Menu Xerais

«Longa noite de pedra» no seu tempo, por Manuel Rodríguez Alonso

Manuel Rodríguez Alonso publica no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.

 

 

Arredor de Celso Emilio Ferreiro

«Longa noite de pedra» no seu tempo I

Desde o punto de vista da recepción podemos dicir que na segunda metade dos sesenta e na primeira metade dos setenta as dúas obras que máis éxito tiveron de público na literatura galega foron Memorias dun neno labrego e mais Longa noite de pedra.

Evidentemente, as causas deste éxito baséanse na calidade das devanditas obras, mais tamén noutros factores que cómpre ter en conta. Xa temos tratado diso a propósito das Memorias e agora imos achegarnos a Longa noite.

Longa noite de pedra publícase en 1962 na colección Salnés da editorial Galaxia. A tiraxe era de 750 exemplares e malia o que din algúns, pola testemuña do propio Celso Emilio, o número de vendas foi moderado. Parece ser que en ningún caso tivo o éxito que lle atribúen a esta edición Alonso Montero ou Basilio Losada, como sinala o Diccionario da literatura galega III.

O certo é que o grande éxito de Longa noite prodúcese a partir da edición bilingüe, galego-castelán, publicada pola editorial catalá El Bardo en 1967. Ata1972 a editorial catalá publicará cinco edicións (dúas no 68). Foi o libro de poesía máis vendido da editorial catalá.

A edición de Galaxia parece ser que foi preparada por Emilio Álvarez Blázquez e Francisco Fernández del Riego, especialmente por este último, que realiza a escolma dos poema e ata suxire o título do libro a partir do poema do mesmo título, que abrirá o poemario.

En canto á recepción da edición de Galaxia a crítica non foi realmente entusiasta. Fixeron recensións desta primeira edición Ben-Cho-Shey, Augusto Casas, Salvador Lorenzana, Alberto Míguez, Dora Vázquez, Mauro Fernández, Manuel María e Alonso Montero. Os dous grandes valedores do libro van ser os dous últimos, Alonso Montero (en Hoja del lunes, de Lugo, 12-11-1962) e Manuel María (El Progreso 31-10-1962). Podemos dicir que o crítico que promocionou máis o libro foi Alonso Montero, nuna liña crítica marxista e do célebre compromiso sartriano. Podemos resumir a postura de Alonso sobre Celso Emilio nun libro que tivo unha ampla difusión dentro e fóra de Galicia: Realismo y conciencia crítica en la literatura gallega, que considera hito esencial en la historia de nuestra literatura contemporánea.

Non obstante, Longa noite de pedra vaise atopar coa oposición frontal de Ramón Piñeiro, daquela verdadeiro santón da literatura galega. Se examinamos a correspondencia entre Basilio Losada e Piñeiro (publicada por Galaxia en 2009) atopamos xuízos tremendamente descualificadores da obra de Celso Emilio. Así Losada asegura nunha carta de novembro de 1962: O derradeiro libro de C. E. Ferreiro decepcionoume, é unha poesía destemida e rexa, pero non orixinal, hai nas súas páxinas moito clixé xa visto na poesía castelá (páx. 171). A resposta de Piñeiro é contundente: Estou enteiramente de acordo… Sobran bastantes poemas. Con certeza que terá moito éisito no público, mais iso pouco quere decir tocante ao valor intrínseco do libro (páx. 174). Noutra carta de 1963 Piñeiro engade que a poesía “verdadeira” dos nosos días, eu coido que sigue esta liña: Pimentel – Díaz Castro – Novoneira – Franco Grande (páx. 246). Máis adiante, en xullo do 67, Piñeiro cualifica a poesía de Longa noite de prosaica violencia (páx. 249). Losada contéstalle mostrando o seu pleno acordo: Estou absolutamente de acordo coas consideracións que fai en relación co libro de Celso Emilio. A seguir Losada fala da inconsistencia do libro en canto valores poéticos intrínsecos. Se se quitan media dúcea de poemas que teñen forza de seu, nos demais hai bastante retórica (páx. 251). Noutras cartas Piñeiro e Losada manifestan o seu profundo odio contra todo o supoña marxismo ou literatura social. Mesmo sinalan que os grupos marxistas só queren acabar con Galaxia.

Na correspondencia entre Piñeiro e Franco Grande, Piñeiro sinala, o ano da publicación de Longa noite de pedra (1962): Penso que Os eidos, Sombra de aire na herba, Nimbos e mais o teu libro (refírese a Entre o si e o non de Franco) serán as catro aportacións sustanciás á nosa lírica nestes derradeiros anos (páx. 141). Franco Grande en carta de 1964 sinala: Díaz Castro, morto Pimentel, na miña opinión é o único verdadeiro poeta que nos queda en Galicia… A min resúltame curioso como atopan eco na xente as vulgaridades e ramplonerías de Celso Emilio Ferreiro, mentras un verdadeiro creador como Díaz Castro queda na sombra (páx. 144).

