Menu Xerais

Lecturas da corentena por David González: «A caixiña dos rancores», de Héctor Cajaraville e «O que sei do silencio», de Andrea Maceiras. Noticia no «Galicia Confidencial»

O xornal Galicia Confidencial publica unha serie de reportaxes nos que David González, autor do blogue cultural Palabra de Gatsby, fai unha selección de títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. Nesta quinta entrega da serie, o artigo fai mención a dous títulos publicados por Xerais: A caixiña dos rancores, de Héctor Cajaraville e O que sei do silencio, de Andrea Maceiras.

 

Lecturas da corentena: “A caixiña dos rancores“, de Héctor Cajaraville e “O que sei do silencio“, de Andrea Maceiras

 

David González (Vigo, 1995) e autor do blogue cultural Palabra de Gastby. Durante estas semanas dará os seus consellos sobre títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. As recomendacións da semana son Héctor Cajaraville. A caixiña dos rancores (Xerais, 2015); Antía Yáñez, O misterio de Portomarín (Galaxia, 2017); María Solar, Os nenos da varíola (Galaxia, 2017); Andrea Maceiras, O que sei do silencio (Xerais, 2017); David Walliams, A avoa gánster. (Sushi Books, 2017) e Andrea Barreira, Palabra de Bruxa (Galaxia, 2018).

 

Para rematar con este fío de recomendacións coido que é necesario adicar un espazo propio a nosa literatura xuvenil. Os rapaces moitas veces non atopan os libros que precisan polas interferencias que o mundo dixital produce na súa vida diaria e porque tamén é complicado delimitar para as propias editoras indicar cal é o público ideal para cada libro. Por isto tedes aquí unha serie de libros que coido son obras que conquistarán facilmente á rapazada de calquera idade.

Héctor Cajaraville. A caixiña dos rancores (Xerais, 2015)

Quen podería imaxinar que dous elementos tan aparentemente inconexos como un atropelo accidental e o roubo de nenos  poderían dar lugar a unha historia verosímil e cunha consistencia tan tremenda?. Supoño que ningún de nós pode, pero Héctor Cajaraville fixo ese traballo de conexión por nós e agasállanos unha novela cun ritmo trepidante e chea de camiños en continuo cruzamento.

A caixiña dos rancores é unha novela que gusta a calquera lector. As súas tramas combinan elementos de distintas procedencias cunha calidade narrativa ó alcance de moi poucos. Posúe unha estrutura moi compacta que permite ó lector organizar as ideas e os datos con facilidade, e recompoñer tanto a vida dos personaxes como o caso que tanto lles preocupa. Hai un traballo moi relevante na composición das biografías dos personaxes, enchendo todos os ocos posibles e facendo da lectura unha investigación histórica na que o lector tamén participa.

A amizade profunda que se da entre Chiruca e Estevo non é cousa do azar, senón da comprensión de que a experiencia e a xuventude son eidos en constante interacción. O tratamento da cuestión dos nenos roubados é importante na construción dun imaxinario social pasado por parte de Estevo, que aínda que non o pode aceptar, axúdalle a comprender a inexistencia de límites na cobiza, a ruindade e as diferencias sociais. A concepción do mundo tan pechada de Estevo, tamén de Paula, desaparecerá, sendo isto un paso de xigante cara a propia madurez.

Respecto dos personaxes, o realismo é o máis importante neles. Vese que o autor ten ben apuntada a receita para a creación duns bos personaxes, xa que Chiruca, Paula e Estevo están perfectamente construídos. Os elementos que os fan merecedores de esta anotación son: os seus comportamentos máis orgánicos que novelescos, o seu discurso lonxe de ser prefabricado xorde da espontaneidade e o inmediato e que a súas relacións teñen vida fora do papel.

A caixiña dos rancores é unha novela que todo adolescente, cativo ou adulto debe ler. Unha historia de tristuras e enganos pero tamén de amor e amizade. Sen aderezos de ningún tipo e cun ritmo áxil e unha prosa sinxela, esta publicación de Cajaraville é tan natural como engaiolante.

Andrea Maceiras, O que sei do silencio (Xerais, 2017)

As historias de Andrea Maceiras sempre son ben recibidas no mercado literario tanto pola súa calidade como polas súas diferentes temáticas dentro do ámbito xuvenil. O que sei do silencio é a súa nova proposta narrativa na que asistimos ó relato dun caso de acoso dende a perspectiva dunha acosadora pasiva.

O primeiro dos elementos interesantes nesta obra é a escolla deste punto de vista. Delia é unha acosadora que pese a ser “pasiva” nunca oculta a súa parte de culpa neste problema. A covardía é o seu pecado capital e a escrita non xorde como terapia propia, senón como colectiva e catártica. A obra presenta a necesidade de falar sobre este tipo de casos, pedir axuda e por riba de todo, a valorar o poder das palabras.

Esta novela narrase a través de numerosos posts de Delia nun blogue no que diversas persoas externas comentan e a súa participación tamén é motivo de comentario nos posts seguintes. A introdución de contos nalgúns posts tamén axudan a analizar dende unha perspectiva literaria e metafórica os temas ós que se da visibilidade na novela. Interesante é, polo tanto, acudir a estes contos en varias ocasións.

A de Andrea Maceiras é unha desas historias que enganchan, que teñen conciencia do seu destinatario e que se escriben dende unha posición activa e sensible. Sen dúbida, unha obra moi necesaria.

Comentarios pechados