Menu Xerais

Kukinhas: dúas propostas culinarias: «A cociña do Camiño de Santiago» e «A viaxe culinaria de Kukinhas», de Elisa Kukinhas. Crítica de Ramón Nicolás

O escritor e crítico literario Ramón Nicolás publicou no seu blog Caderno da Crítica unha anotación sobre os libros: A cociña do Camiño de Santiago A viaxe culinaria de Kukinhas, de Elisa Kukinhas, publicado por Xerais na colección Gastronomía.

.

 

A cociña do Camiño de Santiago A viaxe culinaria de Kukinhas

Hai uns días ocupábame do libro Unha mente que voa, de Xurxo Mariño e apuntaba a importancia que posúen este tipo de propostas divulgativas de corte científico. Non entendo como menor no ámbito da divulgación, neste caso inserida na longa tradición de libros de gastronomía, a achega que realiza Elisa Casal Couto, que desde hai anos mantén unha bitácora culinaria baixo o nome de Kukinhas, con dous libros publicados nun período de tempo relativamente breve.

O primeiro deles, titulado A viaxe culinaria de Kukinhas recrea, como reza no subtítulo, unha volta ao mundo en 50 receitas e, en efecto, a autora condúcenos, ao adoptar un criterio no que organiza dez receitas por continentes, a diversos pratos propios de distintos países de América a Europa; de África a Asia e Oceanía. Teño para min que o libro encerra a orixinalidade de presentar unha viaxe culinaria con receitas non exclusivamente galegas, relativamente doadas de realizar e, ademais, ten en conta a accesibilidade dos seus ingredientes.

Características semellantes son as que dominan un oportuno A cociña do Camiño de Santiago que posibilita articular xa non só unha viaxe gastronómica senón unha revisión sobre a cultura e a historia de territorios que, sendo diferentes, están unidos polo Camiño desde Saint-Jean-Pied-de Port até Compostela. Os pratos distribúense ao longo de trinta e seis etapas e son, loxicamente, moi variados: doces e salgados, de preparación rápida ou máis vagarosa, onde non é difícil atopar algunha gorentosa descuberta.

Destaco, finalmente, a coidada edición dos dous volumes, a transparencia da información que unifica os dous libros ao que axuda unha disposición folgada dos contidos e, sen dúbida, un excelente corpus fotográfico que Javier García Salgado integra neste libro.

Ramón Nicolás

 

Comentarios pechados