Menu Xerais

Lecturas recomendadas por César Lorenzo en Biosbardia: Ismael Ramos, Isaac Xubín, Francisco Coimbra e Ledicia Costas

César Lorenzo Gil publicou en Biosbardia unha listaxe recomendando 12 libros do 2016. Reproducimos os publicados por Xerais.

A listaxe completa pode verse nesta ligazón.

 

 

 

12. Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, de Ledicia Costas

Esta obra gañou o Premio Lazarillo 2015 e supón a volta da autora viguesa ao tipo de narrativa no que está máis cómoda: unha historia de corte fantástico con personaxes de ton novelesco clásico. Desta volta, Costas recrea o Vigo de finais do século XIX a través dunha estilización do escritor Jules Verne. Misterio, imaxinación e divulgación histórica nunha novela xuvenil na que a cidade viguesa se converte no gran protagonista. Edita Xerais.

10. Crónica Córnica, de Francisco Coimbra

Primeira novela deste escritor que decidiu converterse en galego por vontade, non por nacenza. Mediante a anécdota imposible da resurrección esporádeca da lingua da Cornualla, constrúe unha metáfora sobre os pés de barro do imperialismo, cuxa metáfora quizais máis perfecta sexa a unidade lingüística. A novela é moi didáctica, redescobre a diversidade cultural da actual Gran Bretaña pero sobre todo destaca pola fidelidade de Coimbra ao seu estilo, baseado en certa solemnidade irónica e completo dominio do ritmo sintáctico. Foi finalista do Premio Xerais.

8. Non hai outro camiño, de Isaac Xubín

Stara Selo é unha cidade marítima onde os seus habitantes teñen a falsa certeza de seren anónimos. É esta cidade, trasunto de todas as cidades, o protagonista dun cruzamento de historias cotiás, aparentemente anódinas, coas que o coruñés tece un universo orixinal e profundamente literario. Unha primeira novela que vai contracorrente, que inventa un mundo cun leve sabor iugoslavo con evocación en troques atlántica. A capacidade de imaxinar desde o palpable, a liberdade de non buscar efectos extraliterarios en cada unha das “escenas” que compoñen o libro e a “vontade arquitectónica” de Xubín fan obrigatoria a parada nesta historia sen historia que publica Xerais.

6. Os fillos da fame, de Ismael Ramos

Con 22 anos, o poeta de Mazaricos convértese nunha das grandes promesas da literatura galega mercé a este libro que enche de luz e de potencia o salón algo acomodado da poesía propia. Este libro gañou o Premio Johán Carballeira de Bueu e está publicado por Xerais. Ramos ten dito deste libro que é o resultado da ollada dun neno da montaña que ve o mar, mais non un mar afastado, non, o mar que estaba xusto lambéndolle os pés á montaña. Mediante imaxes moi concretas, algo así como fotografías de hábitos diarios, sen importancia, rutineiros, o poeta vai confeccionando versos que conseguen evocar e estremecer a un tempo.

Deixa un comentario!