Menu Xerais

Lucio Martínez: «Filgueira Valverde tivo o poder suficiente para eliminar probas da súa importantísima colaboración coa ditadura franquista»

Montse Dopico publicou no Magazine Cultural Galego unha entrevista a Lucio Martínez Pereda, sobre  Medo político e control social na retagarda franquista, unha novidade da colección Crónica. A entrevista publicouse tamén no suplemento literario ProTexta.

 

«Filgueira Valverde tivo o poder suficiente para eliminar probas da súa importantísima colaboración coa ditadura franquista»

O terror como xeito de adaptar as condutas da poboación aos lindes ideolóxicos do réxime. A delación como mecanismo de control. Como na Alemaña nazi. Iso estuda Lucio Martínez en ‘Medo político e control social na retagarda franquista’.

O temor estendido entre amplas capas da sociedade foi un elemento imprescindible para asentar a construción do proxecto político da ditatura. O silencio preventivo derivado dese temor constituíuse en pauta conformadora das relacións sociais, en eficaz instrumento de desmobilización da poboación, neutralizador de disidencias e xerador de pasividades submisas. As distintas modalidades represaliadoras institucionalizaron e afortalaron o franquismo mediante a construción dun individualismo inhibidor de respostas colectivas críticas”. Con reflexións coma esta comeza o libro ‘Medo político e control social na retagarda franquista’, (Xerais), do profesor Lucio Martínez Pereda.

Neste ensaio, un dos poucos publicadas sobre a represión en Galicia desde que o recorte do 60 por cento nos orzamentos dedicados pola Xunta á cultura abanearon as estruturas da maioría das editoras do país, Martínez Pereda afonda na represión como xeito de control social “empregado para modelar as condutas da poboación”. Céntrase, para iso, na depuración dos docentes, nas comisións de incautación e responsabilidades políticas e na persecución da masonería. Falamos con el.

Comeza o libro falando das dificultades para acceder a certos documentos, como os expedientes de incautación contra sociedades, partidos políticos e sindicatos. Que problemas tiveches, neste sentido?

Bastantes problemas. Quixen ampliar o estudo de depuración de docentes e estendelo aos inspectores de ensino, un corpo de funcionarios que durante a II República estivo moi implicado na renovación pedagóxica. Un corpo dedicado a promover unha gran diversidade de actuacións, todas cun mesmo obxectivo: modernizar o sistema educativo e situalo ao mesmo nivel doutros países europeos. Pero fracasei. Atopei cun muro infranqueable, cunha estratexia de sucesivos entorpecementos administrativos. Finalmente, -en vista da miña cabezonería-, argumentouse cun feito inapelable; unha inundación de auga producira un compactamento de toda a documentación. Imaxina a cara que se me quedou cando tempo despois escoito ao presidente Feijoo dicindo que non podía proporcionar unha documentación que lle requiría a oposición porque desaparecera nunha inundación de auga.

Cos expedientes de incautación de bens e propiedades contra persoas, sindicatos, partidos, sociedades agrarias e culturais, sucedeu algo similar. Terían que estar nos xulgados encargados de abrir a instrución ou ser trasladados aos Arquivos Histórico provinciais correspondentes, pero non sucedeu nin unha cousa, nin a outra. Os expedientes de incautacións e responsabilidades políticas que chegaron ao Histórico de Pontevedra despois da súa destrución foron pouquísimos e nunhas condicións lamentables: incompletos, ilexibles e mesturados. Respecto da documentación dos arquivos diocesanos galegos, prefiro non entrar en detalles. Outro historiador, especializado na historia da igrexa durante o franquismo en Galicia, -José Ramón Rodríguez Lago-, explícao con rotundidade cando di que os arquivos secretos non están no Vaticano, senón nos bispados.

Defines a represión como recurso para eliminar a posible disidencia e como xeito de control social destinado a axustar as condutas da poboación. A túa interpretación sobre a violencia política franquista non se afasta da dos membros de Histagra, Hispona.. Cales eran os aspectos fundamentais desta cuestión nos que viches necesario profundar?

A delación como un recurso de integración social, a constante participación da Igrexa nos informes sobre a conduta de funcionarios republicanos depurados, procesados polas comisións de incautación e polo Tribunal de Responsabilidades Políticas da Coruña e, sobre todo, a necesidade de profundar na adaptación dos comportamentos dos investigados ao novo canon político do nacional-catolicismo.