Paradoxalmente o grande éxito de público vaise producir cando Longa noite se publique en edición bilingüe galego-castelán (traducida precisamente ao castelán nada menos por quen tanto desprezaba a obra, Basilio Losada) pola editorial catalá El Bardo, dirixida por Jose Batlló. A  primeira edición bilingüe é de 1967, tras superar uns problemas coa censura dos que falaremos noutro lugar. No 68 ten outras dúas edicións e parece ser que nestes tres anos se venderon 6 000 exemplares, que serían 8 000 tras a cuarta edición de 1972. Foi o libro de poesía máis vendido dos que editou daquela El Bardo. A crítica en lingua castelá recibiuno con parabéns (G. Díaz-Plaja en ABC 10-8-67; A. Tovar en Gaceta Ilustrada 3-9-67 ou L. Azancot en Índice, decembro de 1967). Especialmente significativa foi a crítica de P. Gimferrer, o daquela líder dos venecianos ou neomodernistas en Destino (29-7-67) que afirma: riguroso cálculo interno que equilibra cada poema y el admirable sentido de la imagen poética. Esta es a menudo de raíz irracionalista o surreal y la influencia de Neruda no habrá sido inoperante.

Mais, quen era o editor José Batlló? Batlló nacera en Caldes de Montbui (Barcelona, 1939) e nos comezos dos sesenta residía en Sevilla, onde mantiña un grupo teatral de afeccionados cun daquela mozo Alfonso Guerra. Naqueles comezos dos sesenta Batlló era un devoto da literatura social de Gabriel Celaya e de Alfonso Sastre. Funda ademais a célebre revista de poesía La Trinchera, no ano 1962, precisamente o ano de publicación de Longa noite. Rematada a mili sevillana, Batlló regresa a Barcelona e contacta cos Goytisolo, Gil de Biedma etc. Nunha viaxe a Madrid xúntase cos Celaya, Félix Grande, Pradera e o PCE… Así xorde a colección de poesía El Bardo, que entre 1964 e 1968 difunde a poesía social, mais tamén poesía onde a experimentación vangardista, a preocupación pola forma e a linguaxe e tamén o sentimentalismo son liñas admitidas. Convértese deste xeito na colección onde todos os poetas novos daquela queren ver publicados os seus libros e é definido El Bardo por un dos mellores coñecedores deste período histórico (Jordi Gracia) como una colección poética de batalla y palmariamente roja. Na colección saíu precisamente Arde el mar de Gimferrer. Así pois, El Bardo de Batlló xuntaba o combate social e ideolóxico coa modernidade e o formalismo. Por outra banda, a editorial tiña unha boa rede de distribución a través das librerías progres de Madrid, Barcelona e Zaragoza.

Paradoxalmente, o tradutor ao castelán da edición de El Bardo vai ser o outrora tan crítico con Longa noite Basilio Losada. En cartas sucesivas a Piñeiro Losada aparece convertido nun prologuista e defensor do que el chama poesía combativa, pois dille a Piñeiro que acepta as peticións neste sentido da editorial, aínda que sinala que cumpriría publicar tamén en El Bardo a Pimentel.

Piñeiro non acepta de ningún xeito o éxito de Longa noite e respóndelle a Basilio: … arredor da súa importancia (refírese á poesía de Celso Emilio) hai unha notoria inflación propagandística. É menos orixinal e máis receptivo do que sería preciso para ser un bo poeta. É un poeta bastante retórico, tirando a mediocre, con uns cantos acertos valiosos. Todo o demais, é propaganda (páx. 587). En cartas sucesivas Basilio non ten máis remedio que recoñecer o éxito do poemario, que el designa comercial e rexistra as críticas favorables dos comentaristas casteláns que xa citamos enriba. O certo é que en carta do 21 de xuño de 1969 Basilio sinala: Por certo que Longa noite vai pola 4ª edición… liña eficacísima como demostran os 8.000 exemplares vendidos… (páx. 758). É dicir que en tres anos se venderan oito mil exemplares da edición bilingüe… Xa que logo o éxito era evidente. Mais non grazas a Galaxia e á súa edición, senón á de El Bardo.

Mais a gran difusión que vai acadar a obra de Celso Emilio na propia Galicia entre 1967 (data da primeira edición de El Bardo) e a de 1972 vén determinada por que a súa difusión vai realizarse a partir do movemento estudantil e reivindicativo que prende en Galicia a partir da célebre folga de estudantes de Santiago de maio de 1968.

