Menu Xerais

Ledicia Costas: «Recinto gris é unha reivindicación da fantasía e da ilusión». Entrevista de Montse Dopico

Montse Dopico publicou no Magazine Cultural Galego unha entrevista coa escritora Ledicia Costas sobre Recinto Gris.

 

«A represión social e política non poden quitarnos a fantasía e a capacidade de soñar»

O corazón de Xúpiter’, de Ledicia Costas, vai xa pola quinta edición. A súa autora acaba de publicar outro libro, ‘Recinto gris’. Unha distopía que remite aos campos de exterminio nazis… e á actualidade.

Hai moito da historia dos campos de exterminio nazis en ‘Recinto gris’, (Xerais), a última novela de Ledicia Costas. Mais tamén está presente a actualidade. O medo e a mentira como armas de control e desmobilización social. A represión da disidencia. O Estado contra a cidadanía. Falamos coa autora deste libro e do resto da súa obra.

En ‘Recinto gris’ as persoas diferentes son enviadas a un campo de concentración. Xa en ‘Unha estrela no vento’ tiñas un personaxe que se sentía diferente aos demais…

Teño debilidade polas persoas que son diferentes e por iso socialmente discriminadas. Por iso sempre acaban estando nas miñas novelas, dun xeito ou doutro. En ‘Recinto gris’ están dun modo máis explícito: un neno albino, unha nena con síndrome de Asperger, unha muller con síndrome de Dióxenes… Hai un personaxe que está inspirado nun home que vive nun portal na rúa Urzáiz, en Vigo, e que pasa o día aferrado ao seu transistor.

A historia que nos contas parece que é a dos campos de exterminio nazis. Mais tamén lembra a actualidade en distintos aspectos.

É iso, si. O que relato é o dominio da poboación por parte do Estado. É como unha recreación do Holocausto, pero traída á actualidade. Unha distopía. E ten que ver coa miña preocupación polo ascenso da extrema dereita en Europa. Parece que os seres humanos non aprendemos dos nosos propios erros, porque despois de que os nazis matasen a seis millóns de persoas seguen a aparecer esvásticas nas paredes das cidades…

Fai pensar en hoxe, porén, por cuestións como a utilización do medo como arma de control. A mentira como xeito de infundir temor e desmobilizar.

É así hoxe e foi sempre. Só hai que ver as manifestacións. Non levan cabezas de lobo pero levan cascos… Os lobos da miña novela levan unha S no peito, como levaban as SS. A Gestapo perseguía os grupos disidentes…

O centro da historia é unha nena, Nube, que non é quen nin quere calar ante a opresión.

Nube é unha nena especial. Non o digo na novela pero ten todos os síntomas de síndrome de Asperger. Son persoas cunhas características concretas, como que non saben mentir, non aturan o contacto físico, resúltalles difícil establecer relacións sociais… Nube non cala porque non sabe mentir e iso é o que a fai tan especial.

Ela é o motor da acción, que se desenvolve a través dela, o avó inventor e os amigos que ela vai facendo, como Mun.

Si, unha nena é o motor capaz de mover toda a historia. O libro fala, a través dela, de que non poden quitarnos a ilusión, a capacidade de soñar…

Nin a capacidade de unirnos e mobilizarnos contra quen nos pisa.

Claro. Porque unha persoa soa non pode cambiar as cousas pero moitas unidas si. E iso volve levarnos á actualidade. O que ocorre é que ao Estado o que lle interesa son as persoas con encefalograma plano e sen capacidade crítica. Por iso a cultura sóbralle ao Estado. Os libros son perigosos porque fomentan a capacidade crítica. Por iso escribín este libro, para axudar aos mozos máis espabilados a que vaian máis alá… Outra cousa é o que consiga con el…

Hai moito que escribes novela. Aínda que case es máis coñecida como poeta.

Escribo novela desde os 14 anos. O que ocorre é que como poeta teño bastante actividade. Co colectivo Poetas da Hostia, por exemplo. Cando me preguntan se prefiro escribir novela ou poesía xa digo que vai por etapas.

Unha parte desas novelas escríbelas con Pere Tobuarela. Hai pouco estiven nunhas xornadas sobre novela negra. Alí falábase de que case non había en Galicia mulleres autoras de xénero negro, nin personaxes protagonistas femininas…

Pois nós creamos unha inspectora de policía!. E foi precisamente por iso, porque estabamos cansos do tópico. Porque, é que non hai mulleres inspectoras de policía? Agora vai saír a tradución deses dous títulos, ‘Mortos de ningures’ e ‘Ouro negro’, a español e catalán.

A túa creación poética estaba dispersa en diversas publicacións. Mais hai pouco publicaches o teu primeiro poemario, ‘Xardín de inverno’. Que é moi diferente das túas novelas. Moito máis íntimo, e nado da experiencia da perda.

Si. ‘Xardín de inverno’ é o meu primeiro libro de poemas. Tiña xa poemas publicados, pero en publicacións colectivas. Foi como unha expurgación. Morreu a avoa e pouco despois saíume o libro, dun tirón. E é verdade que é o meu libro máis íntimo. Na poesía ás veces íspeste e este é deses casos, absolutamente.

A novela ‘O corazón de Xúpiter’ estás a movela moito.

Si, tiven xa varias presentacións e vou con ela centros, porque en bastantes centros é unha das lecturas que lles mandan aos rapaces. Vai pola quinta edición. É unha novela sobre acoso cibernético e sobre acoso escolar. Porque un mal uso das redes sociais pode levar a desgracias. Hai un capítulo neste libro onde tres rapaces collen a Isla, a protagonista, íspena nun vestiario e grávano cun móbil. En numerosos centros de Galicia déronse casos similares a esa escena, ás veces con gravacións de móbiles e outras sen elas.

Formas parte da directiva de Gálix, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil.

Son tesoureira e fago outras cousas. Este ano fixen o Catálogo de Boloña, un catálogo da literatura infantil e xuvenil editada no 2013. Traballamos a prol da visibilización da literatura infantil e xuvenil, que segue a ser considerada moitas veces un reduto aparte, e máis se a autora é unha muller.

Non é esa a impresión que dá. A literatura infantil e xuvenil é moi importante nas vendas das principais editoras, ás editoras especializadas vailles ben…

Pois eu sinto que para moita xente aínda segue a ser unha literatura de segunda categoría. Aínda é bastante habitual que che pregunten cando vas facer unha novela de verdade. Eu esfórzome o mesmo coa literatura xuvenil que coa literatura de adultos. O 35 por cento da produción galega é LIX, así que, si, é bastante. Ademais unha das funcións da literatura xuvenil é crear lectores.

Dicías antes que era máis difícil ter visibilidade se eras muller. Se cadra na poesía iso non pasa tanto.

Porque para esas mentes de elevado nivel intelectual das que falabamos antes que unha muller faga poesía está ben, pero a parte da literatura que consideran “seria”, a narrativa, é cousa máis ben de homes. Poesía si porque o que consideran volátil e fráxil, a poesía, parécelles axeitado para mulleres.

O final de ‘Recinto gris’, por certo, é desconcertante.

É o que che dicía, unha reivindicación da fantasía e da ilusión, que non nos poden roubar. Son eu moito dese tipo de finais, que causan reaccións de amor e de odio… A represión social e política non nos pode quitar a fantasía e capacidade de soñar.

Montse Dopico

Comentarios pechados