Menu Xerais

José Ignacio Silva Regueira gañador do IIº Premio de Micronovela concello de Soutomaior

José Ignacio Silva Regueira resultou gañador do IIº premio de Micronovela concello de Soutomaior pola obra Escintileos, presentada baixo o lema «Trifón 1». Nacido en Carballo en 1978, Ignacio Silva é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. Ten recibido diversos premios polo seu labor como narrador. En 2006 obtivo o primeiro premio GZcrea, na modalidade de relato, convocado pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, por «Alén dos sentidos» (relato publicado no volume colectivo GZcrea 2006 de Edicións Laiovento). Con «Catro esquinas» gañou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade 2008, convocado pola Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense. O seu relato «Tic-Tac» foi segundo premio do Certame Os Viadutos 2008, convocado pola concellaría de Xuventude de Redondela. Tamén, en 2008, gañou a sétima edición do certame literario Valle Inclán, convocado na Pobra do Caramiñal pola Asociación de Amigos do Museo Valle Inclán, coa novela Cela aberta. Xa en 2009 resultou gañador do IIº premio de novela curta Cidade Centenaria, convocado polo concello de Riveira, por Vertixes.

José Ignacio Silva Regueira recibirá este IIº Premio de micronovela do concello de Soutomaior, dotado con 3.000 euros, o próximo sábado, 19 de decembro, nun acto que terá lugar ás 12:00 horas no concello de Soutomaior. Na primeira edición a obra premiada foi Proxecto bolboreta de Andrea Maceiras e a finalista Virxinia de Pilar Ortega. A obra de José Ignacio Silva Regueira, Escintileos, será publicada na colección Xerais Narrativa a vindeira primavera.

Comentarios pechados