Menu Xerais

«Lois Pereiro. Vida e obra», de Iago Martínez, a biografía de referencia sobre Lois Pereiro

O Xornal de Galicia informa hoxe da chegada ás librerías de Lois Pereiro. Vida e obra, de Iago Martínez. Reproducimos a información:

Xerais tira do prelo a «biografía de referencia» de Lois Pereiro

O xornalista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal, narra a peripecia vital e literaria do monfortino a partir de trinta testemuños nun libro “inescusable”

Durante algunhas semanas, ao periodista Iago Martínez, xefe de Cultura de Xornal de Galicia, púxoselle cara de biógrafo en apuros. Mentres os prazos para entregar o libro finalizado ían fuxindo sobre os calendarios, a vida de Lois Pereiro (Monforte, 1958 – A Coruña, 1996), parecía que non deixaba de medrar nas marxes das follas nas que Martínez escribía u­nha biografía que, despois de meses de traballo e de moitas reviravoltas sobre o texto, xa está nas librarías baixo o título Lois Pereiro. Vida e obra (Xerais, 2011). O proceso de creación non foi sinxelo e o propio autor recoñécelle ao editor Manuel Bragado nos agradecementos do libro que o nacemento desta biografía tivo bastante de “calvario”.

Pero despois de todo esforzo –ou sufrimento, segundo se mire– chega a redención e dende a súa editorial sublíñase a relevancia que a obra pode chegar a acadar neste ano no que o Día das Letras Galegas homenaxea a Lois Pereiro. “É a biografía de referencia. Neste ano no que aparecen moitas contribucións, dende estudos, antoloxías e publicación, esta é a biografía inescusable, é a que quedará”, sinala Manuel Bragado, director de Xerais.

“TRABALLO DE DECANTACIÓN”

Un trazo do libro que destaca o editor é a base documental coa que conta. “É unha obra que se fixo por decantación, na que o autor contou con grande cantidade de información conseguida noutros proxectos anteriores”, destaca Bragado. Este “traballo de decantación” que fixo Martínez comezou hai xa varios anos, cando o xornalista iniciara, xunto a Alexandre Cancelo, a preparación do documental sobre Pereiro titulado Contra a morte. Para ese proxecto –que aínda está pendente de estrea–, Martínez realizou unha longa lista de entrevistas con persoas da contorna do poeta monfortino. En total, a base documental empregada para a biografía inclúe conversas con máis de trinta persoas.

Con todo ese traballo previo, Martínez artellou unha biografía dividida en 17 capítulos que só racha unha estrutura cronolóxica no capítulo inicial, no que o autor se sitúa nos momentos previos á morte de Lois. A partir dese arranque con sabor a final, nárrase a vida do escritor e énchense as páxinas das abondosas referencias musicais, cinematográficas e literarias que Pereiro empregou na súa obra. “O propio título do libro de Iago xa o di: Lois Pereiro. Vida e obra. No caso de Pereiro a vida e a obra están pegadas. Iso vese na biografía, que é un retrato da súa vida, pero tamén do Lois lector, do Lois cinéfilo ou do Lois melómano”, explica o escritor Marcos Calveiro, que vén de publicar outra obra sobre Lois Pereiro titulada Náufrago do paraíso.

Nese mesmo sentido opina Xosé Manuel Pereiro, o irmán de Lois, quen tamén subliña as relacións entre a vida e a obra do poeta que se reflicten no libro de Martínez. “É unha biografía exhaustiva, que debulla a vida de Lois e lígaa bastante ben coa súa obra”, explica o xornalista Xosé Manuel Pereiro.

Pereiro, ademais, observa unha constante en todos os libros, biografías ou antoloxías que se están a publicar nos últimos meses sobre Lois Pereiro: “Os autores están seducidos polo personaxe”. Martínez non é a excepción.

A. R.

Comentarios pechados