O medo, comentas, foi un dous xeitos de xerar pasividade social e a futura “maioría silenciosa”. Mais hai enfoques, como o da historiadora Ana Cabana, que sen negar a eficacia do medo, sobre todo nos anos 40, relativizan a cuestión da pasividade, ao estudar as formas diversas de expresión da disidencia, compatibles co consentemento noutros aspectos. Que opinas dese debate?

Que é totalmente acertado xa que ambas as teses non son contrapostas, senón complementarias. A represión nos seus dous repertorios, quente e frío, sobre todo a segunda, capilarizou socialmente o medo e estendeuno temporalmente até ben entrada a década dos 50, facendo que as respostas de disenso só puidesen existir en termos do que Ana Cabana, seguindo a James C. Scott, chama “discurso oculto”.

Non todo o que non é represión, é consentimento. Existiu ante a ditadura unha resposta social intermedia, situada nun espazo ambiguo que algúns historiadores, chamaron “zonas grises”. A poboación que se move nese ámbito é perfectamente consciente por experiencia propia de onde estaban os límites do espazo de disenso consentido. O coñecemento que permitiu adquirir esa consciencia e a medida deses límites foi adquirido entrando en contacto cos distintos mecanismos da represión fría, eses mecanismos balizaron e delimitaron ese espazo expresivo.

Uns dos efectos do medo foi, como dei Míguez Macho, a privatización do sufrimento e da dor, base da cultura do silencio imposta polo golpe. Que pensas da interpretación deste autor da represión como forma de xenocidio?

É unha pregunta de resposta moi difícil. A argumentación que segue Miguez Macho, axustándose ás definicións xurídicas internacionais é teoricamente impecable, soamente un pero: creo que aínda non hai base empírica suficiente para demostrar a existencia de xenocidio, o cal non quere dicir que non existise.

Un dos obxectivos do teu libro é o estudo dos “totalitarios instrumentos de vixilancia social” do franquismo, tema que tamén tratou Emilio Grandío en ‘Vixiados. Represión, investigación e vixilancia na Galiza dá Guerra Civil (1936-1939)’. Corresponden, entón, eses métodos a un estado totalitario, e non só “autoritario” como chegaron a dicir algúns autores?

Gustaríame lembrar que é o propio Franco quen durante os primeiros anos 40 referiuse orgullosamente ao estado por el construído como un estado totalitario. Temos que darlle a razón niso. Toda ditadura como mínimo é autoritaria, é máis, dicir “ditadura autoritaria” é no fondo un pleonasmo, xa que ningunha ditadura pode deixar de ser autoritaria. O adxectivo non vale para cualificar o réxime franquista, polo menos, até a primeira metade dos anos 50. Existe un problema, se chamamos autoritaria á ditadura franquista, que termo empregariamos para a ditadura portuguesa ou as ditaduras do cono sur dos anos 70?. Teriamos que rebaixalas ao nivel de ditablandas?. Insisto, deámoslle a razón a Franco.

De que xeito se completementaron as represión chamadas “quente” e “fría”. Cales foron as principais manifestacións de cada unha?

O carácter complementario entre a represión quente e fría evidénciase na existencia dunha relación inversamente proporcional na cronoloxización das intensidades de ambas. A represión física extraxudicial decaeu cando entraron en funcionamento os mecanismos de represión xudiciais e administrativos. A consolidación da represión fría prodúcese cando periclita a intensidade da represión quente, dando lugar a unha dinámica represiva de substitucións e relevos. A partir de 1937 a proporción de penas de morte descende en comparación co número de penas de prisión ditadas polos Consellos de Guerra, estas á súa vez diminúen cando entra en pleno funcionamento a represión complementaria.

O ritmo de execucións de pena de morte ditadas polos Consellos de Guerra nas provincias que se incorporan ao bando franquista cando a guerra está a terminar decaeu rapidamente a partir de 1941, cando están a funcionar a pleno rendemento as xurisdicións de Responsabilidades Políticas e Masonería. Semellante circunstancia prodúcese en paralelo á entrada en vigor das sucesivas leis de concesión de liberdade condicional, de 1941, 1942, e 1943, o mesmo período, á súa vez, no que se intensifican as accións das comisións depuradoras. Atopámonos, pois ante unha violencia multifacética, sistematizada, e versátil, que diversifica e complementa o seu repertorio de represalias.

Cales eran as principais pezas do sistema delator? De que maneira conseguiu implicar a base social?

