Menu Xerais

Lúcida paranoia: «Dióxenes en Dolorida» de Ignacio Vidal Portabales. Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica da novela Dióxenes en Dolorida de Ignacio Vidal Portabales, XXX Premio Blanco Amor de Novela.

 

 

Lúcida paranoia do aprendiz de filósofo en taparrabos

Certamente foi unha sorpresa a concesión do Premio Blanco Amor 2012 a Ignacio Vidal Portabales, un profesor de Dereito con publicacións no seu eido profesional, pero practicamente inédito no literario. Unha sorpresa para o mesmo director do selo editor da novela, mais non sei se ditosa ou desafortunada, A primeira, na miña estima, porque o Premio descobre un novo autor, unha proposta narrativa pouco frecuentada en Galicia: a do humor, a parodia, a subversión como estratexias narrativas, aínda que non deixo de recoñecer certas pexas e estorbos no debe da novela.

   A secreta admiración polo filósofo cínico, Dióxenes de Sínope semella estar na orixe e na xestación desta novela. Talvez foi a consideración polo mestre cínico, unha figura transgresora de calquera sorte de contrato social, o que que motivou a Vidal Portabales a presentar na súa novela un Dióxenes moderno, rodeado de discípulos como o seu homólogo clásico e que, sen falsos moralismos e desde unha, por veces, lúcida paranoia, viven no contexto do mundo de hoxe no que con tanta frecuencia atopamos seres solitarios, expulsados do amor e dos afectos, que procuran a autoestima  con comportamentos de autoterapia, se cadra inconscientes, semellantes aos empregados polo protagonista da novela e os seus seguidores. A primeira vista, un pirado principal e tres secundarios.

   A novela, outra viravolta ao vello tema do amor e do desamor, presenta, en efecto, a un peculiar Dióxenes dos nosos días. El e a súa parella son os dous biólogos de profesión, mais cunha diferenza substancial: ela triúnfa na súa profesión e el non; alérxico aos horarios, buscaba a vida como podía. Dependente, xa que logo, da súa muller, cunha submisión de can, con sensacións de abandono e putrefacción interior. Despois de se crucificaren verbalmente, ante as ameazas dela de botalo do piso, adiántase e instálase nun tonel nunha lomba da vila de Dolorida. Xúntanselle de contado tres discípulos, os tres na mesma orfandade afectiva que o seu gurú, que lles ensina o truco da austeridade. E a partir de aquí, o catro participan ou presencian diversas anécdotas, danlle ao tarabelo, expoñen ideas peregrinas, o mestre alenta os discípulos a quebrantar as normas, e sobre todo latrican cun claro ton misóxino e por veces sexista contra as súas respectivas parellas e contra as mulleres en xeral.

   Na segunda parte da novela, a focalización narrativa cambia de escenario: trasládase a un prostíbulo e entra no xogo a figura dun porteiro, cuxa transcendente misión é a de anunciar a vida á Terra dunha raza superior de extraterrestres. A directora do prostíbulo que frecuentan os catro peripatéticos caninos e desafiuzados modernos na procura de relax e de afecto, e as mulleres que alí traballan, o porteiro e algúns veciños de Dolorida achégannos os seus puntos de vista sobre Dióxenes e a súa panda, e sobre todo escóitannos. Todo isto é o pródromo dunha trama que non spoilerizarei  e cuxo desenlace demostra que esta peza narrativa é unha novela de amor, un amor salvador neste caso.

   É obvio que o lector atopará en Dióxenes en Dolorida a filosofía animal de Dióxenes e os seus catecúmenos -o pirado principal e os tres secundarios-, ateigada de babecadas, algunha ocorrencia evidencialista e, sobre todo, unha manchea de consideracións ou secuencias enteiras misóxinas de cheo, derivadas de supostos comportamentos femininos enteiramente triviais (habilidade verbal a anos luz da dos homes, son gregarias, levitan por certas marcas de zapatos, son expansionistas na ocupación dos armarios, fan pautos diabólicos coas palabras…) E mesmo estes catro cínicos de Dolorida xogan na praia a avaliar mulleres gordas. Un amoado de consideracións, moitas delas tópicas e carentes de chispa.

   Mais son tan extremadas as meditacións misóxinas verbalizadas por este aprendiz de filósofo en taparrabos e polos seus seguidores que, ao meu ver, o que persegue con elas o autor é un eficaz efecto paródico que consiga o efecto contrario: unha sorte de cinismo paranoico que subliña de xeito humorístico e corrosivo o que a sociedade oculta: o machismo subxacente nunha sociedade hipócrita na que moitos homes afirman, de portas para fóra, ser partidarios da igualdade do home e da muller. Velaí o efecto exemplar e á vez contraditorio porque o mesmo Dióxenes manifesta ( páxina 83) estar a favor da liberación da muller e da igualdade de oportunidades. Unha mostra requintada desta misoxinia, que cómpre analizar non fóra de contexto -lembro unha vez máis que o cualificativo que na novela recibe esta tropa de cínicos “aggiornados”, é o de “pirados”-  é a secuencia narrada na páxina 246 verbo dos gustos gastronómicos de extraterrestres programados como as pegas que aterrasen nun sitio onde se celebra unha voda: devecerían por todo o brillante e, xa que logo, comerían as mulleres.

   Penso que o desenmascaramento  social aplicado con tanta retranca e ironía e mesmo ata as fronteiras do absurdo e do esperpéntico á visión que os homes teñen sobre as mulleres e as interaccións xenéricas vistas desde a ollada masculina, é, xunto co amor, o tema de fondo de Dióxenes en Dolorida.

   Acerta o autor na escolla da estrutura coa que ergue a novela:os cadernos ou secuencias que se van sucedendo ao longo do relato, cun narrador principal e varios subnarradores que nos achegan puntos de vista complementarios e converten a novela nun texto coral, polifónico. Tamén no rexistro lingüístico co emprego da lingua da rúa, a anos luz dos discursos academicistas. A pexa que lle poño a este debut narrativo é a enchente de escenas, anécdotas, opinións, ocorrencias, algunhas verdadeiros rebentos de humor; outras, porén, tópicas e aburridas, que, con todo non empecen, na miña estima, o pauto lector coas necesarias verbalizacións dos fracasos sentimentais, así como a visión lúcido / paranoica do mundo que teñen os protagonistas destes cadernos de Dolorida.

Francisco Martínez Bouzas

Deixa un comentario!