Menu Xerais

Lecturas da corentena por David González: «A memoria da choiva» e «O cuarto das abellas». Noticia no «Galicia Confidencial»

O xornal Galicia Confidencial publica unha serie de reportaxes nos que David González, autor do blogue cultural Palabra de Gatsby, fai unha selección de títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. Na segunda entrega da serie, o artigo fai mención a dous libros publicados por Xerais: A memoria da choiva, de Pedro Feijoo e O cuarto das abellas, de Antía Otero.

 

Lecturas da corentena: “A memoria da choiva”, de Pedro Feijoo e “O cuarto das abellas”, de Antía Otero

 

David González (Vigo, 1995) e autor do blogue cultural Palabra de Gastby. Durante estas semanas dará os seus consellos sobre títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. As recomendacións da semana son A memoria da choiva, de Pedro Feijóo; O cuarto das abellas, de Antía Otero; Biblioteca de teatro, de Chévere e Os Bandiden, Siri Kolu con tradución de Moisés Barcia.

A segunda entrega das miñas recomendacións para ler durante esta corentena ten outro enfoque moi distinto da primeira. Moita xente que coñezo comentoume que as veces precisaban textos que os atrapasen completamente e dos que non puidesen saír, para non pensar en nada do que pasa no exterior ou non ter a tentación de ver abrir calquera produción americana de Netflix. Aquí tedes, polo tanto, títulos que non poderedes pechar tan fácilmente.

A memoria da choiva, Pedro Feijoo (Xerais, 2015)

Evidentemente recomendo toda a obra de Pedro Feijoo, mais sen dúbida este é o meu título preferido do autor vigués. A memoria da choiva é unha novela entre o xénero noir e o de misterio, cunha historia que atrapa e cunha cantidade de xiros dramáticos que fan da lectura deste texto un inmellorable pasatempo. Non en van recibiu o Premio Arzobispo Xoán de San Clemente en 2015, que outorgan os lectores de varios institutos galegos ás que consideran as mellores lecturas do ano.

A historia comeza coa aparición de Xosé Carneiro, coñecido psicanalista e polémico colaborador televisivo, co peito aberto no seu piso da compostelá rúa República do Salvador. Cando chegan ó piso son dúas as cousas que chaman a atención do xornalista Aquiles Vega e da profesora Sofía Deneb. A primeira é a brutalidade, a violencia extrema con que o crime foi levado a cabo. A segunda, ese detalle que non encaixa na escena: unha estraña peza de ferro chantada no corazón. Aquí comeza unha historia na que a de Carneiro non será máis que a primeira dunha cadea de mortes en serie, unha carreira contra o reloxo na que non so Aquiles terá que comprender que é o que está pasando, senón que papel xoga nisto un dos nomes máis importantes da nosa literatura, Rosalía de Castro.

Pedro Feijoo combina a perfección nesta obra elementos diversos e converte en materia narrativa con aparente facilidade a vida e obra dunha autora capital nas nosas letras. A descrición dos ambientes, o manexo da tensión narrativa e o enorme proceso de documentación que hai tras dela, fai desta obra un título que é necesario recomendar neste tipo de listaxes.

O cuarto das abellas, Antía Otero (Xerais, 2017)

Na miña opinión, aínda que non descubro nada, a poesía nace case sempre do diálogo entre dous referentes en distintos planos que manteñen un conflito que pode saldarse nunha superioridade dun elemento sobre outro ou a convivencia inexplicable deles no entorno. O cuarto das abellas de Antía Otero é un exemplo de como a natureza e as súas manifestacións pode introducirse no cotián e manter unha relación con el de convivencia, en primeira orde simbólica e en segunda real.

Este é un poemario moi diverso, que manifesta sempre a tensión existente entre  diversos referentes, pero que tamén xoga cos suxeitos, dende a individualidade a colectividade. A propia autora fai referencia a un traballo de desestruturación e descomposición dos elementos para utilizalos a súa vontade, facendo combinacións de termos que respostan a unha loita entre o salvaxe e o máis doméstico.

É un libro en continuo crecemento, tanto na extensión dos poemas como nos suxeitos que interveñen neles, dende un eu poético dos primeiros poemas ata a colectividade de “obreiras”. Válese da imaxe da abella, moi ilustrativa pola ríxida estrutura social e o limitado dos espazos nos que se ven obrigados a convivir estes insectos. Isto permítelle facer toda unha serie de reivindicacións da necesidade para os colectivos oprimidos dun espazo propio e fuxir desa cela, real e metafórica, da abellariza.

A estrutura dos poemas xoga coa necesidade de debullar o momento, construíndo versos que poderían ser efémeros pero que deixan a súa marca na pel e que nalgúns casos convidan a pechar os ollos e que o lector continúe as composicións.

En conclusión, O cuarto das abellas é un libro de tensións que contén unha chamada necesaria a concluír coa marcada tendencia a separar o natural do urbano, evitando conflitos, e que convida a unha lectura pausada e atenta, co fin de escoller as ferramentas perfectas para chuchar todo o mel que conteñen as composicións.

Aquí tedes un vídeo no cal a autora recita un dos textos do libro. Convido tamén a autora, se non o fixo aínda, a lernos algún dos outros poemas do libro nas redes sociais.

 

Deixa un comentario!