Menu Xerais

«Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939)», de Dionisio Pereira, a clarificadora investigación dunha parte fundamental da nosa historia

Onte presentouse na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionisio Pereira, acto no que participaron Lourenzo Fernández Prieto, Manuel Bragado e o propio Dionísio Pereira. A noticia está amplamente recollida na prensa, tanto en Galicia Hoxe, El Correo Gallego, Xornal de Galicia e La Voz de Galicia.

O Galicia hoxe informa de que «o autor asegura que a ditadura franquista foi capaz de espallar con éxito unha visión que despolitizaba a represión, reducíndoa a cuestións como as loitas entre familias: “O mar é exemplo claro de agresión baseada nunha loita de clases que xa viña desde o século XIX, cun desenvolvemento da organización sindical e patronal dun nivel moito maior que o conxunto do Estado español. En realidade, a pesca era o único segmento estruturado da economía galega antes da guerra civil, cunha estrutura vertical desde a extracción á comercialización… Dado o peso económico e social do sector, é lóxico que xurdise esa loita de clases».

E o Xornal de Galicia subliña que Galicia liderou a evasión marítima no franquismo: «O 40% dos peiraos galegos rexistraron evasións marítimas entre 1936 e 1938, grazas a “unha verdadeira rede organizada” na que participaron máis de 80 embarcacións que permitiron a fuxida de numerosos galegos das gadoupas do franquismo, un fenómeno “sen parangón no resto do España».

El Correo Gallego publica unha longa crónica de Fran P. Lorenzo, que reproducimos:

Dionísio pereira vincula a forza do asociacionismo mariñeiro galego co asañamento represivo sufrido no 36

No monumental traballo de investigación de Dionísio Pereira, Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939) (Xerais, 2010) concorren varios logros, sinalados onte durante a presentación do volume na Libraría Couceiro de Santiago. O primeiro, o esforzo sistematizador que o libro acomete arredor de estudos anteriores, “froito dun esquema interpretativo -sinalaba onte o seu autor- da historia social da pesca contemporánea en Galicia”. O segundo, o de documentar, en palabras do profesor Lourenzo Fernández Prieto, coordinador do Proxecto Nomes e Voces, “a volta atrás de máis de cen anos” que supuxo, para un sector xa asimilado ao contexto europeo nos seus logros e crises, o triunfo en 1939 da sublevación militar. E un terceiro e fundamental que é a integración do relato da represión franquista, sobre os traballadores e traballadoras do mar, nun ciclo histórico máis amplo, determinado polo “inicio da industrialización e a modernización de todo o litoral galego” -sinalou Fernández Prieto- e polo nacemento dun forte tecido asociativo que polariza, fronte á patronal, o conflito de clases que este libro describe con singular coidado. “Esa represión -sinalaba onte Pereira- é indisociable do grao de organización e da loita de clases previa ao golpe militar de 1936”, unha acción militar que foi de especial crueza e asañamento, en resposta a esa rede humana que procuraba o reparto da riqueza e a consecución dun horizonte vital máis libre e igualitario.

Desmentindo atávicos prexuízos sobre o individualismo dos mariñeiros galegos, o economista e investigador coruñés lembrou que o seu estudo ten “rigor e veracidade, pero non é un libro neutral”, pois, como dixo, “foi concibido de e desde a memoria dos vencidos, dos traballadores do mar organizados”, con especial atención ao labor desenvolvido por centrais anarquistas como a CNT, e lembrando que “a memoria hoxe hexemónica é a da patronal pesqueira e conserveira, e a patronal sempre tivo quen lle escribira”.

Pereira, que documenta -froito da súa estreita colaboración co Proxecto Nomes e Voces-, as 75 evasións por mar que tiveron lugar desde os portos galegos entre 1936 e 1939, coa participación de 800 persoas, expresou a súa vontade de”resucitar un debate plural” sobre a memoria dun período, que o editor de Xerais, Manuel Bragado, vencellou ao republicanismo. Un rescate no que o editor inscribiu o labor da reformulada Colección Crónica da editora viguesa, con xa máis de cen títulos e novas liñas de publicación abertas.

Fran P. Lorenzo

Comentarios pechados