Menu Xerais

Lirismo, tenrura e loita pola supervivencia en África: «Palabras de auga», de Marcos Calveiro. Crítica de Mar Fernández Vázquez

Mar Fernández Váquez publica en El Correo Gallego unha recensión crítica sobre sobre Palabras de auga, de Marcos Calveiro, Premio Merlín 2012.

 

O premio Merlín deste ano foi para Marcos Calveiro

A auga, un sustento de primeira necesidade, convértese nunha sutil metáfora en ‘Palabras de auga’, obra galardoada

Moitos cidadáns occidentais teñen do continente africano unha imaxe difusa, que resulta da mestura de tópicos tirados de filmes como o oscarizado Memorias de África e da dura realidade que se plasma nas escasas informacións sobre este continente.

O escritor e avogado Marcos Calveiro (Vilagarcía de Arousa, 1968) aposta en Palabras de auga (Edicións Xerais de Galicia, 2012), novela coa que foi galardoado na 27ª edición do Premio Merlín, por darlle universalidade e verosimilitude a unha historia, baseada nunha nova xornalística de finais de maio do ano 2010, da que mantén o modo de supervivencia que atoparan nais “termitires” do Chad: roubarlles o alimento ás formigas raíñas.

Calveiro achega o lectorado de máis de once anos, ao que se dirixe esta novela en primeira instancia, á cultura suahili, desde a ollada do protagonista, Amadou, un neno pertencente ao clan dos Wakati, da tribo dos Kimba, emigrada desde o país Lomba, unha terra próspera que caeu en desgraza por mor da guerra e da seca. Non se limita a dar conta dos costumes e trazos característicos desta tribu senón que trata de crear para contaxiar o lectorado.

Faino numerando nesta lingua africana os capítulos e propondo unha innovadora estrutura, conformada por capítulos impares onde Amadou trata de entender porqué deben permanecer sete días agardando coñecer se rematou a súa peregrinaxe cara á emigración, na procura dun novo edén por máis que perviva neste clan a morriña da terra de nacencia.

A estes capítulos contrapón a analepse contida nos capítulos pares, onde explica as causas da dura vida actual deste clan e sobre todo a ausencia de Numba, o fillo maior, irmán de Amadou, debido a un escuro acontecemento que enche de tristura a toda a familia: caeu preso dos que explotan as minas do cobizable coltán e, pese aos intentos do pai por rescatalo, decidiu permanecer con eles, converténdose nun neno soldado.

Esta novela comparte con outras precedentes de Calveiro un modo de escritura que fai deste autor unha figura destacada na actual novela xuvenil galega, pese a iniciar a súa traxectoria literaria hai só seis anos, con Sari, soñador de mares (editada por Tambre, 2006), á que lle seguiron outras narracións e poemas, obxecto dos máis relevantes premios da Literatura Infantil e Xuvenil a nivel galego e estatal, e escritos na súa maior parte en galego e para o público xuvenil.

Marcos Calveiro parte dun labor de rigorosa busca de información, previo á súa escrita, que se caracteriza por trazos como o gusto por culturas e personaxes históricos e exóticos, unha prosa chea de lirismo e tenrura, espazos, tempos e enfoques variados e simultáneos, e pola procura dun lectorado competente, que saiba afondar na trama e descubrir as intertextualidades agochadas nas súas liñas.

Mar Fernández Váquez

Deixa un comentario!