Podemos falar dunha sistemática delatora organizada en catro polos de acción coordinada: propagandístico, institucional, promocional e legal. Empecemos polo propagandístico. A delación, -consideraba como obriga patriótica-, estimulouse mediante campañas de prensa orientando a poboación sobre as pautas a seguir na “detección do inimigo interior”. A Igrexa cooperou neste ámbito, colocando a delación baixo o patrocinio histórico da Inquisición. O turbión acusatorio converteuse nun problema que puxo en risco de colapso as tarefas dos organismos de información e represión. Fíxose necesario facer chamamentos públicos para frear a avalancha de denuncias falsas.

O abano de institucións dedicadas á acoller delacións era enorme; parroquias, alcaldías, garda civil, Delegación de Goberno, Comisarías de Investigación e Vixilancia, Servizo de Inspección de Primeiro ensino, Servizos de Información de Falanxe, as Comisións Depuradoras e Gobernos civís, Xulgados militares, os xulgados provinciais de responsabilidades políticas, as comisións de incautacións. Creouse unha extensa rede de delatores: alcaldes de barrio, porteiros, propietarios de bares e cafetarías. Os delatores-informadores repartíronse por estadios de futbol, prazas de abastos e aulas universitarias. Do mesmo xeito que na Alemaña nazi, as denuncias foron un mecanismo social para que o Estado ditatorial mantivese o control sobre a sociedade.

As denuncias, ademais dunha fonte de información, foron unha de forma implicar a sociedade civil na represión, e polo tanto, de reforzar os seus lazos coa ditadura. A delación converteuse para moitos no primeiro acto de compromiso con esa ditadura. Un compromiso que evidenciaba unha estratexia para porse a salvo das sospeitas de desafección, pero tamén, un recurso para conseguir a promoción persoal. A delación normalizouse, transformándose nun dos alicerces sobre os que se asentaron as relacións profesionais e laborais. Durante a época circulaba un chiste revelador: Quen é masón?,-preguntáballe un funcionario a outro. O que está diante no escalafón. Respecto ao último dos polos, o legal, dicir que a Lei de Represión da masonería ofrecía a posibilidade de atenuar as condenas de cárcere se se facía unha retractación de erros de Fe ante as autoridades relixiosas, pero esta retractación só se consideraba válida se se acompañaba co suficiente número de delacións de “irmáns”, cantas máis mellor.

De que maneira chegou o “pacto de esquecemento” á chamada transición e que consecuencias ten aínda hoxe? Por que se mitificou a transición?

Consecuencias, moitas. Centrarme unicamente naquelas que serven para explicar o atraso que temos respecto de Alemaña e Italia no coñecemento da represión fría. O relato mítico da transición falounos e fálanos dun consenso entre a esquerda e a dereita. Esta idea dun consenso realizado sen ameazas e chantaxes instalouse como materia prima dunha rutina mental, repetida en libros, reportaxes, series de televisión e novelas. A realidade foi outra. As posibilidades estaban recortadas.

A esencia da transición consistiu en tutelar a recentemente nada sociedade democrática e en trazar unha liña que separaba a única posibilidade seleccionada, das demais, que foron presentadas como unha maneira de busca problemas. Á esquerda non lle quedou máis remedio que asumir un camiño previamente deseñado polos reformistas do Réxime de Franco. As elites políticas procedentes do franquismo ostentaban boa parte do poder político do Estado e desde logo todo o poder da forza militar.

Pero a transición non foi soamente un deseño político. Levaba aparellada a necesidade de eliminar o coñecemento dos aspectos máis escuros da ditadura. Esta terxiversación do pasado xa viña ensaiada de atrás. Os historiadores do Réxime da década dos 60 con Ricardo de la Cierva traballando ás ordes de Manuel Fraga inventaron- acuciados polos resultados da investigación estranxeira independente- a teoría das responsabilidades simétricas, baseada na tese da culpabilidade colectiva dunha sociedade incapaz de gobernarse a si mesma, base histórica, á súa vez, para a teoría da reconciliación que iguala a responsabilidade de vítimas e verdugos.

Algo así, -dicíao Habermas en ton irónico-, coma se a responsabilidade do Holocausto se repartise entre Hitler e os xudeus. O relato da equidistancia, do todos fomos culpables, a tese da simetría de culpabilidades, permitiu aos franquistas reformistas trasladar a súa capacidade para manterse no poder desde o réxime ditatorial ao novo réxime democrático. A lei de amnistía de 1977 non é, como se repetiu moitas veces, expresión da madurez democrática, senón do enorme desequilibrio entre o poder das forzas de esquerdas e dereitas. A esquerda do momento non tiña outra alternativa que aceptar a chantaxe.

