naufraxio global ao que está a abocar un sistema depredador e alucinado. Densa, como o ambiente abafador, caótico, das favelas de São Paulo que a protagonizan. Demoledora. Así é Periferia, a obra coa que Iolanda Zúñiga gañou o premio Xerais. Cincocentas páxinas imposibles de deixar despois de comezar. A ausencia de puntos e á parte, en capítulos que son case como relatos independentes, nin se percibe. Todo flúe veloz, como as letras de cancións que se irmandan co texto, nunha crónica da intemperie humana. O estilo permite recoñecer a creadora de Vidas post-it e Amor Amén. E a súa capacidade para abanear o lector.

O que di o narrador e o que din as letras de cancións que zarrapican o texto é case igual de importante para o que queres contar. Ten que ver coa reivindicación que fas do rap ou do funk das favelas?

É que non poden expresarse doutro xeito, agás dentro da súa propia comunidade. Hai moito racismo, e o rap ou o funk das favelas é marxinado nos circuítos comerciais. A música é o medio de expresión máis democrático, de máis alcance. Teñen radios piratas, pero a súa música non chega máis alá. Só un grupo, Racionais MC”s, o conseguiu, e iso axudou a outros. Eu precisaba das súas palabras para contar o que quería contar. E si é certo que se cadra se podería entender sen o meu texto, que está en galego, ou sen as letras das cancións, en portugués…

A periferia e a súa relación co resto da cidade e do mundo é tan protagonista como os personaxes de Simone e Brown. O libro pode parecer unha denuncia da desigualdade, pero é máis… Falas do desamparo da humanidade, tamén os ricos. Do desengano, o fracaso…

O que conto é o mesmo que pasa nas periferias doutros países. Tamén nós temos as periferias abandonadas. O naufraxio é colectivo. Vivimos centrados en gañar cartos e consumir. Non sei se é o sistema, a educación… Parte da humanidade mira só o seu embigo e segue comendo, mentres a outra non come. Os privilexiados son egoístas, prepotentes, soberbios… Xa dixen que todo o planeta é unha periferia.

O estilo comeza moi lírico, outras partes son máis narrativa e rápidas… Hai un narrador en terceira persoa até o capítulo final, no que falan Simone e Brown. Por que?

Eu tiña claro que a protagonista ía ser a periferia. Non sei se é estritamente unha novela, porque non hai moita historia de personaxes… En todo momento quixen recrear a atmosfera abafante que vivín estando un mes en São Paulo. Pero é un caos controlado o do libro, non hai nada posto ó chou. Quería facerlle sentir iso ó lector, aínda sabendo que iso ía disuadir a parte deles de seguir lendo, pois a vida xa é bastante fodida como para ademais atoparte con isto… Pero quería que fose así. Nese capítulo final, antes do anexo, Simone e Brown falan un co outro de amor, de ausencia, de distancia. Quería que falasen eles, e que a voz deles reforzase a do narrador.

Volves falar de soidade, afectos precarios, violencia… e do consumismo como xeito de evasión, como o fútbol,o Carnaval, a relixión…

O hedonismo é vía de escape, o consumismo, como as drogas. A relixión, o fútbol, o Carnaval, son en Brasil para moita xente unha maneira de seguir adiante, ter esperanza. Aforran todo o ano para ir ó Carnaval… son refuxios que lles permiten sobrevivir.

A través de Simone seguimos o proceso que pode levar ós nenos a tomar crack e/ou meterse no narcotráfico: o racismo, a falta de oportunidades laborais alén da absoluta precariedade, a fame…

Aos nenos ofrécenlles trapichear ou facer de vixilantes para avisar cando chega a policía, de moi pequenos. Van entrando nunha dinámica da que despois non poden saír, porque cada vez saben máis de xente que está máis arriba. Para manterse espertos para vixiar toman drogras… É perverso. -Non estou a dicir que sexa así con todos, pero poucos conseguen ir á Universidade, onde van os brancos, ou ter un bo traballo-. Despois de estar alí, eu estou segura que, de estar no seu lugar, faría o mesmo. Todos o fariamos: queren axudar ós seus… Ademais moitos nenos están sós, nas rúas.

Sinalas como a ausencia de Estado na periferia propicia que os narcos sexan como os caciques que dan empregos, conseguen favores… E o Estado responde con represión indiscriminada: asasinatos, abusos nos cárceres, tortura…

Non pasa só en Brasil, tamén en México, Colombia… Se non houbese narcotráfico, tampouco habería tanta policía, que chega a acordos cos narcos… Non é que o fomenten, pero tampouco o impiden. E aquí non hai bos nin malos, todos fan o que poden. Tampouco é que sexa o presidente, pero hai alcaldes que mandan no narcotráfico….

Tamén denuncias a hipocrisía e a complicidade: doutros Estados, dos ricos que compran droga, da prensa que silencia o que pasa, dos afeccionados ó fútbol que se manteñen alleos ó tráfico de menores e a explotación que nacen das promesas ás familias de utopías en Europa…

É a dobre moral que nos venden, que nos fai pensar que temos dereito a xulgalos… Desde aquí todo parece mulatas, festa e praia, pero alí os mulatos e os negros son discriminados. Eu observaba como os executivos eran brancos… Fun alí para ver, -un mes tampouco é moito tempo-, e busquei moita información en Internet. Tampouco fixen un ensaio: non é información contrastada ata ese punto.

Montse Dopico

Comentarios pechados