Menu Xerais

Ledicia Costas: «As musas son un conto chino. Creo no traballo»

La Voz de Galicia publicou unha entrevista de Rodri García á escritora Ledicia Costas sobre o seu libro Un animal chamado néboa. (Foto: Eduardo Castro)

 

«Vivo da literatura porque como avogada morría de fame»

Un día preguntoulle á súa nai se non lle chamaba a atención que cando era nena pasara horas e horas no seu cuarto lendo e enchendo cadernos. A resposta materna foi que si, que non lles parecía moi normal, «pero pensamos que xa se che pasaría». Ledicia Costas (Vigo, 1979), que ri lembrando a resposta, non  perdeu a súa paixón pola literatura. Ao contrario, foi medrando con ela.

«Síntome poeta con alma de equilibrista, porque recito nos lugares máis propicios á caída: no autobús, no supermercado, nos bares, en tendas de conxelados… E debe ser por iso que formo parte do colectivo Poetas da Hostia». Este é un anaco da autobiografía de Ledicia Costas, aínda que hai sitios aos que non é tan doado levar a lírica: «Nun mercado de Vigo non nos deixaron entrar a recitar e iso que era un 24 de Nadal e explicamos que íamos agasallar poesía, levabamos guitarras e poemas». O garda de seguridade non lles deixou entrar, algo que a escritora lembra cun sorriso.

-Os seus últimos libros, a novela Recinto Gris e os relatos de Un animal chamado Néboa, publicados por Xerais, están ambientados na Segunda Guerra Mundial. Por que?

-Lin moitas cousas desa guerra, documenteime moito, é un tema do que son unha apaixonada. Observei que non había libros para a rapazada sobre o holocausto e escribín Recinto gris, unha distopía, un mundo gobernado por lobos. Hai moitas cousas sobre a guerra civil pero non sobre a guerra mundial.

Un animal chamado Néboa está tendo moi boas críticas, non?

-Si, a acollida está sendo boa e estou contenta. Hai que seguir o pulso da xente.

-É o seu primeiro libro digamos que para adultos?

-É o primeiro que me publican de relatos para adultos pero teño moitos relatos, no disco duro do ordenador.

-Terá feita unha copia…

-Agora si, despois de levar algún susto que outro e de perder algúns textos. Agora saíron estes relatos e no futuro sairán outros.

-E que vai pasar coa súa literatura infantil e xuvenil, a súa poesía?

-Intento organizarme. Teño moita produción en infantil e xuvenil. Vai saír unha precuela de Escarlatina, a cociñeira defunta, que me está acaparando a meirande parte do meu tempo. Vaise titular Esmeraldina. A primeira defunta (Xerais). Escarlatina é unha nena que está morta, e estaba buscándolle un nome para cando estaba viva, e resulta que moita xente preguntaba por Esmeraldina en lugar de Escarlatina, así que dese xeito axudáronme a atopar o nome. En resumo, que hai que traballar moito para vivir da literatura.

-Vive da literatura?

Bueno, non é unha cousa que conte moito, pero levo tres anos vivindo da literatura porque como avogada morría da fame. Así que decidín investir todo o meu tempo na literatura. Fago ao revés de moitos outros que traballan noutra cousa e no tempo libre escriben. Eu no tempo libre saio a respirar e por iso teño unha produción tan grande, porque paso moito tempo.

-Dálle moitas voltas á escrita, a unha idea?

-Cando escribo son moi obsesiva. É algo que teño que recoñecer, sen pudor.

-Ten algunha receita para chegar aos lectores?

-Aquí non hai receitas; ese é un invento que non funciona. Eu en realidade escribo o que me gustaría ler e escribo con toda a paixón, con toda a cabeza, con todos os meus sentidos.

-Ten axuda das musas ou non se leva con elas? 

-Iso das musas é unha historia que nos contaron cando éramos novos, un conto chino. Creo no traballo, horas e horas sentada diante do ordenador, non sempre escribindo, porque moito tempo estás pensando… Creo no currar.

-Faltan lectores?

-Eu fago a lectura en positivo: temos unha rede de profesionais que se implican a tope: clubs de lectura, profesores, bibliotecas… Na literatura infantil e xuvenil está entrando un grupo moi amplo de lectores que logo van ir por si mesmos a buscar libros galegos.

Rodri García

Comentarios pechados