Menu Xerais

Lecturas da corentena por David González: «Muriel», de María Canosa. Noticia no «Galicia Confidencial»

O xornal Galicia Confidencial publica unha serie de reportaxes nos que David González, autor do blogue cultural Palabra de Gatsby, fai unha selección de títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. Nesta primeira entrega da serie, o artigo fai mención ao libro: Muriel, de María Canosa. O libro gañou o Premio Merlín de Literatura Infantil, 2017, e está  publicado por Xerais na colección: Merlín.

 

Lecturas da corentena: “Muriel”, de María Canosa

 

David González (Vigo, 1995) e autor do blogue cultural Palabra de Gastby. Durante estas semanas dará os seus consellos sobre títulos imprescindibles para ler neste tempo de corentena. As recomendacións da semana son Muriel de María Canosa, Irmá Páxaro de Tamara Andrés e Carrusel, de Berta Dávila.

David González é graduado en lingua e literatura española pola Universidade de Santiago de Compostela e ten un máster adicado a investigación literaria e teatral no contexto europeo pola UNED. Actualmente vive na cidade de Kassel (Alemaña) onde traballa no sector educativo e no editorial simultáneamente.

Palabra de Gatsby xorde en 2016 como a súa bitácora persoal, onde exerce de forma non profesional a crítica literaria e teatral. Un proxecto en continua revisión coa intención de amosar o seu amor polas letras.

Na miña opinión a literatura é a mellor solución para superar os tempos que vivimos. Existe sempre un título acorde a calquera época, situación vital e as necesidades de calquera lector. Nesta época de inestabilidade, a literatura tampouco prescinde do seu valor. Durante o tempo que dure esta pandemia teredes recomendacións de tres títulos que corresponden a tres categorías: Narrativa, Poesía/Teatro e Literatura infantil. Estas categorías non están totalmente pechadas, senón que son flexibles para acoller a máis tipos de lectores.

O meu criterio na selección das tres primeiras obras baséase na necesidade de convidar os lectores a reflexionar. Estas xornadas de confinamento son duras para todos, mais creo que hai moitos aspectos importantes a destacar baixo esta escuridade. Temos un tempo precioso para coñecernos mellor a nós mesmos e a aqueles que nos rodean e que viven unha situación similar a nosa, así como reflexionar sobre aquilo que xa está feito e o que faremos cando esto remate. En tempos onde viaxar e desplazarse son un desexo común, convídovos a abrir as páxinas destes fantásticos libros ou calquera dos que tedes nas estanterías. Viaxes intensos pola propia vida e polo noso pasado coa intención de que atopedes algo fermoso nestes tempos escuros.

Muriel, María Canosa (Xerais)

O público infantil terá tamén, como sinalaba ó comezo, un espazo propio nas miñas propostas e como primeira lectura gustaríame recomendar Muriel de María Canosa (Xerais, 2017) con ilustracións de Lucía Cobo.  Nesta historia temos como protagonista a Muriel un neno que ten dificultades para durmir porque bota de menos a súa avoa e todo o que facían xuntos, mais a súa vida muda cando coñece a un raposo de soriso enigmático e a Fígaro. Gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2017, «Muriel» foi definida polo xurado como «unha historia sedutora, onde conta cada palabra; un canto á imperiosa necesidade da cor; unha aventura entrañable, cálida e misteriosa».

Muriel é un libro de lectura agarimosa e cálida no que a tensión narrativa e o interese non nacen do conflito, senón do descoñecemento. Tanto Muriel como ó lector embarcanse nesta orixinal aventura baixo as mesmas regras e premisas. Non é por iso casual que sexa sinxelo fundirse co personaxe nunha primeira persoa que en todo momento faise eco dos nosos intereses.

O libro estrutúrase en vintecinco capítulos de extensión desigual no que se reproduce a evolución da personaxe principal a modo de etapas no seu crecemento. Neles tamén existe espazo para presentar e explorar a historia dos secundarios como Blim ou Fígaro. Durante toda  novela os pensamentos dos personaxes teñen moito máis peso que as descricións, aínda que tamén temos retazos desta na xeografía de Cartaria.

O máis interesante da obra é o culto á figura feminina da avoa na historia. O neno sente devoción por unha figura que resposta ós seus ideais de vida. A avoa de Muriel é afouta, traballadora, boa e xenerosa. A perda desa figura lévalle a modificar os seus hábitos e mesmo a non comprender a vida da mesma maneira. Unha homenaxe moi agradecida por parte da autora á figura da avoa tanto dentro da cultura galega como na estrutura familiar tradicional.

En resumo, Muriel é un libro que amosa que debaixo dunha mesta néboa sempre hai algo cálido e inocente que convida a ilusión. Unha historia na que a amizade, o amor familiar e a necesidade de encher de cor a vida eclipsan a escuridade e o esquecemento.

Comentarios pechados