Menu Xerais

«Leocadio, o león»: «lectura deliciosa»

Paula Fernández publicou no «Faro da Cultura» do pasado 8 de outubro, baixo o título de «Lectura deliciosa» unha crítica de Leocadio, o león, o libro de Oli, ilustrado por Teresa Novoa, publicado na colección Merlín.

O escritor cangués Xosé Manuel González, Oli, autor e tradutor dedicado por enteiro á literatura infantil preséntanos en Leocadio, o león, o seu último libro, un personaxe que loita contra todo o establecido, -ou mellor dito contra o que outros estableceron para el-, que tenta ser diferente, malia o que pensen os demais, e que amosa a todos os lectores a importancia do dereito a decidir por un mesmo, o valor e a relevancia que ten a amizade na vida de cada un e, tamén grazas ao bo quefacer do autor, a necesidade de inserir no día a día a fantasía, o humor  e a imaxinación.

Coma se dun filme se tratase trasladámonos á sabana africana onde o pobre Leocadio non dá atopado o seu lugar no mundo. Non goza cazando nin pelexando, senón que prefire xogar con outros animais ou mesmo divertirse cos nenos. Algo imperdoable para os seus pais que deciden abandonalo a ver se espabila. Mais lonxe de endurecerse, o inocente Leocadio consegue o cariño do matrimonio Mayer, que o levarán, coma quen acolle un doce gatiño, ao seu rancho en América. Nese novo lugar o león conseguirá ser feliz, dedicarse ao que realmente lle gusta e converterse no león máis famoso do mundo. Ese tan familiar para todos e que ten presentado un bo número de filmes nas pantallas do cine e da televisión.

Toda unha historia de superación e de soños que resulta enormemente tenra para quen le ao tempo que aúna as características dicotómicas de fantasiosa e verosímil, sen dúbida grazas  a esa atmosfera cinematográfica que a envolve, e á que contribúen con grande acerto as ilustracións de Teresa Novoa, quen realizou un traballo plástico que ambienta e percorre os acontecementos narrados dunha maneira excelente.

Unha prosa áxil, asequible e do gusto dos lectores máis novos mais sobre todo interesante, capaz de captar e manter a súa atención, gañar a súa complicidade e conseguir o seu sorriso, que non esquece a axuda que presta a literatura á formación vital dos meniños e meniñas que len e a súa importancia á hora de crear mentes lúcidas e conciencias críticas.

Todo un xeito de aprendizaxe en forma de lectura deliciosa. Paula Fernández

Comentarios pechados