Iso si, ofrecéuselle unha saída honrosa; fixéronlles crer que o tránsito pacífico á democracia era cuestión que dependía da prudencia da esquerda. O certo é que o PSOE e o Partido Comunista souberon trasladarlle aos seus votantes a idea de que o exército se converteu nunha especie de perigoso animal que non había que espertar. A reforma política non foi consensuada, foi imposta. Estas mesmas limitacións que deron forma á transición seguían vivas e lastraron a Lei da memoria histórica.

Iniciativas como as comisións da verdade, categorías e principios xurídicos como a xustiza transicional e a xurisdición universal non puideron ter lugar. O PSOE coa súa lei da Memoria practicou un falso compromiso coa memoria histórica. O intento do goberno socialista de non ofender os herdeiros ideolóxicos dos vencedores equivalía finalmente a aceptar a versión da historia tardofranquista da simetría de responsabilidades.

No sistema educativo, despois da primeira depuración urxente de mestres, substituídos por xente de afinidade ideolóxica cos golpistas aos que non lles pedían méritos profesionais, creouse unha estrutura con comisións. Cal era, a grandes liñas, o procedemento de depuración? Que papel tivo xa entón Filgueira Valverde?

O docente era suspendido nas súas funcións ata que non se demostraba a súa idoneidade ideolóxica. Estableceuse un prazo de 1-3 meses, intencionadamente incumpriuse e a depuración non finalizou en moitos casos ata que transcorreron varios anos. Conseguíase así que durante ese tempo as prazas fosen refugallo de guerra para párrocos, excombatentes e familiares. Durante este tempo as comisións depuradoras investigaban a conduta dos docentes en catro ou cinco apartados, segundo provincias: social, político, relixioso, e profesional.

Parroquias, alcaldías, falanxe e garda civil enchían uns informes preceptivos, cos datos facíase un prego de cargos. Os docentes podían defenderse e achegar información nun prego de cargos, a maior parte das veces inútil, xa que as acusacións, unha vez formuladas considerábanse probadas, sen admisión de contrastación.

Respecto da segunda parte da pregunta dicir que o papel de Filgueira Valverde foi o dunha persoa astuta que tivo o poder suficiente para eliminar probas sobre a súa importantísima colaboración coa ditadura franquista. Como premio polos “servizos prestados” en tres organismos de depuración- bibliotecas, docentes, e revisión de sancións- foi nomeado 4 veces procurador nas cortes franquistas.

Os mestres e mestras eran depurados por “rojos” ou “marxistas”, “revolucionarios”…, definición inconcreta que abranguía a xente de ideoloxías mesmo contrapostas. Aos galeguistas chamábanlles “separatistas”. E baixo esa acusación é represaliada mesmo xente de dereitas e católica. Mais outros salvan. Por que uns si e outros non?

Algúns salvaron a cambio de grandes cantidades de diñeiro, outras grazas ao apoio de amizades e outros como pago pola delación de compañeiros.

A recristianización da escola foi unha das prioridades. Que ten de herdanza do franquismo o que está a pasar estes días co decreto sobre a materia de relixión? É compatible coa aconfesionalidade do Estado predicada pola Constitución?

Bourdieu dicía que entre as funcións do Estado atópase o monopolio de produción de identidade lexitimadora. O BOE escribindo tantas veces a palabra Deus, así, con maiúsculas, dálle carácter de ben público, de verdade oficial, desparticularízao e produce un necesario efecto de universalización. É dicir, renuncia, ao carácter aconfesional do Estado.

Prestas especial atención ás comisións de incautación e responsabilidades políticas. Cal foi a diferenza fundamental entre a lóxica das incautacións na zona dominada polos golpistas e a republicana? De que maneira as sancións económicas serviron para o financiamento do “novo Estado”, alén dá pillaxe particular?

Na zona leal á república o colapso da estrutura administrativa territorial fixo que a autoridade incautatoria do Estado fose substituída por Xuntas, Consellos, Comités Revolucionarios e Antifascistas que actuaron á marxe da legalidade incautadora establecida polo goberno. Os distintos comités exercían o poder revolucionario nas cidades e provincias nas que gobernaban, sen un poder estatal con capacidade para someter as súas accións á lei. Moitas destas incautacións realizábanse sen coñecemento das autoridades republicanas, que ademais non dispuñan dos medios suficientes para impedilas.

