Menu Xerais

«Ler é sexy» por Dolores Vilavedra


Por se non o sabían. Ademais de moitas outras cousas, todas elas moi louvables, ler é sexy. Graciñas a Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de novela 2010, por lembrárnolo na camiseta que vestía cando recolleu o galardón. Unha ás veces esquece ese tipo de obviedades, sobre todo nos tempos que corren. Moitas fomos á Illa de San Simón pouco predispostas á autocompaixón choromiqueira, e con pouca vontade de mentar -nin para criticalo!- este goberno da pataqueira que nos tocou. Iso sería case unha aldraxe a lugar tan fermoso e á memoria sagrada que a illa garda. E velaí que as palabras que soaron foron outras. Iolanda Zúñiga levantounos a autoestima ao sinalarnos o roteiro que nos leva ao futuro: fe no que somos, entusiasmo polo que facemos, curiosidade para deixarmos á marxe os vieiros rozados e confianza na nosa capacidade para mudar as cousas. Ese é o caderno de bitácora das novas xeracións que están xa a tecer a rede da cultura galega de hoxe, de mañá. Alí, en San Simón, víronse este ano moitas caras novas, moitos mozos e mozas que no currículum só teñen afouteza e creatividade, pero que nos están a devolver a esperanza. Facédesnos falla para non sucumbirmos á síndrome de liliput que os nosos gobernantes teiman en nos inocular.

Que dúas mulleres gañasen o Xerais e o Merlín é un feito que non debera sorprendernos, pois espella o protagonismo que están a ter na nosa literatura, visualizado tamén no feito de que Fina Casalderrey actuase coma mantedora do acto. Pero entre Iolanda Zúñiga e Teresa González Costa hai máis coincidencias, comezando polas xeracionais. Elas son xa froitos logrados da Xeración Merlín, esa que se iniciou á lectura en galego hai vintecinco anos da man de Úrsula Heinze, de An Alfaya, de Gloria Sánchez…. Público novo do trinque, que debulla nas letras coma quen rilla chocolate e do que saíron docentes entusiastas, lectores apaixonados e escritoras coma Iolanda e Teresa. Si, se cadra, a historia da literatura, tan amiga ela de etiquetas, terá que empezar a falar da Xeración Merlín. Porque, se o futuro está na mocidade, cómpre lembrarmos que temos historia. E o 13 de xuño, en San Simón, celebramos tamén as vintecinco primaveras que cumpriu o Premio Merlín de literatura infantil.

Non sei se os aires da ría levarían ata Cangas do Morrazo as voces ledas da illa. Se así foi, seguro que os señores da Academia Galega alí reunidos para recibir ao poeta Bernardino Graña tomaron nota dos ventos que corren. A próxima vaga, para unha muller. Por se queren ideas, velaquí van algunhas: María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre, Ana Romaní. Xa digo, só algunhas. Ah, e por se dubidan do que lles digo e pensan que iso de “ler é sexy” non é máis que márquetin, bótenlle un ollo a un libro que se titula As mulleres que len son perigosas, de Stefan Bollmann. Seguro que se convencen. Dolores Vilavedra

Fragmento do artigo publicado por Dolores Vilavedra nas páxinas de «Luces» de El País Galicia de 25 de xuño de 2010.

Comentarios pechados