Menu Xerais

Ledicia Costas, Xurxo Souto, Suso de Toro e Anselmo López Carreira, autores dos libros máis destacables do 2014 para César Lorenzo en Biosbardia

O xornalista César Lorenzo Gil recomenda no seu blog Biosbardia estas catro obras de Xerais entre as máis destacables de 2014.

 

0. O Miño, un caudal de historia, de Anselmo López Carreira

O autor, un dos máis importantes historiadores galegos vivos, medrou ao carón do río Miño, en Ourense. Neste libro réndelle unha homenaxe ao seu xeito, o xeito dun especialista no pasado da nación. Cunha estrutura fragmentada a mantenta –que dá para ler o libro aos saltos, sen repararmos na orde– facemos a viaxe imposible (o Miño non é navegable) pola principal arteria de Galicia. O río considerado pai acolle momentos únicos desde o inicio dos tempos e serve como condutor bravo de interesantes acontecementos que Carreira moitas veces desmitifica, matiza ou corrixe. O máis interesante do libro é xustamente esa capacidade do historiador de revelarnos a falsidade de parte do noso propio relato, de como se interpretou o noso pasado para que renunciásemos a ser os protagonistas do noso presente.

9. Somnámbulos, de Suso de Toro

Tras varios anos de silencio narrativo, esta “paréntese” (palabras do autor) no seu retiro tráenos unha síntese do que foi a traxectoria literaria de Suso de Toro. Este volume, composto por tres relatos, revisita algúns dos temas máis queridos para o autor: a memoria, a identidade, o poder, as contas sen axustar do pasado, a soidade… O escritor actualiza técnicas narrativas que foron do seu agrado desde os seus inicios, como o monólogo interior ou o diálogo case teatral. O primeiro e o último dos relatos son os máis potentes e teñen aínda outra virtude: achegarnos á nosa historia recente dun xeito pouco habitual nas nosas letras, cun pulso valente e inequívoco.

4. Contos do mar de Irlanda, de Xurxo Souto

Este non é un libro sobre o mar; é un libro sobre a xente que vai ao mar escrito por un “terrícolo” (en autodefinición do propio autor). Souto asume o papel de reporteiro, cronista, recompilador da novísima tradición oral dos pescadores de altura (especificamente do Ghran Sol) para tecer unha especie de alfombra narrativa que atrapa coma unha maré. Curiosidade, microhistoria, personaxes de novela, realismo fantástico, todo mesturado nun volume que por veces parece escrito nunha única noite infinda. No fondo, certa sensación de que o mundo que o polifacético autor coruñés recrea xa non existe, que se esgotou nas tabernas onde o sector pesqueiro galego se refuxia cando o mar vén malo, non pola treboada senón polo cambio dos modelos extractivos. Este é un libro co que se aprende moito, iso que antes se chamaba literatura da rúa, da experiencia.

3. Escarlatina, a cociñeira defunta, de Ledicia Costas

Unha obra mestra da literatura para cativos. A escritora viguesa propón un desafío literario complexo: vincular morte e infancia. Sae coa mellor nota. Este libriño, que gañou o ‘Merlín’, confirma que ás veces o que semella máis pequeno resulta ser o máis importante. E dálles a razón aos organizadores dos premios Xerais, que decidiron equiparar a contía en diñeiro dos tres galardóns que entregan cada ano. Velaquí a crítica do libro publicada en Biosbardia.

Comentarios pechados