Distintas institucións revolucionarias multiplicáronse estorbando a acción do goberno, e suplantando as súas funcións. O resultado foi unha superposición e descoordinación de distintas instancias incautadoras, dispersas en multitude de microorganismos revolucionarios que obedecían aos intereses de cada partido ou sindicato. As estruturas organizativas do Estado Republicano foron incapaces de someter as incautacións a normas centralizadoras e a unha disciplina común.

E aí radica a gran diferenza respecto do que aconteceu no territorio controlado polos militares rebeldes onde a regulación incautadora se cumpriu estritamente. A inexorable concentración de poder militar garantía que os organismos encargados de levala a cabo funcionasen de maneira xerarquizada e centralizada. Nas zonas onde triunfou rapidamente a rebelión militar- Galicia, Castela e Navarra- non tardaron en porse en marcha mecanismos depredadores, producíndose nalgunhas localidades un auténtico saqueo.

As extorsións e requisas realizadas por oportunistas que se aproveitaban de bens de desaparecidos, asasinados ou fuxidos, foron constantes. Os saqueos repetíronse durante o mes de xullo, agosto e os primeiros días de setembro, pero non foron froito de descontrol: o poder militar dispuña de medios suficientes para evitalos, pero non o fixo, Por que?. Buscouse un caos controlado que estimulase entre a poboación a necesidade dunha orde militar. No fondo- e salvando as diferenzas históricas- estamos ante a técnica do Pronunciamiento dos Persas. Técnica estudada nas academias militares da época.

Por que a Lei de Responsabilidades Políticas é insólita na historia do dereito español, ata para aquel tempo? Poderían establecerse conexións desta e outra leis de represión franquistas coa actual Lei de “Seguridade Cidadá”, que preocupa ata á ONU?

Si hai conexións. Aínda que hai que aclarar que no segundo caso estamos a falar de algo distinto, aínda que non diferente. Ambas as leis; a antiga de Responsabilidades e a actual de Seguridade; poderíanse incluír dentro dunha historia de recortes de dereitos civís en España. España, como acaba de demostrar o historiador Rafael Cruz, é un país que protesta moi pouco. Na Lei de Seguridade, parte do repertorio expresivo da protesta criminalízase e pasa a control gubernativo. Elimínase a posibilidade de que a tutela xudicial poida garantir o exercicio da protesta ante decisións gubernativas inxustas ou abusivas. Dito doutra forma, hai indicios de que imos cara a unha época de gubernativos fortes, cara a gobernos de “lei e orde”, ou cara ao que algúns politólogos chaman “democracia de baixa calidade”.

Por que a masonería se converteu, xunto co marxismo, no centro do discurso conspiranoico do réxime? Por que callou socialmente?

Ese discurso xa fora ensaiado durante a II República. Desde 1932 viña desenvolvendo unha intensa campaña antimasónica coa finalidade de desprestixiar a república, presentándoa como un réxime manipulado polas loxias. As leis laicistas do parlamento- segundo se repetía na prensa afín á igrexa católica- obedecían aos ditados da masonería internacional. Ese mesmo discurso; empregado na exitosa campaña electoral da dereita de 1933; foi posteriormente reutilizado durante a Guerra. A masonería foi unha peza fundamental na escritura oficial do pasado.

Os masóns apoiaran a invasión napoleónica e destronaran a Isabel II. A perda das colonias foi consecuencia dunha conspiración saída das loxias. Os masóns financiaron a Escola Moderna de Ferrer, provocaron a Semana Tráxica e a folga xeral de 1917. A masonería terminara coa monarquía Alfonsina. Non existía acontecemento histórico detrás do que non estivese presente a omnipotente a man do fantasmagórico contubernio xudeo masónico. O masón formou parte da figura do “inimigo emboscado”.

Unha figura dun enorme valor xa que estimulaba na poboación unha permanente situación de sospeita que animaba, á súa vez, á delación. A ficticia conspiración masónica resultaba eficacísima e ademais tiña custo cero. Coa masonería non resultaba necesario demostrar nada. A propia esencia do segredo masónico facía innecesaria as probas de demostración. O discurso conspiranoico baseábase no que os sociólogos chaman “feitos sobredeterminados”, feitos susceptibles de explicarse a partir de causas contraditorias sen que poida probarse a falsidade de ningunha delas.

Montse Dopico

Deixa un comentario!