Menu Xerais

Jaureguizar: «O amor non ten nada de revolución, é conservador». Reportaxe de María L. Viñas

Os xornais El Progreso e Diario de Pontevedra publican unha reportaxe de María L. Viñas sobre a novela Placebo de Jaureguizar.

 

 

Jaureguizar: «O amor non ten nada de revolución, é conservador»

Santiago Jaureguizar acaba de publicar a novela «Placebo», unha historia de amor ► “É un libro sobre a burguesía e os seus grandes intereses”, apuntou o escritor ►O autor xoga coas emocións nunha obra falsamente sinxela e crúa de principio a fin

O escritor e xornalista de El Progreso Santiago Jaureguizar regresa á narrativa para adultos despois de oito anos -tras ‘O globo de Shakespeare’, 2008- con ‘Placebo’ (Xerais), unha historia de amor ambientada en Ribadeo que empezou a escribir hai unha década, e onde o amor é esa menciña inocua, ese engano vitalmente necesario que anuncia o título da obra.

A novela preséntanos a Roi, que despois dun accidente no aeroporto de París volve á casa con amnesia. A súa muller, Beatriz, axúdalle a recompoñer ese tempo, aínda sendo difícil, pois estaba a piques de iniciar trámites de divorcio xa que na súa antiga vida tamén tiña unha amante, Helena, a punto tamén de divorciarse para irse a viviren xuntos.

A historia deste trío amoroso mestúrase coa crise económica. Helena leva a Roi a París antes do accidente, procurando vías de financiación para o concesionario que ten en Ribadeo e que o está a pasar mal. Alí en París vive o irmán xemelgo de Roi, Pablo, a quen acode pedindo auxilio.

A novela tórnase entón a historia familiar de Roi e o seu irmán. Unha historia familiar rota, pois os pais tiveron que fuxir de Ribadeo por culpa do golpe de estado franquista. Alí malviven como poden até que a nai regresa a Ribadeo cun dos irmáns, mentres o outro fica en París.

«O amor é un tándem ao que soben dúas persoas dun xeito azaroso e irracional, aínda que a elas lles parece consciente e voluntario», escribe Jaureguizar nas páxinas de ‘Placebo’.

«Fixen unha historia do meu tempo, coa crise económica de fondo. É unha novela sobre a burguesía, das grandes preocupacións da burguesía, que é de donde procedo eu, como son a posición social e o amor», comenta.

Inspírase o escritor na novela francesa do século XIX para a composición dos protagonistas, o ritmo e a estrutura, e noutros autores como Dante para abordar ese gran misterio que atravesa as páxinas do libro: «O amor que move o sol e as estrelas», cita.

«Ao personaxe de Beatriz interésalle o amor. É unha persoa que ama o amor. Procede dunha clase baixa e atopa no seu físico un xeito de manter o amor», explica. «Mentres, Roi, ten unha gran inseguridade de ser amado, polo que busca esa seguridade a través do éxito económico e de maneira desesperada», engade.

Roi e Beatriz estableceran unha «alianza» frente a ese gran sentimento que para Jaureguizar «non ten nada de revolucionario, senón que é máis ben conservador».

Un sentimiento que ás veces nos leva a actuar de xeito cruel e perverso respecto ao obxecto amado.

‘Placebo’, escrita en primeira persona’, está atenta a unha sociedade consumista, á marca, á posesión. Por tanto, tamén fala do baleiro do amor e das súas grandes frustracións.

É unha novela na que os protagonistas buscan desesperadamente a felicidade, sobre todo Beatriz, «que é o personaxe máis feliz do libro», apunta Jaureguizar. E nesa búsqueda contarán coa sorte dunha segunda oportunidade, a única maneira de saír airosos dese conflito chamado vida.

Jaureguizar xoga coas emocións nunha novela falsamente sinxela, cun amargor que a impregna dende a primeira páxina, como as notas dunha balada triste, recordando a marabillosa obra de Carson McCullers.

Escribía a norteamericana que «hai o amante e o amado, pero estos dous proceden de rexións distintas. Moitas veces a persoa amada é só un estímulo para todo o amor dormido que se foi acumulando dende hai tempo no corazón do amante. E dun xeito ou outro todo o amante o sabe. Sente na súa alma que o seu amor é algo solitario».

Soedades, baleiro, unha carreira contra o tempo e a morte, ou ben o placebo contra o irremediable final. Jaureguizar reúne todos estes sentimentos ofrecendo unha visión certamente descorazonadora, na que a a literatura, a creación, e o acto de ler se convirten en menciña para sandar corazóns fendidos.

María L. Viñas

Comentarios pechados