A gran difusión de Longa noite, como aconteceu por exemplo cos Cantares gallegos, vai vir máis da edición de poemas soltos ca da difusión do libro, aínda que esta fose extraordinaria no seu tempo para ser un libro de poesía e nas condicións de censura que se facía. Os estudantes do 68 compostelán e o grupo Voces Ceibes cantan poemas de Celso Emilio como “Longa noite de pedra”, “Carta a Fuco Buxán”, “Monólogo do vello traballador”, “Romance incompleto” ou “María Soliña”. Por outra banda, nestes recitais de Voces Ceibes adoitaba entregarse ao público o texto dos poemas que intepretaban os cantautores no que daquela se denominaban Cancioneiros. Ían editados a multicopista. Deste xeito o membro de Voces Ceibes Benedicto García sinala no seu libro de memorias Sonata de amigos que no concerto da Facultade de Medicina de Santiago do 26 abril de 1968 se repartiron gratuitamente dous mil cancioneiros (páx. 47). No recital do 1 de decembro de 1968 repartíronse tamén  cancioneiros (páx. 65) a unhas 1300 persoas, aínda que cobrando 10 pesetas por cada exemplar (páx. 65).

Xa que logo, con estes datos vermos que a poesía de Celso Emilio tivo unha extraordinaria difusión e á marxe en certo sentido das canle libro. Os poemas difundidos nestes cancioneiros  e recitais son os máis combativos. Deste xeito, prímase a imaxe dun Celso Emilio exclusivamente poeta social, cando no poeta hai outras moitas cordas, mesmo no propio Longa noite de pedra.

A Filoloxía oficial da Universidade daqueles anos (1967-1972) ignoraba a figura de Celso Emilio. Nas clases de Literatura Galega impartidas por Carballo Calero propúñase a lectura de Nimbos, en sintonía coas opinións xa vistas de Piñeiro. Nas de Crítica literaria, impartidas por Lorenzo, non se facía nada, como xa temos dito, máis que memorizar a Introducción a los estudios literarios de Lapesa o a Métrica do españolista Quiles. Despois veu como gran figura da crítica Bobes Naves e só se falaba de formalismo e máis da poesía pura de Jorge Guillén. Nos métodos de Galego 1, 2, 3, si aparece Celso Emilio. No Galego 1 figura “Pra mocedade”, de Viaxe ao país dos ananos. No Galego 3 na sección dedicada á historia da literatura galega sinala este método …o paso a unha poesía social… concebida como vehículo espresivo da realidade do país. O representante máis destacado desta tendencia é Celso Emilio Ferreiro. Despois dunha serie de libros…, publica en 1962, Longa noite de pedra. O esgotamento inmediato desta obra foi un feito insólito na socioloxía literaria galega (páx. 169).

Na década dos setenta e incluso dos oitenta un dos críticos de poesía máis influentes en Galicia e fóra de Galicia era o tradutor de Longa noite, Basilio Losada. No Almanaque de Galaxia, que conmemoraba os vinte e cinco anos da editorial afirmaba sobre Longa noite: O 1962 é unha data clave da lírica galega. Aparece Longa noite de pedra que, ao meu ver, xunto co de Pimentel, é o libro máis importante da lírica galega de posguerra (páx. 105). É incrible o cambio de opinión sobre Longa noite de Losada, pois unha opinión é a súa antes da tradución e outra despois. A editorial Seix Barral publicará unha antoloxía da poesía galega contemporánea (Poetas gallegos contemporáneos) debida a Basilio Losada. Alí as críticas de Basilio non poden ser máis positivas: Longa noite de pedra es aun la pieza insuperada de la poesía testimonial gallega…

En fin, en sucesivas entregas, analizaremos outros aspectos relacionados coa poesía de Celso Emilio, mais o que resulta evidente é que a difusión de Celso Emilio nos sesenta e setenta foi extraordinaria. Nesta difusión representou un papel importante o libro, pero tamén as follas en ciclostil dos cancioneiros a partir de Voces Ceibes así como as antoloxías, como a citada de Losada. Por outra banda, os cancioneiros difundiron fundamentalmente a poesía social e cívica de Celso, esquecendo outros temas. Mesmo un poema como “Longa noite de pedra” pode ser interpretado por un lector que descoñeza as declaracións de Celso a Freixanes sobre o motivo que provoca este poema non só como un texto de poesía cívico-social. Mais isto queda para outra entrega. Tamén, aínda que nos doa, a gran difusión de Celso veu dunha editorial non galega, como era a de El Bardo, e foron máis xenerosos coa valoración da súa poesía xente de fóra de Galicia, como Gimferrer, que moitos dos críticos galegos, especialmente os do piñeirismo, que se enfurecían perante todo o que cheirase a marxismo.

Mais, sen quitarlle mérito ao grupo Galaxia e a outros similares, moitos soubemos que a literatura galega non era mera arqueoloxía e que tiña unha mensaxe universal no remate dos sesenta e nos comezos dos setenta grazas á obra de Celso Emilio, de Neiras e mesmo dos críticos que daquela defendían o compromiso sartreano. Así mesmo resulta rechamante como Longa noite, igual que acontece hoxe co fenómeno Rivas ou De Toro, acada o grande éxito cando é canonizado fóra de Galicia, polo que daquela se consideraba a crítica progresista ou unida a determinados medios editoriais e mediáticos españois. Tamén foi máis xeneroso con Ferreiro e ata mellor informado unha persoa allea a Galicia como Gimferrer. En fin, seguiremos co tema Celso Emilio.

Manuel Rodríguez Alonso

Deixa un comentario!